Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cultas peregrinaxes

Risco, Otero e Ben-Cho Shey na fin do mundo

Cultas peregrinaxes

Vivimos nun mundo de turistas de fin de semana, de calvinistas de ximnasio. Nel habitan peregrinos que escollen o inverno para vir a Compostela sen verse rodeados por masas que esmaguen un soño espiritual, e tamén doentes que andan polos camiños coma simples pacientes á procura de mellorar os guarismos do colesterol.

Neste contexto aparece De camiños, viaxeiros e camiñantes, libro galardoado co premio de ensaio Ramón Piñeiro 2015. Os seus autores: Santiago Lamas, de quen lembramos libros como Galicia borrosa (2004) ou Ferrín e outras historias (2007), e o historiador e documentalista Alfonso Mato, que publicara en 2001 un traballo sobre o Seminario de Estudos Galegos,

O texto premiado evoca a viaxe que emprenderon, o 4 de xullo de 1927, desde Ourense ata Santo André de Teixido, tres homes de Nós: Vicente Risco, Otero Pedrayo e Ben-Cho-Shey. España vivía daquela baixo a Ditadura de Primo de Rivera, e os camiños que eles percorren, "na percura do limpo ideal, cantando o himno da liberdade", son os dunha Galicia rural, cunha alta taxa de analfabetismo, campos ben traballados e onde a xente, maiormente, se despraza a pé, aínda que algúns o fagan a cabalo, en bus ou en tren. Máis que o destino, o importante era o camiño, ser capaces de descubrir o país con novos ollos, decatarse de que o universal é o local sen paredes, como dicía Miguel Torga. A viaxe é unha vía místico-patriótica, un mergullarse co son dos bosques, un recoñecerse nas xentes e na paisaxe. Os tres camiñantes farán un percorrido de afóra-adentro, da cultura europea á galega, ata abrazar un nacionalismo que acabaría truncado pola soga franquista, e que rexurdiría máis tarde.

Os tres persoeiros levan de guía o mapa de Fontán, e van provistos dunha cámara Kodak, chapeus, estilográficas, cadernos e chocolate. Da viaxe dá conta Otero en Pelegrinaxes, e observa como se van perdendo roteiros e se abren outros. Risco explica as razón da aventura: devoción á natureza, misticismo patriótico, afán de coñecemento, refinamento aristocrático. Case 90 anos despois, Santiago Lamas e Alfonso Mato poñen de manifesto os vasos comunicantes que unen viaxe e literatura, e relacionan as vivencias dos autores con textos posteriores, e tamén con autores que fan a súa propia viaxe intelectual e física, tal é o caso de Sebald, Paul Bowles, Josep Pla ou Mark Twain. Con erudición e claridade, estudan as guías de viaxe, as relacións entre paseo e lectura, os poucos creadores que posteriormente camiñaron ata ese cabo do mundo, as concomitancias entre actividade física e produtividade. O paseo romántico, o camiñar dos vagabundos ou as vías que percorrían os indios navallos, todo o abarca a ilustrada prosa ensaística dos firmantes do libro.

De camiños, viaxeiros e camiñantes vén resultar, daquela, unha obra que establece unha ponte entre a Galicia de hai un século e os nosos días, analiza de xeito suxestivo a visión da paisaxe nos homes de Nós, a súa distancia cos peregrinos e labregos que atopan, e con sutileza lembra os camiños con memoria, os camiños vivos e mortos, para acabar propondo a resurrección desa vía que nos leva ata un dos lugares máis sorprendentes da nosa xeografía. Libro culto, ameno e recomendable.

LAMAS, Santiago e MATO, Alfonso, De camiños, viaxeiros e camiñantes, Ed.Galaxia, Vigo, 2016, 19,90 ?

Compartir el artículo

stats