O tránsito como discurso e obsesión

María Galán na Fundación Laxeiro

Paisaxes ermas, sen figuras nin personaxes, nos acrílicos e grafitos de María Galán.

Paisaxes ermas, sen figuras nin personaxes, nos acrílicos e grafitos de María Galán.

Carlos L. Bernárdez

A viguesa Fundación Laxeiro presenta na súa sede da Casa das Artes, nunha coidada e atractiva montaxe, a mostra En tránsito composta por oitenta obras de pequeno formato da pintora María Galán (Vigo, 1990). Trátase de acrílicos e grafitos realizados sobre taboleiro DM, reproducindo paisaxes captadas e fotografadas previamente desde un vehículo e logo trasladadas á pintura. En conxunto son traballos que teñen como eixo argumental a viaxe, o deslocamento, en definitiva o "tránsito" que o título sitúa como cerna do discuso expositivo.

A artista define paisaxes ermas, desoladas, sen figuras nin personaxes -o elemento humano é argumentalmente elidido-. En todos os cadros se remarca a xanela albertiana, que se identifica coa xanela do vehiculo en marcha -coche ou tren- desde o que se captan as escenas que logo serán obxecto da súa traslación pictórica. Por medio desta estratexia, moi reflexiva e inserida na revisión da tradición da paisaxe na historia da arte, a artista establece daquela un marco analítico que sitúa as obras mergulladas nunha concreta contorna cultural, en particular, en relación coa configuración complexa e variada da modernidade, o que lle permite unha intensa achega aos fundamentos da nosa ollada e aos alicerces sobre os que se asenta a nosa visión.

El eclipse desata las mareas vivas

El eclipse desata las mareas vivas

Se o ensaio consiste, como afirmaba o filósofo Theodor Adorno en relación coa obra de Walter Benjamin: "na capacidade de contemplar aquilo que é histórico, as manifestacións do espírito obxectivo, a "cultura", como se de algo natural se tratase", esta definición acáelle á perfección ao traballo expositivo que agora comentamos, un traballo en que a natureza e a creación artística non son soamente contempladas e fosilizadas senón que nos aparecen como cousas vivas, cuns referentes anteriores e cunha realidade actuante que as ilumina e dota de significados mudábeis, sempre co tempo -ese tránsito ao que se alude no título da mostra- como elo e como fío condutor. As numerosas obras de María Galán, concibidas en ámbitos seriados, sitúan o tempo como vínculo, o tempo como punto referente que terma do discurso. Un discurso que se configura como unha forma de desenvolvemento, sempre a desvendar polo tempo, un discurso que é fío conformador da forma, como unha espiral totalizadora. Velaí como se nos presenta, vista na súa globalidade, na mostra. Nas obras expostas, en xeral, as categorías procesuais de tempo e espazo configuran o marco da percepción e a experiencia e a contemplación ou participación do espectador establece unha relación paralela entre o espazo e o tempo, o que marca a tonalidade da mostra, a súa musicalidade.

El eclipse desata las mareas vivas

El eclipse desata las mareas vivas

Título: En tránsito. María Galán. Artista: María Galán

Comisario: Javier Pérez Buján. Produción: Fundación Laxeiro. Local: Fundación Laxeiro, Casa das Artes, Vigo. Do 30 de xaneiro ao 5 de abril

Itinerario e metáfora

  • Estamos perante un tipo de pintura, que parecendo moi clásica, porén, responde á nova concepción que caracteriza a arte desde a fin do século pasado. Como moitas obras do noso presente, o traballo de María Galán hai que entendelo como froito da revolución estética que acabou por moldear a definitiva autonomía dos medios plásticos, sexa cal for o soporte que utilicen -pintura, vídeo, fotografía...-, conformando unha cultura visual contemporánea que como ten afirmado Victor Burgin -que é alén de fotografo un dos pensadores máis influentes no ámbito da teoría cultural - "debe tomar os seus obxectos tal e como os atopa e atópaos esnaquizados; como unha constelación de fragmentos constantemente en mudanza". Unha mudanza pautada por ese tempo que nos obsesiona, que é parte da nosa concepción profunda da existencia (alfa e omega) e ao que non podemos nin queremos obviar. Nas pinturas de María Galán achamos ese fragmentarismo e esa constante mudanza, esa captación obsesiva e en certo sentido desacougante, presidida por unha intensa soidade e unha notoria sensación de baleiro.As obras, presentadas en series e ligadas en orixe a estratexias documentais, tamén transmiten unha preocupación pola percepción de valores como a intimidade ou as formas de exterioridade na sociedade contemporánea, xa que a xanela se nos presenta como un límite; ao tempo, tamén asistimos a unha teimuda captación de paisaxes dominantemente horizontais, cunha liña que organiza a imaxe nunha área superior e outra inferior con cromatismos diferenciados e situadas entre o ceo e a terra, que testemuñan unha experiencia individual que aparece moi marcada pola súa situación nun espazo e un tempo ben definidos.En tránsito ofrécenos, xa que logo, unhas posibilidades de lectura abertas e múltiples, nas que o espazo e tempo adquiren un auténtico protagonismo, como uns personaxes máis, conformándose como uns constituíntes fundamentais na construción dese relato inacabado que é a imaxe que proxectamos sobre o mundo en que moramos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents