Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Eduardo Esteban: "Universidades de Hispanoamérica e EUA apoian a orixe galega de Colón"

PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN CRISTÓBAL COLÓN GALEGO "Celso garcía de la riega"

Eduardo Esteban Meruéndano. Foto: Carlos Montoro.

-A asociación que Vde. preside,leva xa bastantes anos coa reivindicación do nacemento en Galicia de Cristóbal Colón. Ata que punto está tendo repercusión esta andaina fóra de Galicia, tanto en España como a nivel internacional?

-Malia que foi a primeira teoría que se opuxo á orixe xenovesa, no ano 1898, resultou duramente atacada e perdeu unha gran parte do seu protagonismo debido a xenreiras entre varios intelectuais e D. Celso García de la Riega, que foi o principal iniciador e divulgador da teoría galega, recollida no seu libro Colón Español, su Origen y Patria (1914). Naqueles anos, estaba moi extendida e consolidada en toda Hispanoamérica, sobre todo en Arxentina, Cuba, México e Chile. Na actualidade, a aplicación de novos métodos e técnicas de estudo a todas as probas que aporta a Teoría Galega, e a súa continua divulgación, volven situar a Galicia como orixe do nacemento de Cristóbal Colón, o home máis importante da época dos descubrimientos; cuns adiantados coñecementos en astronomía, cartografía, navegación, enxeñería naval, etc... Neste momento, a teoría da orixe galega está sendo divulgada e aceptada en todo o mundo; e o seu protagonismo chega a universidades de Hispanoamérica e dos EUA.

- Séntense apoiados na súa reividicación tanto pola Xunta como polo Goberno?

-É unha cuestión social, cultural e académica; non política. Os apoios veñen das universidades. Hai un convenio de colaboración asinado coa Universidade de Santiago de Compostela, e o apoio da Universidade de Vigo que, a través do seu Consello Social, colabora na aproximación á comunidad académica. As nosas solicitudes son ben acollidas por organismos do Estado español, como se demostrou na recente validación dos documentos dos séculos XV e XVI por parte do Instituto do Patrimonio Cultural de España, organismo adscrito ao Ministerio de Cultura.

- Ultimamente están aparecendo unha serie de documentos cos que, efectivamente, se demostra que existe un vínculo entre o apelido Colón e Galicia, concretamente a Poio. Dos últimos achados, cales sinalaría Vde. como os de maior importancia?

-Os únicos lugares do mundo nos que aparece o apelido Colón dende o século XV son Pontevedra e Poio. E non soamente en documentación notarial en papel, tamén en pergamiño e en inscripcións de pedra. Recentemente recuperouse o documento da merca da finca de "A Puntada", que relaciona Pontevedra co Ducado de Veragua, un título honorífico creado para os descendentes do Colón Descubridor. Ese achado cáseque nos permite asegurar que o clan Colón, que vive en Pontevedra dende antes do reinado dos Reis Católicos, é o mesmo que o do Colón Descubridor.

- Unha des teses máis "atrevidas"é a que sinala que Cristóbal Colón e Pedro Madruga foron a mesma persoa...

-Efectivamente, pero só é unha delas. Tamén é a máis coñecida "popularmente", malia non ser aceptada en círculos académicos. Por iso, a Asociación CCG prefire dala a coñecer dunha forma sinxela, moi didáctica e novelada, a traveso de varias publicacións, dende un punto de vista crítico e racionalista. Esta posta en valor e reactivación da teoría está sendo moi valorada. O coñecemento da mesma e a súa clara singularidade histórica, están provocando a aparición de guións cinematográficos para levala á grande pantalla. A función da nosa Asociación é respectar todas as teorías que defendan a orixe galega do navegante e servir de asesores a quen nolo solicite.

- Caben moitas posibilidades de que Cristóbal Colón procedese dunha familia xudía?

-Podería ser. Galicia conviviu amigabelmente cos xudeus e en Pontevedra estaba unha de las xuderías máis importantes de Europa. Na documentación que manexamos, aparecen moitos nomes hebreos. A propia Basílica de Santa María, construída pola Confraría de Mareantes -porque hai Colóns Mareantes-, conserva unha inscripción en pedra co apelido "de Colón", e na súa fachada principal loce un conxunto escultórico representando á Santísima Trindade, no cal Xesús está sentado á esquerda do Pai, e non á dereita como reza o credo cristián. Algo que se interpreta como unha concesión aos xudeus, que no cren na divinidade de Xesucristo, xa que para eles foi un profeta e non o fillo de Deus.

- Podería explicarnos, e demostrarnos, por que a tese de que Colón nacese en Galicia ten máis fundamento que a tese que apunta que naceu en Xénova?

-Se consultamos a hemeroteca, no ano 1927 un importante xornal con tirada en toda España, o Abc, convocou un concurso internacional, cun xurado de recoñecido prestixio intelectual e académico. Presentáronse 18 traballos de Cuba, Inglaterra, Marrocos, Portugal, Estados Unidos, Paraguai e España. Non se puido afirmar -segundo os criterios do xurado, moi presionado, tal e como demostra o retraso no fallo do concurso- que Colón fose español, pero si concluíron dicindo que "algunos de los trabajos presentados ofrecen argumentación sólida contra la tesis de que Cristoforus Columbo, nacido en Génova e hijo de Domenicus, haya sido el descubridor del Nuevo Mundo". Hoxe, noventa anos máis tarde, séguese dicindo que Colón era xenovés ?. É necesario ter presente esa realidade e considerala. Debemos recuperar o tempo perdido.

- De triunfar a Teoría da Orixe Galega, que pasaría coas demais?

-Cada teoría e investigación é unha fonte de riqueza cultural e social, persoal, dun colectivo ou dunha zona diferenciada. Todas as teorías nacen cun fin e aportan uns coñecementos históricos e documentais novos, que non deben perderse nunca. No caso do Colón Galego, o traballo do noso colectivo está axudando a localizar, estudar e transcribir a pouca documentación existente en Galicia do século XV, unha etapa difícil de tratar. Débense perpetuar eses achados e estudos, adaptándoos á realidade do entorno; porque Colón soamente puido teer unha orixe.

Compartir el artículo

stats