Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Pena: "Este ano recibimos curtas de máis de cen países "

O Festival Internacional de Curtametraxes (FIC) de Bueu comeza este sábado a súa novena edición consolidado como un dos máis importantes eventos audiovisuais do ano en Galicia. Do "milagre" desta iniciativa, iniciada modestamente en 2007, fálanos o seu director Manuel Pena.

Manuel Pena: "Este ano recibimos curtas de máis de cen países "

- Como naceu o FIC e que lembranzas ten das primeiras edicións?

-Alá polo ano 2007, comecei a ter certa relación profesional co Concello de Bueu, concretamente coa Concellería de Cultura. Nese momento ambos estabamos nunha etapa de cambio, de busca de novos camiños, e o FICBUEU foi un que tomamos xuntos. No que a min respecta, o que me motivaba era, por unha banda, axudar á difusión das curtametraxes, tendo a experiencia persoal do que custa que estas obras cheguen ao gran público e, por outra, facer un festival de carácter internacional na miña vila (agora habitualmente utilizamos a frase "do local ao global"). Tamén recordo que unha das premisas de aquel arranque, que foron marcadas a lume no ADN do festival, é que tiña que ser un festival con personalidade, non podiamos deixarnos influír por "amiguísmos" ou intereses de calquera tipo. Así arrancamos no 2008, organizando o festival dúas persoas, e por riba parella, moi caseiro todo, pero a nosa sorpresa foi enorme cando chegou a primeira xornada de proxección. Para ese día preparamos unhas cen papeletas de votación para os asistentes, porque considerabamos que serían máis que suficientes para un festival de curtas que ninguén coñecía. Trabucámonos: máis de cincuenta persoas quedaron sen poder votar. Dende ese día ata hoxe, o apoio do público foi en incremento, converténdose nunha das sinais de identidade do festival. E non só o número de espectadores, senón a diversidade do mesmo.

-Este ano cúmprense a IX edición e xa se fala dun festival consolidado, con gran prestixio e con proxección internacional. A partir de que edición se pode dicir que o FIC deu o salto cualitativo e que feitos posibilitaron ese salto?

-Dende esa primeira edición da que falaba, o público foi en aumento, chegando a encher a sala en todas as sesión xa no segundo ano, e sobrepasando o aforo no terceiro. Pero penso que foi no 2012, na cuarta edición, na que o festival comezou a camiñar ata o lugar onde nos atopamos. Ese ano, en canto á asistencia, foi tal o número de espectadores, cos corredores do auditorio abarrotados e xente fóra sen poder acceder, que nos fixo ver que para o seguinte tiñamos que incrementar o número de pases. Ao tempo que na programación comezaron a ter moito máis peso as curtas internacionais que as españolas. A partir deste momento o FICBUEU comezou a despegar, sen máis combustible que nas edicións anteriores, non quedou outra que incrementar o traballo maiormente altruísta do mínimo equipo que tiñamos.

-En cada edición o festival crece. Asiste cada vez máis público e engándense novas actividades. Cales son as principais novidades desta edición que comeza o próximo sábado?

-Este ano introducimos moitos cambios, sentimos que nos atopamos noutra primeira edición. As principais novidades son o incremento de proxeccións, de 25 a 60, e a incorporación de numerosas actividades paralelas. Sirva de exemplo: o ano pasado tivemos só unha actividade, que foi unha conferencia, mentres que este ano temos tres conferencias, unha masterclass, o encontro con Celso Bugallo, un obradoiro, unha sesión para os colexios, distintas actividades de ocio para os participantes, un acto solidario e algunha pequena cousa máis. A maiores tamén creamos a Área Social, coa cal traballaremos durante o ano con público non obxectivo do festival. Todo isto dá boa medida do salto cualitativo que supón para nós esta novena edición.

-Que criterios de selección seguen para elixir as curtametraxes que pasan a formar parte da sección competitiva?

-As 20 mellores baixo o noso criterio. Tratamos de non facer esa selección buscando diversidade, só queremos ter en conta a calidade das obras. Ben é certo que, cando temos algunha dúbida, nesa decisión puntual si nos fixamos no resto de seleccionadas para tomar a decisión final.

-Como están constituído o equipo de organización do FIC ?

-O equipo divídese en dous. Por unha banda, o grupo organizativo, que está activo todo o ano, e onde estamos as persoas que levamos case dende o comezo, entre as cales eu son o director e a persoa que traballa permanentemente para o festival. Debido ás dimensións que acadou a programación nesta edición, este ano tivemos que contar cun par de persoas a maiores. Por outra banda, están as persoas que contratamos para as datas do festival e que nos axudan a levalo a cabo. Esta parte do equipo si que vai incrementar moitísimo nesta novena edición, xa que a realización do mesmo vai a ser moito máis complexa. Mesmo contamos, por primeira vez, cun grupo de voluntariado.

-Prestan Vdes. moita atención ás curtametraxes galegas. Coida que o nivel das curtametraxes galegas non ten nada que envexar ao das curtas que veñen do estranxeiro?

-As curtas galegas penso que non deben ter envexa das de ningún lugar, como en todos lados hai cousas mellores e peores. Eu penso que a cuestión aquí é non crer que porque as galegas non entren na sección "Competición" sexa porque non hai nivel, xa que estamos seleccionando só vinte curtas entre mil ou dous mil obras de máis de cen países. O importante é axudar a difundir o feito onde nós, e para iso temos a sección "Galicia", ocupando cada vez maior protagonismo dentro da programación. Mesmo organizando actividades enfocadas aos novos talentos do audiovisual galego.

-Hai varios festivais de curtas en Galicia, pero o FIC de Bueu ocupa un lugar de primeirísima orde. Cales son as claves para acadar tanto o éxito de público como o de prestixio ao mesmo tempo?

-É a pregunta do millón. Non creo que haxa un ou dous motivos que o expliquen, senón que son un cúmulo de moitas cousas que penso que coidamos e facemos ben. É tan importante facer unha excelente programación como recibir a xente cun sorriso.

-As curtametraxes adóitanse identificar (igual que acontece cos documentais) como un xénero minoritario dentro do cinema, pero este festival demostra que enchen salas de proxección. Que habería que facer para que o gran público se animase a asistir ás proxeccións de curtametraxes nas salas comerciais sen necesidade de que sexa nun festival?

-Fora do glamour dun festival, paréceme moi complicado que a xente vaia ao cine a ver curtas. Cun longo traballo no tempo e implicación das institucións, de certo que se podería conseguir, e de estar ben feito sería moi gratificante para o espectador, pero non vexo para nada ao Estado nese papel.

Compartir el artículo

stats