Un total de catorce poemas enchen as páxinas de O libro dos medos cuxa autora tenta desmitificar esta emoción instintiva e universal, habitual na infancia e que forma parte da evolución normal do neno. As ferramentas que emprega para levar a cabo tal empresa son sinxelas e están ao alcance de quen se deixa levar pola vontade e interpelar polo sentido común.
A noite, a treboada, os ruídos, os animais, as pantasmas, o coco, as bruxas, os monstros e mesmo os médicos e os pallasos son algún dos axentes causantes do medo e as razón de tal angustia son do máis variado: o asubío no aire, o ladrido dun can, as carreiras do rato, os afiados cairos, as batas brancas, o nariz vemello, as verrugas, os rabos peludos ou os cornos na testa. Todo fantasías que, a miúdo, funcionan como sistemas de alarma que avisan dun posible perigo máis imaxinario ca real e que o neno irá perdendo ao adquirir unha comprensión máis racional do mundo.
Para iso, a nai emprega a fala, as palabras e unha sorte de diálogo co fillo vai disipando os temores e inquedanzas do pequeno que percibe nas verbas unha especie de antídoto, capaz de cumprir unha función positiva e protectora que ao mesmo tempo é proba de intelixencia.
Por outra banda, a disposición en verso dos enunciados conférelle un agradable ritmo á expresión e facilita a comprensión da realidade que se presenta. E da mesma forma que o medo é natural, tamén a súa desaparición circula polos vieiros da naturalidade ao ser quen de racionalizar o posible perigo ou dano real ou imaxinario.
María Canosa aborda en catro bloques os posibles medos: natureza, animais, persoas e seres fantásticos son obxecto de análise e tratamento e catro os poetas clásicos que con versos alusivos inician cada apartado, conseguindo deste modo que se perciban as diferentes faces dunha mesma realidade.
A proposta plástica que Olaya Naveira realiza con trazos limpos e intencionadamente inxenuos permítelles aos lectores camiñar neste proceso de racionalización do medo. Por exemplo, nas primeiras páxinas unha nai moi grande mece a unha nena moi pequena que co paso do tempo tamén se fai enorme e así continúa amosando que calquera medo desemboca en algo positivo.
Os destinatarios do volume que a Editorial Bolanda vén de publicar nunha edición moi coidada poden estar contentos, porque quizais atopen nestas páxinas pistas acerca de como afrontar determinadas situacións facendo boa idea de que O libro dos medos está de medo.
CANOSA, María, O libro dos medos (Ils. Olaya Naveira), Ed. Bolanda, Santiago, 2016, PVP. 18 ?