Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Imaxinario colectivo

Desde o Mississipi ao Atlántico

Imaxinario colectivo

Tom e Huck, dous nomes que nos transportan ao Mississipi, río no que Mark Twain sitúa as aventuras de dous dos seus personaxes de ficción máis significativos e que Alex Bayorti converte en protagonistas da súa novela, mudando o río norteamericano polas augas do océano Atlántico.

Tom e a súa amiga da infancia, Huck, reencóntranse despois dunha longa tempada distanciados e emprenden unha aventura na procura do misterio da trabe de ouro que atopan nunha nota deixada por Branca, unha muller internada no manicomio de Conxo que é acoitelada antes de que Huck abandone o sanatorio mental.

Tan pronto como conseguen descifrar a misteriosa nota poñen rumbo cara a Noia, coñecen a Xiana, chegan a Fisterra, descobren o significado do mapa encriptado, achéganse a Ézaro, soben ao Monte Pindo e descobren con sorpresa que preto da Pedra da Moa uns encarrapuchados vestidos con túnicas brancas tentan facerlles compaña.

En Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro, obra gañadora do décimo quinto certame de Relato de Aventuras "Antón Avilés de Taramancos", combina elementos da mitoloxía galega como o universo máxico de mouras que acochan un tesouro inmenso rico en pedras preciosas e xoias de ouro, con aqueloutros que teñen que ver co valor da amizade, dos sentimentos, do pasado, do que puido ser e non foi, dos erros e dos acertos das decisións adoitadas e todo nunha atmosfera de relativa liberdade que permite aos personaxes comportarse coa naturalidade que outorga sentirse desprovisto dos lazos da diplomacia.

O camiño permítelles os dous amigos establecer un dobre diálogo: co pasado, ao lembrar momentos vividos inolvidables uns, menos agradables outros e co presente coa realidade que, a miúdo caprichosa, tenta poñelos a proba coa intención de que no seu proceso de madureza perciban que os cambios nas súas vidas son inevitables e de todo han de aprender.

Neste percorrido ningún dos dous se resiste a aceptar a nova situación vital na que se atopan e asumen o seu destino sen deixar de reflexionar sobre eles mesmos e sobre o outro nunha sorte de catarse liberadora.

O mundo de ensoñación/ficción creado encárgase de darlle veracidade a uns feitos que forman parte do imaxinario colectivo e que axudan a crer.

BAYORTI, Alex, Tom Huck e o misterio da trabe de ouro, Ed. Urco, Santiago, 2016, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats