Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Inconfundíbel estilo

Un discurso audaz e sincopado

Inconfundíbel estilo

Abro Sermo, de Xoán Paulo Jouvencel (Lugo, 1960) e, ao lelo, sinto unha sensación estraña ou, mellor, presinto a estrañeza da súa lectura. Explícome, tratándose dun primeiro poemario do noso autor, percibimos axiña que este é dono dun estilo moi particular e inconfundíbel. Creo non equivocarme ao afirmar que este, o estilo, a marca persoal en todo canto di e expresa, é o elemento vertebrador e, a un tempo, perturbador do lugués. En primeiro lugar, pola súa orixinalidade lingüística. Estamos perante un galego non normativo, fortemente idiosincrático, onde non faltan dialectalismos, vulgarismos, algúns castelanismos, algúns hipergaleguismos, que o singularizan dentro da gama de escritores que obedecen a coiné mutante que nos tocou seguir. En segundo lugar, porque os asuntos que enuncia son tratados desde un verso de sintaxe prolixa, riquísima de hipérbatos e de figuras literarias de varia índole, sen excepción. Este discurso audaz e sincopado, proclive á complexidade, confírelle ao texto unha pátina de clasicidade, de plástica clasicidade que o entronca, sen dúbida, con autores capitais da historia da nosa literatura: Aquilino Iglesia Alvariño no requinte léxico, Arcadio López Casanova, no emprego de paronomasias e no ton invocativo, case salmódico, de moitos instantes, sen faltar outro autor esencial no noso pasado poético, Manuel Cuña Novás (para cando un 17 de maio de recoñecemento?), que tamén explorou estes vieiros.

Falamos do pasado das nosas letras, non como como imitación, mais como herdanza. Somos herdeiros deses tempos gloriosos cando o verbo do noso país frutificaba e daba azos na continua tarefa de o facer. Como non lembrar a sintaxe de Pondal nestes versos: "ren comprendo/das vosas historias nin das cousas/parcas que vos suceden (...) non memoria/facedes das vosas horas nin encontros". Tamén notamos nas súas páxinas unha forte musicalidade. Elementos que, como vemos, se enmarcan nos aspectos técnicos ou externos do discurso poético. Con referencia aos núcleos temáticos que alberga, podemos sinalar que o desasosego, o desconcerto pola marcha do mundo e a desaparición dos seres queridos, o amor como única válvula que engraxa o noso corazón, son algúns dos temas principais do volume. Dentro do ámbito doméstico, o autor enxerga o ruidoso mundo que o rodea: "Din que o ruído desa rúa deforme/rube ata as fiestras, i eu sitúo a hora (...) rumbo ás oito na proa silandeira". Onde tamén sentimos a angustia: "Quen veña sendo, alí no saibo fondo, non sei./Con quen aparelle os brazos meus hame dar outro oco/que me fixe entre as paredes". O dito: unha voz que principia e se nos mostra neste máis que interesante libro.

JOUVENCEL, Xoán Paulo, Sermo, Ed. Toxosoutos, Noia, 2016, PVP. 11 ?

Compartir el artículo

stats