A transcendencia da viaxe

A viaxe expresa sempre a calidade do espírito creador, é unha forma de coñecemento da vida

O crítico de arte Xosé M. Buxán Bran.

O crítico de arte Xosé M. Buxán Bran.

Marcela Santorun

A viaxe na arte supón a expresión dunha pulsión creativa: ás veces, realízase tal proceder a fin de entrar nos espazos máis sombríos do ser humano. Porén, aínda que sexa así, a viaxe expresa sempre a calidade do apetito creador do artista, vindo ser proporcional ao seu universo. Viaxar "ao inferno ou ao ceo, que importa?/ ao fondo do descoñecido para atopar algo novo" di Baudelaire.

A viaxe preséntase como experiencia psicolóxica e física: en ocasións, para percorrer o mundo no vivido. Outras, axéitase como unha fuxida: da infancia atormentada, dun amor perverso, da vida alienante, da dor, dunha patria asasina... Pero tanto na partida, no itinerario errático ou trazado, como na chegada, conforma un tránsito existencial correlativo tanto ao traxecto da vida como a esoutro da personalidade.

Hai quen viaxa a través da arte porque cre nela como forma de coñecer a vida: este é o caso do crítico Xosé Buxán Bran, quen recolle en Desprazamentos. A viaxe como unha das belas artes, editado por DIFUSORA, unha serie de viaxes detrás de exposicións da arte contemporánea que o autor recompila nunha proposta con identidade persoal.

Este viaxeiro de espírito diverso transita entre o alento poemático, o estado de pracer do coñecemento e mais a perspectiva pragmática da súa empresa. Curioso para alcanzar o descubrimento, e con natural disposición para confrontarse co novo, Buxán Bran posúe unha disposición de vivir as experiencias que o converte nun guía dotado de aptitudes para afrontar a diversidade e transversalidade da arte contemporánea.

El eclipse desata las mareas vivas

El eclipse desata las mareas vivas

Venecia contemplada por Canaletto (1730).

Busca, o noso autor, os axustes necesarios dos espazos coas propostas expositivas e as referencias á paisaxe social. O escritor pregúntase polo público, sobre os significados das ausencias e as calidades da presenzas, unha cuestión que lle serve para afondar nos sentidos máis profundos da experiencia da arte, unha vez que aborda o problema do fastío vital do lector, do buscador da arte e do viaxeiro incansábel. Ante a trivialidade, o prosaísmo da vida e a deshumanización da sociedade post-industrializada, Buxán propón a viaxe que protagoniza e que estende ao espectador nun exercicio comunicativo. Ás veces non está lonxe dos simbolistas e os románticos, nas súas ansias de escapar a outra realidade onde sexa posibel atopar anhelos de estética, de ética e de amor. Pero déixase arrolar polas contradicións e convivencias opostas, propias da arte contemporánea, e aparecen pasaxeiras as ideas parnasianas da arte pola arte.

Atento aos signos da actualidade, pensa tamén as características do contedor; céntrase no seu proxecto e na forma en que son arquitectura. Interésase polos seus paradoxos entre pensar os contidos e ser iconas egocéntricas. Contrariar as ideas de Mies van der Rohe de fuxir do carácter individual do edificio fronte a presenza do arquitecto e os seus sinais de identidade, é un murmurio constante na conciencia que aflora, con máis ou menos rebeldía, fronte aos proxectos baleiros: unha análise que hoxe se torna de grande interese á luz da perspectiva que ofrece o tempo para concluír estes proxectos como doces saídas ou amargos problemas nas comunidades.

El eclipse desata las mareas vivas

El eclipse desata las mareas vivas

Estampa de Viaxes por España (1830-33) de Richard Ford.

Hai algo de hedonista no noso observador que aflora ante a mirada do deseño na vida cotiá, nos obxectos que achegan transcendencia a través dunha experiencia pracenteira e fermosa, coa ansia de calar a dor e a angustia. Nesta conciencia viaxeira tamén hai espazo para as reflexións dos grandes temas sociais, tanto para subliñar a súa comparecencia/ausencia como os desprazamentos migratorios, a globalización, os problemas das novas identidades sexuais, os xéneros e a igualdade, as modernas escravitudes e mais a utilización da arte como espello do poder ou como promotores de activismos.

O autor ofrécenos, en fin, unha xenerosa oferta para ver a través da súas percepcións e sensacións mediante unha linguaxe clara é didáctica. Pode que se bote de menos na edición algunha imaxe, pero non hai que ceder ás miaraxes enganosas que poden contaminar o noso destino porque, sendo así, esa sería outra viaxe: certo é que unha parte fundamental da arte no está no obxecto senón nos ollos de quen mira.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents