Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Vilanova: "O máis importante é ter amor pola lingua na que se escribe"

Manuel Vilanova - POETA

Manuel Vilanova na súa casa de Vigo FOTO: ELI REGUEIRA

- Non é usual nestes tempos publicar un poemario con tantas páxinas como as que ten Un banco na Gran Vía. É que tiña tantas cousas que dicir, ou por escribir, dende que dera ao prelo a súa obra anterior, Nin siquera no ceo, hai cinco anos?

- Para min un poeta debe traballar todos os días.Nese sentido o meu modelo hoxe por hoxe é Juan Ramón Jiménez. Neruda e Rafael Alberti son outros dous bos exemplos.Se un repara un pouco nas obras completas de Lorca, a proporcionalidade entre idade e obra é asombrosa.Outro auténtico volcán foi don Álvaro Cunqueiro do que, doutra parte, hai que lamentar a falta de edicións anotadas.Escribindo todos os días sempre se atopa algo novo. Eu, pola miña banda, non fago máis que pensar, darlle voltas a todo o felizmente vivido. A idade outorgaironía, felicidade e distanciamento. Cada día envóltame algo que me impulsa como me impulsa a beleza da cidade de Vigo.Por certo, desde que rematei Un banco na Gran Vía xa preparei outro texto ao que só lle faltan retoques. A verdade é non entendo moi ben porque hai que seguir hoxe as teses aristótelicas (a lírica é brevidade).En todo caso, cada quén que faga o que lle pete. Simplemente que non disimulen a súa desidia e a súa preguiza baixo normas inventadas.

- Como definiría Un banco na Gran Vía: como unha obra de madurez poética ou como o resultado de todos os anos que leva escribindo poesía?

- Definiría Un banco na Gran Via como un esforzo creativo de madurez na procura do Graal,como posible símbolo da busca do sagrado,desde o amor aos mitos, á formación da cidade de Vigo e a nosa historia. Ademais. hai nel un proceso metafísico no que este libro se pregunta qué é o Graal. Compañeira do libro é unha historia dos bancos, cómo eran, cómo foron,para qué servían, onde estaban, desde a antigüídade ata hoxe.

- Os escritores adoitan dicir que a súa última obra é a mellor. É este o seu mellor poemario?

- É certo. Un queda moicontento co último que fixo. Así e todo, eu volvería asinar o meu primeiro libro. Seríame imposible escoller entre os meus libros. Ando a escribir unha poética na que busco, analizándoas, fixar as miñas preferencias, que me interesa hoxe mais sen renunciar a ningún, o que está publicado está publicado e non se pode ocultar; está nas lapelas dos libros, internet, enciclopedias,libros de texto, historias da literatura... Eu non camiño pola vida imbuído de ningunha misión sagrada para alterar a obra de ninguén.

- Vde.empezou escribindo, de moi novo, en castelán. Que razóns o levaron a escribir en galego e a manterse sempre fiel a esta lingua?

-O importante realmente é non só escribir en galego senón que a sociedade nos lea, que,asista ao noso cine, encha os nosos teatros,merque as nosas novelas. Todo o demais será un acto heróico ou unha necesidade expresiva. Alá cada quén co uso que lle dá á lingua. Máis que escribir nunha lingua ou outra, o importante e tratalas amorosamente e non estragalas demasiado.

- Vde. recibiu dous premios da Crítica polas súas obras A lenda das árbores de prata e A esmeralda blanca. Que representaron para Vde. estas dúas distincións?

- A min non me gusta nada presentarme a premios "económicos", nin cobrar ningún euro por actividades" socio culturais". Nunca tiven subvencion ningunha nin dos concellos, nin da Xunta.Tampouco me parece mal que outros o fagan.Vista así a cousa, fíxome unha grande ilusión que dous xurados de críticos, arredor de 20 persoas, nas que eu non podo influir, se fixasen en dous poemarios meus. Un deles moi breve, A lénda...-, e outro A esmeralda..., dunha extensión semellante a este que nos ocupa hoxe. Isto lévanos a outra cuestión: o tema mesmo e o enfoque lingüístico do que pensamos son os que delimitan a extensión do libro.

- A poesía é necesariamente un xénero para minorías? Os poetas de hoxe deben resignarse a escribir para uns poucos ou deberíanrebelarse?

- Os poetas, en principio, aínda os máis conservadores, son homes rebeldes. Pouco ten que ver un home que dedica a súa vida á unha especie de iluminación, a un facer, e a un qué facer coas palabras, a indagar nunha nova forma sabedoría, de coñecemento, de sentimentalidade e a un axeitamento diferente... Pouco ten que ver isto, digo, coa burguesía. Polo tanto, lernos é difícil, soament nos le quen busca esas cousas. E iso non é para unha maioría. En realidade non importa demasiado para quen é.Eu estiven pensando moitos anos en non publicar nada, pero os libros publicados marcan as datas e este feito é moi importante nunha literatura como a nosa.Desde outro punto de vista, as persoas coas que me relaciono son poucas. Este proceso de illamento responde ás miñas necesidades creativas, levo atopado moito tolo (e moita maldade) nas tabernas de Galicia e de Madrid. De maneira que hoxe soamente converso cos poucos que pensan coma min. Algúns dos meus libros están sen distribuír, imaxine Vde. o que me importa que me lean. Nin no Intituto nin na universidade endexamais lle dixen aos meus alumnos que era poeta. Nin lles lin ningún poema meu. Rexeito recitar en público, e sempre que o fago é dun xeito forzado. A min vaime ben aquela fábula cernudiana de Ocnos, persoeiro grego que trenzaba con xuncos fermosisímos cestos coa súa man para despois darllos de xantar ao seu burro.

- Carlos Oroza dicía que era poeta porque "alguén" ou "algo" (Deus, o destino, a fatalidade...) así o determinara. Vde. por que é poeta?

-Esas frases son de Lorc.. Son sentimenrtos moi persoais, tanto que eu non vou lembrar agora aquí.Teño varios poemas que tratan dese tema ao longo da miña vida. É moi complexo,e non ten a mesma resposta aos 30 anos que aos 73,porque ademaáis cada un dous meus libros cambia radicalmente respecto ao anterior.

- É realmente a obra de Rosa lía o cumio da poesía escrita en galego ou esta opinión, tan repetida, é máis ben o resultado da construción do mito?

- Falamos demasiado de Rosalía. Representa e leva a cabo unha solución a moitos problemas técnicos da poesía que a converten nun ser excepcionalmente xenial. O seu crecento como poeta é impresionante, o tratamento da sintaxe, os poemas dialogados,a súa reflexividade, o tratamento da emigración, a morte, a soidade, a anguria, o pre- existencialismo,os seus poemas relixiosos... A min supérame a reiteración de discursos indiscretos que se fan sobre a escritora, de tal xeito que ás veces semella unha bandeira, outras unha virxe, e outras un deus. Sempre se reiteran as mesmas cousas,os mesmos tópicos. Son tantos que eu xa non leo algunhas escritas que ameazan con enervarme.Por certo, Cernuda sinalou nos seus escritos sobre literatura que os dous grandes fundadores da poesía española contemporánea son Rosalía de Castro e Bécquer. Como non teñamos algo novo que dicir, o mellor é volver lela cada pouco, con amor, e deixala en paz como bandeira. Porque Rosalía supera esa condición. Como signicante, Rosalía de Castro é arte e como significado vén ser un símbolo e un mito.

Compartir el artículo

stats