Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

...Y en esto llegó Fidel

A revolución na gran pantalla

Fotograma de Fresa y chocolate (1993).

Por máis que o socialismo promulgue a supremacía da colectividade por riba das individualidades -poucos filmes representan o protagonismo grupal socialista como O acorazado Potemkin (Sergei M. Eisenstein, 1925), especialmente na mítica secuencia da escalinata de Odessa-, no caso da revolución cubana, as pegadas de Fidel Castro e Ernesto "Che" Guevara semellan contradicir a devandita formulación, sobre todo cando comprobamos a "irrespetuosa" mercantilización da imaxe do "Che" en camisetas, gorras ou chapas. Polo tanto, non caemos na hipérbole se afirmamos que narrar a historia destes personaxes reais supón abordar algo máis que un simple relato biográfico; supón contar, ademais, a historia dun país, a historia dun século, a historia dun conflito universal, e supón tamén adentrarse nun debate ideolóxico, económico e, incluso, filosófico. Unha vez asimilemos isto, poderemos facernos unha lixeira idea da importancia histórica de ambas figuras.

O director estadounidense Steven Soderbergh foi consciente da complexidade e do ollar poliédrico que exixe o retrato de Ernesto "Che" Guevara cunha fita de máis de catro horas de duración que, para o seu itinerario comercial, foi dividida en dúas: Che: el argentino e Che: la guerrilla (2008). Sobre o guerrilleiro arxentino existen dúas longametraxes tamén salientables como son Che (1969) de Richard Fleisher e Diarios de motocicleta (2003) de Walter Salles.

Quizais, por carecer dun epitafio ata hai unhas semanas, as aproximacións cinematográficas á figura de Fidel Castro son máis escasas, aínda así atopamos en Comandante (2003) de Oliver Stone un documento filmado onde se recollen declaracións do líder cubano realizadas ao director estadounidense durante a súa estancia de tres días na illa. A estrea do film foi bloqueada en Estados Unidos, e Oliver Stone culpou directamente "á mafia cubana" afincada en Miami. O documental cede a palabra a Fidel Castro e compendia en noventa minutos un material de trinta horas de entrevistas. Nesta proposta documental, Oliver Stone fai uso da súa concepción do cine para revestir con imaxes as palabras que nese momento conforman a alocución de Fidel Castro. Para intentar entender en parte a narrativa cinematográfica do director norteamericano, temos que aferrarnos a unhas declaracións súas nas que sinalaba que a mente humana funcionaba en formato dixital. É dicir, o pensamento non progresa de forma lineal como un relato clásico, senón que, ao chegar a determinados puntos do razoamento, vai dando saltos que enlazan un concepto cunha imaxe mental, aínda a conta de perder o fío narrativo, como se o pensamento traballase con hipervínculos que van conformando unha tea de araña arredor dunha serie de sensacións, de tal xeito que nun virtuoso emprego da montaxe, Stone vai complementando o relato oral de Fidel Castro con insertos, nalgúns casos extradiexéticos, de planos rescatados dalgunha parte corporal do mandatario, dalgún arquivo de imaxes, ou dalgún obxecto que decora o espazo da acción.

Ademais destas miradas foráneas, curiosamente ambas estadounidenses, existen dúas pezas menos coñecidas pero máis apegadas ao momento tanto espacial como temporalmente. O cubano Tomás Gutiérrez Alea quixo retratar desde dentro a crónica da guerrilla con Historias de la revolución, en 1960, apenas un ano despois da entrada de Fidel Castro na Habana, aínda que co paso do tempo Gutiérrez Alea achegaríase a unha postura máis crítica co réxime cubano. Pouco despois, o cineasta soviético Mijaíl Kalatózov filmaba Soy cuba (1964), unha película que non foi ben recibida na súa época e que tres décadas despois foi recuperada e restaurada por Martin Scorsese e Francis Ford Coppola.

Cuba films

  • O cine cubano en vésperas da caída de Batista era practicamente inexistente, e para paliar esa carencia naceu en 1959, o mesmo ano do triunfo da Revolución, o Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) baixo a dirección de Alfredo Guevara. O ICAIC ábrese ás máis variadas influencias na procura dunha actualización que, moitas veces, atópase coa contradición de asumir, por un lado, unha función de vangarda artística, que moitas veces podía chegar a ser demasiado críptica nun país aínda en proceso de alfabetización, e, por outro lado, unha función política que, obrigatoriamente, debía empregar un modelo de comunicación moito máis comprensible para os cubanos; contradición que tamén por estas datas padecían os países do este europeo que gravitaban en torno ao poder omnipresente da Unión Soviética.Entre os cineastas cubanos que dan o salto definitivo coa chegada de Castro ao poder, sen dúbida, a figura máis relevante é Tomás Gutiérrez Alea, un espírito libre capaz de narrar o triunfo da revolución e, á vez, de amosar as sombras do réxime en películas posteriores, como poden ser La muerte de un burócrata (1966), onde critica o exceso de burocracia nos países socialiastas, ou Fresa y chocolate (1993), esta última unha historia de amor entre un homosexual e un mozo comunista.

Compartir el artículo

stats