Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A dramaturga silente

Xohana Torres na escena galega

A dramaturga silente

Para a escena galega, Xohana Torres Fernández non existe. Ata onde nós sabemos, ningún dos seus textos foi obxecto da escenificación que, pola súa contrastada calidade, merecen: unha produción profesional realizada por unha compañía artisticamente solvente. Forma parte pois dunha longa nómina de persoas que, malia teren feito achegas substantivas no eido da literatura dramática galega con textos moi destacados, permanecen en silencio para o público teatral. A nómina é longa, e velaí están, por exemplo, Xaime Quintanilla ( Alén, 1921), Álvaro de las Casas ( Dente de Ouro, 1930), Bernardino Graña ( 20 mil pesos crime, 1962) ou Inma Antonio Souto ( Era nova e sabía a malvaísco, 1991). Sen esquecer a Luís Seoane, autor de textos tan notables como A soldadeira (1957) e O irlandés astrólogo (1980), pero tamén o magnífico Esquema de Farsa (1956), no que se mesturan técnicas de composición dramática e teatral que van do agit-prop á presentación escénica, pois tal era o xenio creativo e visionario do tal Luís.

Ao mellor en Galicia cumpría poñer en marcha unha especie de Compañía Galega de Teatro Clásico, para, xunto a outros textos da dramática universal, recuperar as augas de todo ese manancial dramático de noso que non regan a nosa escena, pero tamén para dar conta doutros creadores, noutrora moi celebrados polo público e autores de pezas que mesmo hoxe gozan de moita actualidade, infelizmente. Ese pode ser o caso dun texto moi representado de Eugenio Charlón Arias e Manuel Sánchez Hermida. Falamos do parrafeo titulado Mal de moitos (1915), que recrea a maneira en que determinadas persoas abandonan o uso da lingua galega cando na súa vida se producen certas mudanzas. Lembramos tamén A retirada de Napoleón (1928) de Xavier Prado Lameiro, que trata das promesas sempre incumpridas e sempre hiperbólicas da clase política, de toda a clase política. Como agora mesmo, vellos andazos para mal de moitos e de moitas. Con eses e con outros parrafeos, coma O embargo (1911) de Avelino Rodríguez Elías, seguramente se podería armar un bo espectáculo, a pouco que a dramaturxia, como ciencia, fixese o seu traballo.

Na nosa dramática Xohana Torres é autora de dúas pezas memorables, que seguen agardando unha primeira escenificación, e que seguen mostrando a mesma actualidade que tiñan cando se publicaron. A primeira, A outra banda do Iberr (1965), é un texto notablemente complexo, non tanto no plano formal canto no das temáticas, pois a autora presenta as diferentes posicións e maneiras de vivir o desterro nunha comunidade e dunha forma integral, evitando o reducionismo para mostrar con acertada crueza os diversos planos nos que se manifesta a traxedia dos exiliados. Trátase dunha peza chea de claves simbólicas, na que o tempo e o espazo xogan un rol determinante e na que os personaxes teñen un valor arquetípico indubidable. Unha traxedia que padecen agora mesmo moitas comunidades en todo o planeta, coma os Rohingyas.

Pola súa banda, Un hotel de primeira sobre o río (1968) mostra o problema da industrialización salvaxe e os diferentes modos de proceder que o mal chamado progreso provoca nunha comunidade rural, desde o triunfalismo dos dirixentes locais ata a resistencia frontal dun pequeno núcleo familiar, pasando polo conformismo dos que se aventuran na vórtice consumista. Esta dimensión social e crítica combínase coa utilización de claves simbólicas na caracterización dos personaxes, na presentación de determinadas situacións e na ambientación espacial, trazos que caracterizan a dramática da autora.

En efecto, entre os trazos máis singulares da obra dramática de Xohana Torres teremos que destacar o fondo lirismo co que se recrea cada realidade dramática (quer no texto primario ou diálogo, quer no secundario, ou didascalias), pero tamén a sólida caracterización dos personaxes, sobre todo no caso das súas protagonistas femininas (Ruth en Un hotel... e Malen en A outra banda...), que semellan posuír a forza telúrica das terras e das xentes sometidas a fondas e duras transformacións, que Xohana Torres acerta a reconstruír en toda a súa complexidade, tanto no plano social (a patria, a liberdade, os ideais...), como no individual (o amor, a realización persoal, a vida cotiá).

Unha dramaturga silente para mal de todas e todos nós.

Premios

  • A outra banda do Iberr foi o texto finalista no Concurso Castelao de Teatro Galego, na segunda edición, a de 1965. Un premio que convocou en Compostela, entre 1964 e 1966, a Asociación Cultural O Galo, moi activa nos anos sesenta en defensa do teatro galego, e na que tamén funcionaría unha agrupación dramática baixo a dirección de Rodolfo López Veiga, ou unha escola de teatro promovida por Antón Concheiro Caamaño. Dúas persoas que contribuíron a asentar os alicerces do teatro galego actual, e que seguen a ser figuras tan descoñecidas como esquecidas. Naquel concurso de literatura dramática, que coñece tres edicións, foron premiados os textos Cando morren os faroles, de Ángel de la Peña, en 1964; A Revolta, de Xenaro Mariñas del Valle, en 1965, e Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres, en 1966. Fitos na memoria da nosa literatura, do noso teatro, e da nosa cultura. Patrimonio material e inmaterial que cómpre recuperar, manter o poñer en valor, ao alcance de toda esa cidadanía que se quere e se sinte galega. Para o ano que vén, 2018, estaremos celebrando o Ano Europeo do Patrimonio Cultural, e bo sería considerar que tamén no campo teatral hai moito patrimonio. Unha boa oportunidade para recuperar o Centro Galego de Documentación Teatral, que se perdeu nalgún soto da mal chamada Cidade da Cultura. Pois a memoria fai país, pero tamén polo simple feito de que somos humanos en tanto somos memoria, a pesar dos desmemoriados. Como escribía Rafael Dieste contra 1936 en La vieja piel del mundo.

Compartir el artículo

stats