Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O espertar da memoria

Na procura da xustiza poética

O espertar da memoria

A xa estensa novelística de Miguel Anxo Fernández alicérzase sobre o xénero negro, sobre todo dende que publicara a súa iniciática Un nicho para Marilyn e presentara ante o lectorado a Frank Soutelo, modelo por excelencia de detective antiheroe, retranqueiro e sedutor a un par, que ten colleitado xa unha boa présa de seareiros e seareairas, entre as que me atopo. Outras das características fundamentais da súa escrita son os seus vencellos co mundo do cinema, no que o autor é un recoñecido especialista, a existencia dunha trama áxil e ben trazada, que mantén a forza de quen le (grazas a interesantes e inesperadas reviravoltas) e a habilidade para describir ambientes con trazos impresionistas e lixeiros.

A súa última novela, Blues para Moraima (Premio Blanco Amor), sae e non sae deste seu universo persoal. Tematicamente sitúase da banda do thriller, mais desta volta, Fernández opta polas subtemáticas da política (que xa visitara outras veces), da Guerra Civil e do apaño da Transición, da podredume dos poderes e dos medios públicos é, en definitiva, do pago de favores. Un xornalista, o noso protagonista, consegue -tras anos de intentos- que volva a Galicia (para facer unha sorte de documental sobre el), Afonso, un afamado cineasta galego, símbolo do exiliado republicano que, dende que se viu obrigado a marchar, non volvera á vila natal. A súa visita desencadea unha complexa trama, en principio formulada para que aqueles que ostentan o poder, poidan lavar a súa máis que dubidosa conciencia. Non obstante, Afonso vai xogar tamén as súas cartas, intentando axustar as vellas contas con estes mandatarios que, cando novo, cambiaron a súa vida para sempre, privándoo do que máis quería. Polo medio, haberá mortes dolorosas e intrigas de alto nivel, que se irán transmitindo a través das impresións do protagonista en primeira persoa, mais tamén intercalando na narración os anacos máis significativos do diario que Afonso escribe lembrando o que sucedeu no pasado.

A historia, que se podería ler tamén en clave de homenaxe a Carlos Velo (cineasta galego sobre o que Fernández ten traballado arreo e do que pode ser un transunto ese engaiolante Afonso), conta a priori con ingredientes ben interesantes. Non obstante, semella que en ocasións, a tentativa do autor de escribir un texto de fondura política, e por momentos ata moral, lle resta parte da súa habitual frescura. Bótase en falta entón, unha maior e mellor caracterización dos personaxes e quizais está de máis unha certa necesidade de colocalos na listaxe dos "bos" e na dos "malos", pois sacalos da narrativa do esperado tería, sen dúbida, arrequecido a obra. Igualmente, a ambientación histórica -necesaria neses treitos do diaro de Afonso- está ausente, o cal é un tanto contraditorio nunha novela con chiscadelas tan evidentes á parte máis dorosa do noso pasado colectivo. Pode, non obstante, resultar moi atractiva esa parte da narrativa na que se vai explicando como se elabora unha produción audiovisual das características da que está a elaborar o autor, un mundo polo momento escasamente coñecido, e por suposto, a homenaxe a unha determinada maneira de facer cinema (implícita na maioría das obras de Fernández).

A pasada historia de amor de Afonso, moi relevante simbolicamente (tal e como demostra o título da novela, homenaxe seguramente tamén á Moraima celsoemiliana), queda presentada nos seus trazos básicos, pero sería moi interesante vela desenvolvida e entender mellor todas esas emocións que turran del para facer xustiza, a pesar das promesas que se fixera de tentar esquecer. Aí si, o lectorado fica reconfortado porque nesta obra, como por desgraza en moitas ocasións non ocorre na vida, hai xustiza poética.

FERNÁNDEZ, Miguel Anxo, Blues para Moraima, Ed. Galaxia, Vigo, 2017, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats