Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con forma de devocionario

Sobre a terra nós fomos esperados

Con forma de devocionario

Ás veces unha longa convalecencia pode ser un territorio fértil para a escrita. María do Cebreiro (Santiago de Compostela, 1976) confírmao dando ao prelo O deserto, publicado por Apiario. O que primeiro chama a atención, no coidadoso volume, son as excelentes ilustracións que mostran cadros (Fra Angelico, François-Joseph Navez), fotogramas fermosísimos (de Viaggio in Italia ou de La Bête Humaine), xunto con páxinas que se poden desdobrar para apreciar os versículos que se esconden detrás das imaxes. O conxunto adquire unha forma de devocionario que alberga a desazón. E do sofremento, de todos os sofrementos, cada un pode saír ou ben aperfeizoado ou ben bovino e obediente. A nosa autora seguiu o primeiro dos camiños. Por iso o seu tránsito imaxinario polo deserto supón a metáfora de atravesar a dor non para purificarse, mais para se revelar o ser. O marco físico (lugar árido onde a soidade queima como unha presenza que non hai) transfórmase en metafísico (a desolación do mundo mudo, un malestar areoso que asalta o corazón). Deste xeito, a poesía que cruza o poemario contamínase e aprópriase deste mundo de mundos que é tan material como irreal, tan grande como o sofremento terrestre.

Como vemos, o texto desalóxase da razón das cousas de que se escribe para mostrar as íntimas pulsións de quen escribe, o apagamento da forza, o fascinio pola arte que denega a erosión do lamento e procura unha resposta ao vacío de ser tan vulnerábel: "o aceiro, aínda que frío, tamén respira no sangue da navalla". Pensar no amor non é un acto forzosamente doloroso. Ás veces o sangue é fragmentario e só alude ao que ama. Na vivencia das grandes intensidades nada que veña do outro é secundario. Mais tampouco o que de nós enviamos para outrén: "Na pel dos outros medran, anoados,/o pasado e o porvir. A nosa pel é un túnel cara aos outros". Verso que semella unha interrogación que se interroga, de onde vén o amor que, a pesar de todo, non nos abandona? Consecuentemente, compartir o corpo é como compartir o deserto, a noite que entra en todo, robusta e infeliz como un animal humillado: "E por iso, entre a noite, nese lugar/que o mundo elixe para quedar durmido".

A vida é unha constelación de pertenzas e de desposesións. Entre estas dúas hipóteses a poesía confirma que somos apaixonadamente mortais, como lemos nestes versos magníficos: "Ismael é o misterio da chuvia antes da nube,/o esqueleto dos barcos, a parte azul da chama". Mais tamén confirma o noso deber de sermos incansabelmente felices. En O Anxo da historia afirma Walter Benjamin: "sobre a terra nós fomos esperados." Só deste xeito a poesía pode sobrevivir aos deuses e aos desastres.

CEBREIRO, María do, O deserto, Ed. Apiario, A Coruña, 2016, PVP. 16 ?

Compartir el artículo

stats