Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A modernidade da moda

Tres propostas de análise

Diagrama de Bernard Rudosfky (1944).

O MoMa vén de inaugurar unha exposición dedicada á moda que, xa dende o título, ten natureza polémica: Items: is fashion modern? ( Obxectos: é moderna a moda?), un conxunto de cento once obxectos que veñen resumir outros tantos momentos fundamentais na invención e aporte das roupas e accesorios que conforman o modo de vestir ao longo de todo o século XX.

A anterior ocasión na que se organizase unha mostra de moda neste sancta santorum da arte dos nosos días foi no ano 1944, cando o comisario e arquitecto checo-americano Bernard Rudofsky elaborou unha tese analítica e satírica sobre a importancia e natureza da moda na exposición Is fashion modern?. Tratábase, entón, dunha mostra a abondar no discurso crítico e irónico deste profesor de Yale, quen afrontaba as cuestións estéticas e utilitarias dende un prisma flemático, distante e humorístico. De feito, no seu currículo contáse unha conferencia ditada no Black Mountain College que levou por título Como pode a xente esperar ter boa arquitectura cando leva unha roupa sen xeito?. Rudofsky nomeaba a roupa do seu tempo como anacrónica, irracional, impracticable, lesiva e pouco axeitada. Como exemplo do que se expuxo daquela no MoMA resta un gráfico de estilo Modulor no que se enumeraban a totalidade dos botóns e petos que levaba un cabaleiro de cotío.

A comisaria da actural Items: is fashion modern? vén ser a arquitecta de orixe italiana Paola Antonelli, quen conta entre o seu currículo o de ser editora de revistas como Domus, Abitare, profesora en Harvard e UCLA, desenvolvendo dende 1994 as funcións de comisariado no MoMA. Antonelli conta na súa bagaxe coa incorporación dos vídeo xogos na colección permanente do museo e mais a pretensión de contar nos fondos da institución coa aeronave Boeing 747. Daquela, afronta a arte dende un punto de vista da súa relación cos obxectos e o deseño, sendo do mesmo xeito o deseño unha forma de expresión artística.

Temos, pois, no MoMA, dúas exposicións de moda separadas por setenta anos, comisariadas ambas por dous arquitectos que afrontan as teimas expositivas dende a posición do estudo material dos obxectos, a súa función, estrutura, deseño e semiótica. A propia Antonelli declara que mira a conexión da moda co MoMA dende a perspectiva da arte e, logo, do deseño, ámbito ao que conceptualmente traslada todas as creacións.

A moda no Victoria&Albert Museum de Londres vén tendo ao longo da historia un tratamento como unha arte aplicada, os conservadores valoraban a antigüidade, riqueza de materiais, complexidade de execución e propiedade da peza de roupa. Logo de 1971, coa exposición Fashion an anthology by Cecil Beaton, comezaron a valorar as modas dos nosos días, esencialmente dende unha perspectiva de arte aplicada. Por outro lado, a moda no Metropolitan Museum of Art recibe un tratamento como forma de arte. Algo que é indiciario antes de 1971, pero que cobra toda a vixencia logo dese ano co nomeamento como Special Consultant da ex editora de Harper´s Bazaar e Vogue, Diana Vreeland, quen levou a moda dos seus días ás salas do museo a partir de exposicións célebres como The World of Balenciaga en 1973 e Yves Saint Laurent a retrospective en 1983. A moda no MET é tratada como arte, e iso mesmo vén confirmar o actual Head Curator do Costume Institute, Andrew Bolton, quen explica como no seu anterior traballo no británico V&A a moda era arte aplicada e no MET é arte.

Así vimos atopar, en tres importantes museos, outras tres propostas distintas de estudo da moda. Trátase de posicións que non deveñen excluíntes peroque tampouco resultan coincidentes; en todo caso, as tres proporcionan unha ilustrativa análise dos múltiples contidos da moda como materia intelectual.

Cento once obxectos

  • Qué atopamos nunha mostra que pon en dúbida a modernidade da moda, cando de cotío é a moda o máis rompedor e iconoclasta dos eidos estéticos? Atopamos una clasificación de cento once obxectos que, a xuízo dos comisarios, son representativos de aportes esenciais ao vocabulario do deseño. Temos, pois, un clásico como o petite robe noire que se expón en diversas versións para afondar na simplicidade dun deseño que pasou a ser un básico no vestiario feminino dende os anos 20. Hai tamén exemplos de zapatillas deportivas, camisetas brancas de pescozo redondo, pantalóns vaqueiro e, moi notablemente, exemplos de carapuchas toda vez que a carrapucha - inventada para dar calor aos deportistas e cun uso en alta moda nos anos 1930 con sofisticadas siluetas de Elsa Schiaparelli - é agora unha peza universalmente empregada pola xuventude. Aparte dos obxectos de orixe anónima, ou cuxa universalización é tan grande que se converten en nome común, hai tamén nomes propios. En concreto, a moi revolucionaria forma de producir roupa A-Poc de Issey Miyake e Dan Fujiwara, a formar parte da colección do museo dende 1997, e que consiste nun carrete de tecido que xorde listo para ser vestido adoptando formas aleatorias. Hai tamén pezas de Christian Dior, Chanel, Gaultier

Compartir el artículo

stats