DTO ANUAL 27,99€/año

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pintura

Augatintas de Uxío Souto

A arte como documento da opresión

Uxío Souto: Campo de concentración en Francia (1944).

Uxío Souto: Campo de concentración en Francia (1944).

Nunha recente entrega nestas páxinas falabamos da estadía do pintor xudeu xermano Felix Nussbaum no campo de prisioneiros de Saint-Cyprien (Perpinyà), lugar onde desde inicios de 1939 foran internados miles de republicanos españois. Entre estes prisioneiros estaba un importante artista galego, hoxe infelizmente pouco coñecido: Uxío Souto (Cuntis, 1905- México, 1990).

O escultor galego vai realizar en 1939 durante a súa estadía no campo de Saint-Cyprien retratos e outras obras que reflectían o momento persoal e político. Por testemuño do seu fillo sabemos que parte destes traballos foron vendidos nunha mostra que coincidiu coa súa chegada a México. O artista nunca soubo quen adquiriu as obras nin tampouco quen as cobrou no seu nome, tendo noticia da venda por unha revista, cando xa moraba en México. Do período de Saint-Cyprien o escultor conservou un debuxo: Campo de concentración (1939, Colección da Familia Souto Aliseda) e catro augatintas intituladas: Paso dos Pireneos (1939, Museo de Pontevedra. Depósito da Familia Souto Aliseda); Noite no campo de concentración (1939, Colección da Familia Souto Aliseda); Véspera no campo de concentración (1939, Museo de Pontevedra. Depósito da Familia Souto Aliseda) e Campo de concentración en Francia (1939, Colección da Familia Souto Aliseda).

Uxío Souto foi unha figura sobranceira da escultura galega anterior á Guerra Civil, cabo de nomes como Asorey, Eiroa, Camilo Nogueira ou Narciso Pérez. Con este último, autor do famoso Guerreiro celta (1928, Museo de Pontevedra), mantiña fortes afinidades. Uxío Souto desenvolve unha obra dunha figuración expresiva de carácter temático nacionalista: Galicia nai e señora (Druidesa) (1926, Museo de Pontevedra), mantendo así unha ligazón evidente coa arte d'Os Novos, Maside, Souto, Eiroa, Colmeiro...

Estaba de viaxe en Madrid cando comezou a Guerra Civil, pasando a Cataluña en 1937, traballando como profesor no Instituto Nacional de Igualada até 1938. En 1939, como miles de refuxiados, atravesa a fronteira e é internado en Saint-Cyprien, onde realiza as augatintas conservadas, en canto esperaba unha posíbel saída, que chegaría, como para moitos republicanos, grazas ao goberno mexicano de Lázaro Cárdenas.

As augatintas salientan pola volumetría escultórica, que ten moito das receitas clasicistas afíns á "volta á orde" de boa parte da arte europea de entreguerras e con fortes afinidades coa galega estética do granito. Chama a atención o elaboradas que están as obras, non froito dunha simple captación inmediata, aínda que si ligadas intimamente á situación que se vive; compárese, por exemplo, o Paso dos Pireneos con fotografías dos feitos como as que tirou Robert Capa: Entre Argelès-sur-Mer e Le Barcarès, Francia, Marzo, 1939, tamén coñecida como Republicanos conducidos a un campo de internamento en Francia (MNCA Reina Sofía, Madrid). Uxío Souto, dasúa parte, cruza a experiencia captada coa tradición artística de temática heroica e colectiva, como a que vai do helenístico Galo moribundo a Delacroix (Liberdade guiando o pobo), pasando por David (Xuramento dos Horacios), monumentalizando o sufrimento.

Este carácter monumental é igualmente perceptíbel en Noite no campo de concentración, nel aparece un refuxiado de costas e unha parella -de composición moi clásica- en primeiro plano e un panorama desde arriba como a vista de paxaro ou ollo de Deus. A escala humana fica establecida por pequenas figuras de costas a ollar o mar e o luar. Todo ten un ar de romántica saudade coa luz da esperanza ao fondo, lembrando algo as composicións de Caspar David Friedrich. En Véspera no campo de concentración de novo temos unha composición moi elaborada coas figuras de carácter escultórico situadas a carón do lume.

Memoria cultural

  • A escena máis dura é Campo de concentración en Francia, estamos perante unha representación de homes defecando sen latrinas nin barracóns. Uxío Souto constrúe unha composición moi elaborada, que lembra creacións renacentistas como o gravado O xuízo de Paris (1615, National Gallery of Art, Washington), inspirado nunha obra de Rafael e realizado por Marcantonio Raimondi. Uxío Souto sitúa no centro tres figuras lavándose, como unha alegórica fonte da vida que xorde entre a miseria e a descomposición. Presenta unhas figuras dotadas dun ar monumental, que dignifica unha situación infrahumana e degradante. Xa exiliado, o artista realizou unha acuarela que simplifica a escena conservando a monumentalidade: Campo de concentración (1944, Museo de Pontevedra. Depósito da Familia Souto Aliseda).O interese do traballo de Uxío Souto alicérzase non só no valor do documento experiencial senón na súa capacidade de levar a esa experiencia a memoria cultural, de xeito que podemos percibir nas súas obras camadas culturais; podemos, daquela, recoñecer o ollar renacentista no ámbito compositivo e no alegórico, trasladado ao desacougo da modernidade; ao tempo tamén se manifesta a subxectividade romántica, ligada á mesma experiencia de opresiva reclusión

Compartir el artículo

stats