Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Óscar Ibáñez: "Ricardo Portela conectou os novos gaiteiros cos do século XIX"

Óscar Ibáñez, coa mesmísima gaita de Ricardo Portela,cedida pola súa familia. //foto: Merchy gómez

- Cando Ricardo Portela morreu, Vde. aínda era moi noviño. Chegou a coñecelo persoalmente?

-Non tiven a sorte de coñecelo en persoa, teríame encantado? En 1989, con 13 anos, entrei a formar parte da Agrupación Folclórica Celme de Pontevedra onde coñecín o gaiteiro Álvaro Novegil, quen me achegou ás gravacións, daquela en vinilo ou casete, de Ricardo Portela así coma ás dos Morenos, Cruceiros, Campaneiros ou Airiños do Parque de Castrelos, todas elas tan importantes no meu crecemento como gaiteiro e das que me empapei dese estilo das "Rías Baixas" tan presente na miña maneira de tocar. Como ben dis, eu era un cativo e tampouco contaba coa información para poder comprender a grande importancia de Ricardo como símbolo, alén da súa interpretación, mais dende sempre engaioláronme os vellos sons da nosa gaita, tan distinta á actual, en especial ás presentes nas marxes do Lérez, e esa curiosidade foi a que me levou a indagar, pescudar durante anos a través das gravacións históricas e outras fontes escritas sobre os máis célebres gaiteiros de Pontevedra, referentes indiscutibles da gaita do país e entre eles, claro, estaba Ricardo.

- Para facer un disco deste tip, tiña tamén Vde. outras posibilidades: Perfecto Feijoo, Xoán de Campañó, Avelino Cachafeiro?.Por que elixiu a Ricardo Portela?

-Todos os gaiteiros que acabas de nomear son referentes da gaita pontevedresa e as figuras históricas máis representativas da gaita galega, sobre todos eses grandes gaiteiros teño investigado e nalgún caso publicado coma o libro-cd Xoán Tilve Gaiteiro de Campañó. Gravacións históricas de Xosé Filgueira Valverde (aCentral Folque, 2015), que elaborei en colaboración co musicólogo Xavier Groba. Ricardo Portela bebeu de todos eles e foi o elo fundamental na cadea de transmisión gaiteira de Pontevedra para as novas xeracións, entre os que tamén figuraban os gaiteiros de Milladoiro e aqueles que se erixirían como as primeiras "espadas" da gaita no "boom" folk dos 90, entre outros. Parafraseando a J.L. Calle, Ricardo Portela, quen se definía como continuador de Xoán Tilve de Campañó, comparte con Perfecto Feijóo e Avelino Cachafeiro o compromiso, a rebeldía e o sacrificio, alicerces do seu permanente activismo reivindicativo a prol da dignificación da nosa gaita, da figura do gaiteiro e da nosa música, temas que nunca debemos deixar de cultivar. Por ese labor, sumado á excelencia da súa interpretación xunto coa súa capacidade de unión dos representantes das diversas maneiras de entender a gaita no país, foi elixido por unanimidade presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos no momento da súa creación e despois presidente de honra. En Ricardo reside esa conexión coa gaita de entreséculos XIX-XX á que el lle aporta un toque de academicismo, sistematizando a ornamentación e a súa virtuosa, excelente e distintiva técnica e estilo interpretativo. Ricardo Portela foi, sen dúbida, o referente que máis me influenciou tanto na actitude e responsabilidade como gaiteiro, que implica tamén exercer de embaixador da nosa cultura, como no interpretativo, sendo a fonte fundamental a partir da que fun creando un estilo máis persoal conectado sempre á tradición gaiteira de Pontevedra; son un admirador incondicional do seu labor, dalgún xeito síntome en débeda con el por todo o que aprendín a través do seu legado e por iso levei a cabo por segunda vez un traballo homenaxe que contribúe á difusión da súa figura e do seu repertorio, á recuperación do seu singular xeito de tocar pechado e a manter vivos os valores presentes no discurso porteliano.

- Ricardo Portela foi, quizais, entre os velles mestres, o que mellor contactou coa xove xeración de gaiteiros xurdida nos anos 80. Pensa Vde. que el tamén acreditaba enque algo importante estaba sucedendo na música galega?

-Coido que tiña moi claro que si. Varias das persoas que asistiron ou participaron na presentaciçón deste disco, o pasado 24 de marzo no acto do Teatro Principal de Ponteevdra, como Xosé V. Ferreirós, Antón Corral, Anxo Pintos ou os irmáns Antón e Xan López comentaban como Ricardo se ilusionaba con ese momento de grande interese pola gaita entre as novas xeracións dos anos 80, que auguraba un bo futuro para o noso instrumento, e lembraban como, a pesar da diferenza de idade, Ricardo sempre estaba rodeado de xente nova fascinada coa súa maneira de tocar así como coa súa boa oratoria e retranca. Ricardo mantiña unha estreita relación con Antón Corral e todos cantos na altura participaban das actividades do Obradoiro-escola de gaitas e zanfonas da Universidade Popular do Concello de Vigo. Pola súa significación e proximidade, en 1986 foi nomeado padriño da Banda de Gaitas Xarabal, da que formaban parte Carlos Núñez, Anxo Pintos, Xosé Manuel Budiño, Hipólito Cabezas ou Xosé Manuel Gil, entre outros, participando na súa presentación no Teatro García Barbón en Vigo.

- Portela asistiu ao nacemento dos principais festivais de música celta que se organizaron en Galicia e coñecía perfectamente o Festival de Lorient. Era un firme partidario diso que chaman irmandade da música celta?

-En 1982, Ricardo subía ao escenario do Festival de Ortigueira colaborando con Milladoiro que, desde os seus comezos ,elaborou unha proposta para a música galega inspirada na estética da "música celta", sobre todo da música irlandesa con influencia tamén do arpista bretón Alan Stivell. Ricardo era aberto a esta nova maneira de facer música galega porque era consciente de que contribuía á dignificación e universalización da música do país.

- Que sentiu cando tocou coa mesma gaita do propio Portela?

-Foi todo un soño e moitas sensacións. Cando estaba no estudio, lembrábame de cando era cativo e sacaba as pezas dos seus casetes querendo tocar coma el; parecíame case imposible que anos máis tarde puidera ter a súa propia gaita nas miñas mans para facerlle un agasallo musical alá onde estea. Foi unha experiencia única, todo un luxo e un honor, mais tamén unha gran responsabilidade: o traballo está feito con todo o agarimo de todos cantos nel participamos e penso que ese foi o ingrediente fundamental para acadar un máis que digno resultado.

Compartir el artículo

stats