Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAPalabras con sabor a Páramo

Nos 100 anos do nacemento de Juan Rulfo

Juan Rulfo (1917-1986).

Cúmprese un século do nacemento de Juan Rulfo, e México está a celebrar o aniversario: retrospectiva das súas fotografías; aparición da serie Cien años con Juan Rulfo, producida polos seus fillos Juan Carlos e Pablo; edicións especiais dos libros en varias das setenta linguas indíxenas que se falan naquel país.... Hai tamén homenaxes da prensa, das universidades, debates, cine, teatro..., a inauguración do mirador "Vine a Comala" e da Ruta Cultural "el Realismo Mágico" no sur de Jalisco.

Rulfo foi un bo fotógrafo -para Susan Sontag, "o mellor que coñeceu en Latinoamérica"-, capaz de distinguír as ficcións das imaxes tiradas con intención artística grazas á súa cámara Rolleiflex. Sorprende no escritor a beleza das cartas enviadas a Clara, a súa esposa, nas que se amosa como un "desequilibrado de amor" e onde damos con páxinas conmovedoras, como aquela na que fala con amargura dos obreiros da fábrica na que traballa: "Viven sumidos en la sombra, hecha más oscura por el humo (?). Viven ennegrecidos". Pero o xenio creador de Rulfo sobresae, sobre todo, na obra narrativa.

En 1961, García Márquez residía en México, tiña varias narracións sen publicar e andaba á procura de modelos. Un día, Álvaro Mutis subiu a pé ata o sétimo piso no que vivía Gabo e entregoulle unha pequena obra: "¡Lea esta vaina, carajo, para que aprenda!"

García Márquez colleu nas mans P edro Páramo e esa noite non puido durmir. Ao día seguinte, leu El llano en llamas e asistiu con idéntico asombro a aquel desfile de personaxes rurais. O deslumeamento ante o mundo violento de Petronilo Flores e Pedro Zamora, a sorpresa polo estilo poético con que Rulfo describe unha terra calcinada continuarían na sala de espera dun médico, cando descubriu nunha revista científica o relato "La herencia de Matilde Arcángel". Segundo propia confesión, o Premio Nobel colombiano a penas conseguiu ler outros autores durante meses.

Na traxectoria vital de Rulfo destacan o asasinato do pai, a morte violenta dos tíos, a posterior desaparición da nai e o seu internamento nun orfanato. A morte que golpeou a súa infancia, a existencia de personaxes como Pedro Zamora, as acción das bandas armadas durante a Revolución mexicana e a revolta reaccionaria dos "cristeros" contaminan a súa obra literaria. Non fai crónica histórica, novela rexionalista nin realismo fotográfico, pero na carne das palabras latexa a historia de México, o localismo con valor universal e unha oralidade poética que nace na boca dos marxinados. A imaxinación vai unida a unha lingua única e irrepetible. Rulfo abre un camiño. Por el entramos na provincia dos mortos. Os mortos son antigos pecadores que volven a Comala, ánimas en pena que din da soidade e da inxustiza, da paixón. Ás veces a angustia dá paso ao humor, como en "Anacleto Morales".

Rulfo inventa o mundo mítico de Comala, do que logo oiremos ecos en Macondo; pero despois de escribir dúas obras mestras, non volveu publicar ficción malia que pasou media vida dicindo que estaba a escribir unha novela: La cordillera. Para desesperación dos seus admiradores, mantivo un silencio de trinta anos, ata a morte.

El llano en llamas e Pedro Páramo son dous diamantes tallados con suma perfección. Na talla de Pedro Páramo foi decisiva a intervención de Arreola. Rulfo no lle atopaba forma a novela, pero Arreola convenceuno de que debía publicala sen darlle máis voltas; a estrutura desordenada do texto e a súa poesía eran un grande acerto. Houbo logo quen dixo que o relato "era fruto del burro al que sonó la flauta". Este tipo de comentarios poñíao de mal xenio, igual que as críticas negativas, que non foron poucas. A cambio, recibía os eloxios de Neruda, Carlos Fuentes, Onetti ou García Márquez.

Rulfo é, sen dúbida, un dos grandes da literatura americana do século XX. O sabor rústico dos vocábulos, a desorde temporal -que Carlos Velo puxo do dereito-, o monólogo interior dos mortos cativan o lector. Cunha narrativa breve e intensa, cunha literatura inzada de soidade e de culpa, de dúbidas relixiosas e de escepticismo ante a vida, colleu o testigo de Azuela e deulle prestixio mundial á narrativa do seu país.

Compartir el artículo

stats