A lira faise ira

Do verdadeiro horizonte dos seres humanos

A lira faise ira

A lira faise ira

Román Raña

Sabemos, desde moi antigo, que a iracundia é unha opción estética. Tamén unha liña literaria de prestixio na escrita ocidental. Basta lembrar o inicio da Ilíada, cando Homero invoca a musa para cantar a "cólera mortífera" de Aquiles. Mais, noutras ocasións, o proprio creador opta pola exaltación do ánimo para escribir a súa obra. Podemos pensar, nas nosas letras e en pólos opostos, en Vicente Risco ou en Méndez Ferrín. A palabra furia designa, de igual modo, o arrebatamento e o delirio, o desexo extremado e a precipitación, o fervor e a insania, a raiba e a inspiración. Algo de todo isto atopamos en Rastros con enrugas, de Xoán Carlos Domínguez Alberte (Escudeiro-Ramirás, 1966).

Efectivamente, o poemario articúlase dentro dunha indignación sen paliativos. As inxustizas, tan bochornosas como inadmisíbeis, son albo da súa ira. Por iso o autor trata de desvendar as superestruturas que o poder enxendra na sombra. Un poder non electo, que goberna e manipula, de aí que a función do poeta sexa a de o desvelar e o desenmascarar através dos poemas. Deste xeito a declamación acaba sendo unha reclamación, un desgarrado acto de xustiza (para as clases desfavorecidas) e de repudio (dos poderosos, dos enganadores). Lembramos entón a peza de Curros, "Crebar as liras!", onde o Rebelde afirma que a ética só se converte en estética cando a suplanta. A poesía debe romperse (quebrar as súa proprias normas) para erixir un contra-discurso que delate a mentira e expulse a usura da cidade liberándoa do frenesí dos cobizosos.

En consecuencia, o lector atopará nestes versos o fustigamento contra os corruptos, contra a plutocracia e o nepotismo, en metros dunha vehemencia que os acusa, que os denuncia e que os recusa: "no tren dos pecados capitais/non queda ningún vagón intacto". Notamos nesta exortación as pegadas de Manuel María e, sobretodo, de Seoane e Celso Emilio. A poesía refuta a súa condición de actividade apátrida ou aséptica. Por iso fala sen enfermismos. Polo contra, advirte ao pobo de que o desemprego masivo, a mutilación da sanidade e do ensino públicos, o latrocinio dos banqueiros, a violencia de xénero, a represión contra os discordantes, a manipulación informativa, o enriquecemento dos rufiáns... non son calamidades fatais. Que non debe adorar o becerro de ouro nin admitir un destino servil. Que o verdadeiro horizonte do home se cifra en tres palabras: liberdade, fraternidade e igualdade.

DOMÍNGUEZ ALBERTE, X., Rastros con enrugas, Ed. Corsarias, Santiago de Compostela, 2015, PVP. 12 -

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents