Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Yeah, Yeah, Big Boys!

No adeus de Chuck Berry

Yeah, Yeah, Big Boys!

Nun dos libros máis completos da historia da música pop-rock ( Yeah!, Yeah!, Yeah! A historia do pop moderno,) Bob Stanley di que "o rock´n´ roll veu a salvar as brechas que despois da II Guerra Mundial separaban as culturas de Gran Bretaña e dos Estados Unidos, á mocidade da xente adulta, aos brancos dos negros. Eran os anos cincuenta e o rock tamén recortaba diferenzas entre a arte e o comercio e tendía pontes entre a alta cultura e a cultura de masas." Entón, se houbo un músico ao que se debe esta influencia, sen dubida, ese foi Chuck Berry, un intérprete e compositor cuxos temas ("Roll Over Beethoven", "Memphis Tennessee", "Carol", "Rock And Roll Music", "Sweet Little Sixteen", "Johnny B. Good") versionaron dende Beatles e Rolling Stones ata Elvis Presley.

Chuck Berry morreu o pasado mes de marzo tendo deixado listo para a súa publicación un disco que hai que escoitar agora coma o testamento dun dos persoeiros máis carismáticos do rock ´n´roll. Este disco, titulado xenéricamente Chuck, saía á venda en todo o mundo o pasado 16 de xuño. Semanas antes divulgábase a través das redes o tema "Big Boys", a canción estrela do álbum, en cuxa gravación participaron Tom Morello, guitarrista de Rage Against the Machine, e mais o cantautor Nathaniel Rateliff. "Big Boys" iniciase cun só de guitarra semellante ao de "Johnny B. Goode", tema do que se inclúe unha nova versión (agora co título "Lady B. Goode") cuxos intensos "solos" de guitarra sosteñen a voz de Chuck Berry, que aquí se nota más debilitada a causa das inevitables comparacions coas anteriores coñecidas.

O día no que fixo 90 anos, o propio Chuck Berry anunciou a inminente publicación deste álbum. Era o seu primeiro traballo de estudio en case catro décadas, dende Rock It en 1979, e dixo que estaba adicado á sua muller Themeta Berry, Toddy, con quen casara en 1948.

Chuck está integrado por dez cancions, todas novas excepto "Lady B. Goode", aínda que tamén hai variacions na letra. Oito delas foron escritas polo propio artista. O álbum, producido polo propio Berry, foi gravado en varios estudios de San Luis (Misuri), a súa vila natal, acompañado dos músicos habituais das suas últimas actuacions en directo: os seus fillos Charles Berry Jr. (guitarra) e Ingrid Berry (voces e harmónica), xunto con Jimmy Marsala (baixo), Robert Lohr (piano) e Keith Robinson (batería). Ademais de Morello e Rateliff, Chuck contou tamén coas colaboracions de Gary Clark Jr. e de Charles Berry III.

O tema de apertura do disco, "Wonderful Woman", é o mais extenso (5´20´´), un rock ´n´roll con guitarras en primeiro plano que recordan a forza rítmica dos seus mellores anos. Hai tamén baladas blues ("You Go To My Head") e country ("Darlin") nas que a voz de Chuck Berry esvara sobre un piano suave, acompañada pola voz da sua filla Ingrid. O blues adopta a forma dun recitado, ao xeito dalgúns dos temas do gran Lead Belly, en "Dutchman", e o formato rithm and blues en "She Stills Loves You" i "Eyes of a Man". E hai curiosas concesións: velaí o corrido mexicano, con acompañamento de guitarras slide country, en "3/4 Time (Enchiladas)" e mesmo o ritmo de reggae en "Jamaica Moon". O resultado é un disco que se pode escoitar como unha homenaxe a un dos grandes ou como unha ollada nostálxica a toda una época. Os pouco máis de 30 minutos que duran os dez temas saben a pouco, acostumados como estamos ás gravacions que superan os 60 ou os 90 minutos, a duración dos CDs actuais. Pero como se di: o bo, se breve, dúas veces bo.

Vítima do puritanismo

  • Aconsellado por Muddy Waters, un dos músicos máis reverenciados da época, Chuck Berry gravou en 1955 un tema titulado "Maybellene" que foi ese mesmo ano a canción máis programada nas emisoras de radio nortemaericanas. Durante os que lle seguiron, as súas gravacións tiñan tanto éxito como as actuacións en directo, nas que facía extraños movementos coma o "paso da oca", verdadeiramente espectaculares. Berry foi un dos poucos intérpretes de rock and roll que compoñía a música de case todas ás súas cancions, cuxas letras falaban dos problemas que preocupaban aos mozos: o ensino inútil nas escolas ("School days"), a brecha entre xeacións ("Too much monkey business"), a adolescencia ("Almost grown"), o consumismo ("No Money down") e maiso sexo ("You an't catch me"). Chuckfooi vítima, como Jerry Lee Lewis, do puritanismo da sociedade americana cando se destapou unha oscura relación cunha prostituta menor de idade, por cuxa consecuencia entrou na cadea en 1962. Nunca se recuperou de todo a pesar de ter conseguido media ducia de grandes éxitos nos anos sesenta e mais o recoñecemento dos máis grandes. O seu novo disco devolve á actualidade outra vez unha música e unha voz que conservan gran parte da forza que xa tiñan hai agora mais de cincuenta anos.

Compartir el artículo

stats