Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A xesta da vacina

Entre a historia, a ciencia e a literatura

A xesta da vacina

Os avances da ciencia, neste caso as vacinas, son a materia novelada en Os nenos da varíola, a nova obra de María Solar na que a autora volve ao pouso da ambientación histórica -desta volta inda con máis forza e con máis ambición-, como xa fixera n' As horas roubadas (2016). Novela histórica, novela científica poderían ser as etiquetas de presentación do texto, cuxo feito principal foi abordado xa por narracións anteriores no sistema literario español, coma Los ángeles custodios de Almudena de Arteaga (da que se ten feito mesmo un telefilme) ou A flor de piel (2015) de Javier Moro. Estas obras poñen o acento en aspectos un tanto diferentes, polo que a proposta de Solar resalta sobre todo por situar toda a acción na Coruña no tempo previo a que parta a expedición, pola importancia de Posse Roybanes na trama e polo foco nos nenos "escollidos" para levar a cura da varíola a América.

Se algo resalta na novela, é o seu protagonismo coral, no que se mesturan personaxes que existiron na realidade con caracteres fabulados pola autora. Por unha banda están os cativos que viven no orfanato coma Clemente de la Caridad, Ezequiel, Inés ou Tomás, pola outra a directora da institución, Isabel Zendal, o seu fillo Benito, e as relixiosas que traballan con ela (que aparecen como un só ser de idénticas características), ademais do doutor Posse Roybanes -ao mando das necesidades médicas do hospicio-, Balmis -impulsor da expedición e obsesionado por levar a cabo a titánica empresa, e o seu axudante, o novo cirurxián Josep Salvany Alén disto, aparece tamén Candela, unha muller que aleita orfos e que terá un papel relevante no texto. O pulso entre literatura e historia gáñao a primeira, pois son, en xeral, os personaxes que saíron exclusivamente do maxín autorial os máis libres, quizais tamén os mellor trazados porque sobre eles non pesan os ferrollos do que ocorreu, senón que atenden exclusivamente a necesidades creativas, a facer da novela un texto engaiolante que conte máis que un fito científico.

É evidente o inxente esforzo de Solar en recrear os feitos históricos tal e como foron (nese senso apréciase unha precisa documentación) e en reproducir os ambientes do alborexar do século XIX dunha cidade da Coruña que aparece ferida pola fame e pola enfermidade. Ás veces, a voz narrativa teima demasiado en facernos partícipe desa miseria e mesmo se coa algunha lección moral arredor do desprotexidos que estaban os expósitos nese tempo e as causas do seu abandono. Mais a mellor narrativa agóchase cando aparecen as emocións e deixan ver que sentían eses caracteres cando se estaba a xestar unha expedición que salvaría as vidas de moitas persoas. O libro remata -e isto non supón ningún spoiler innecesario- cando a corveta María Pita está a piques de partir. Pregúntome se a autora volverá cunha segunda parte na que mesture as vivencias dos que quedan coas dificultades dos que marchan. Por que non?

SOLAR, María, Os nenos da varíola, Ed. Galaxia, Vigo, 2017, PVP. 12, 50 ?

Compartir el artículo

stats