Unha das cousas que tento facer cando viaxo é localizar librerías catalogadas como independentes que conten con presenza de gráfica. Imaxino que é o mellor sitio no que atopar traballos de artistas locais (en moitos casos, autoeditados), fanzines, publicacións de pequenas editoriais propias... Unha forma bastante simple e directa, aínda que non sempre efectiva, de medir a temperatura do sitio fronte á banda deseñada. Non sempre existe este sitio; poucas veces o atopo como quero. Ás veces aparece a librería catalogada como independente e nela existe unha gran sección (de feito, esa sección é case toda a librería) dedicada ao gráfico. Pero, oh, presenza mínima de debuxo ou ilustración. Iso fai que, inevitablemente, pense no status do cómic como arte. Non vou iniciar ese debate aquí. Non agora. O seguinte pensamento importante e recorrente é a medición mental da temperatura comiqueira no meu sitio.
Sen dúbida, Galicia ten grandes buques insignia: Miguelanxo Prado (A Coruña, 1958), Kiko da Silva (Vigo, 1979) ou Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976). Autores cun nome que di algo mesmo a aqueles non-ilustrados. Pensando nestes nomes apareceume na cabeza o de Alberto Vázquez (A Coruña, 1980). Honestamente, descoñezo cantas persoas, fóra de lectores de cómic ou afeccionados á animación, o situarían á primeira. Se dixese Psiconautas, o número probablemente aumentaría. Supoño que o faría moito máis mencionando as palabras máxicas Goya ou Oscar.
Vázquez conta con bastantes premios na súa faceta de animador (incluíndo un galardón no festival Annecy 2016), pero é tamén ilustrador e debuxante. As súas obras animadas están baseadas nos seus traballos gráficos.
Saído de Belas Artes, estuda na Escola Massana (unha canteira marabillosa de ilustradores marabillosos, por certo) e comeza as súas andanzas entre o colectivo Polaqia, do que é fundador e o mundo fanzineiro, con Enfermo. Desde entón ilustrou a grandes autores como Poe ( Hop-Frog, OQO editora, 2008), H. P. Lovecraft ( La sombra sobre Innsmo uth, Astiberri, 2010) ou El Hematocrítico, seguramente, ben situado á primeira ( Feliz Feroz, Anaya, 2014; Agente ricitos, Anaya, 2016), alternando coa ilustración editorial en publicacións como El País Semanal ou La Voz de Galicia. Entre os seus cómics destacan o primerísimo Freda, con textos de Kike Benlloch (Edicions de Ponent, 2002); El evangelio de Judas (Astiberri, 2007), nomeado a mellor obra, mellor guión e mellor debuxo no Salón do Cómic de Barcelona; Alter Ego (Viaje a Bizancio Ediciones, 2008) e Psiconautas (Astiberri, 2006), obra na que se basea o curto Birdboy e a largomentraxe homónima, Psiconautas, os nenos esquecidos.
No traballo de Alberto Vázquez atopámonos co (bo) gusto pola liña e pola mancha (bendita tinta!) en debuxos simbólicos e surrealistas, expresivos, cun toque tétrico ou funesto en moitas ocasións, e cunha gran presenza do inconsciente. Narrativa e ilustración van da man; nas súas obras veremos desfilar unha galería de personaxes excéntricos e angustiados, cunha tendencia aos animais antropomórficos que exudan (moitos) sentimentos humanos; personaxes sobre paisaxes mínimas, en moitos casos esvaecidos, nos que prima o expresionismo dos protagonistas. As súas historias conteñen unha gran carga poética e social, nalgúns casos, que contrasta co uso dunha linguaxe cotiá e coloquial; brusca, mesmo. Vázquez constrúe fábulas con tinguiduras filosóficas entre a psicanálise e o existencialismo nas que mestura drama e comedia, contadas cun humor bastante negro non exento de ironía.
A pesar de estar centrado na animación, dixo en varias entrevistas que está seguro de que volverá ao mundo do cómic. Esperemos que así sexa; despois de dez anos, unha empeza a sentirse algo abandonada. O que non implica que non poida gozar do bo cinema mentres, claro.
Polaqia, a orixe do cómic galego actual
- No verán de 2001 créase o colectivo de banda deseñada Polaqia, fundado por cinco historietistas: Kike Benlloch (A Coruña, 1974), David Rubín (Ourense, 1977), Bernal Prieto (A Coruña, 1979), Jano (A Coruña, 1979) e Alberto Vázquez (A Coruña, 1980). O obxectivo era dar saída, mediante a autoedición e tentando esquivar o obstáculo económico, a proxectos que non tiñan moita cabida no panorama editorial da época, que non era demasiado prometedor en Galicia. Estreáronse en 2002 cunha antoloxía de historias curtas sen texto e en branco e negro, Mmmh!!, e publicaron números seriados e autoconcusivos dos seus autores membro. A principal publicación do colectivo foi o fanzine Barsowia (premiado dúas veces no Salón do Cómic de Barcelona, tanto por votación do público como de xurado), que alcanzou os 16 números. Barsowia foi publicada integramente en galego pero con difusión a nivel nacional. O proxecto creceu tanto que acabou incluíndo a autores nacionais e internacionais. O colectivo recibiu o Premio Ourense de BD á mellor iniciativa galega no ano 2007. Tras unha década de vida, preto de corenta publicacións e varios premios, Polaqia non só conseguiu o seu obxectivo fundacional: logrou traspasar fronteiras, formar unha canteira de autores actualmente recoñecidos (José Domingo, Emma Ríos, Luís Sendón...) e asentar as bases do panorama do cómic actual.