Sangue e sorrisos
Crítica de 'Ollos de auga', de Domingo Villar

Domingo Villar posa coa súa primeira novela / María Villar
Estro Montaña
Ollos de auga, primeira novela de Domingo Villar, é unha narración cun ben dosificado suspense, que parte dun crime acontecido nese cantil de cemento que é a torre de Toralla. Seguindo o esquema de aparición do cadáver, investigación do caso e solución do mesmo, Villar amosa una historia na que o inspector Leo Caldas nos transporta por unha xeografía ben coñecida: Vigo, O Porriño, Bueu. Este investigador galego alterna o seu labor policial coa colaboración nun programa radiofónico que o fai famoso na cidade. Ten como compañeiro de fatigas a un aragonés brután que non sobresae precisamente pola súa perspicacia e que serve de contrapunto a Caldas, personaxe, como outros da historia, que fan gala dunha psicoloxía máis complexa e contraditoria que a do paisano de Buñuel.
Como Auguste Dupin, Sherlock Holmes ou o padre Browm, Leo Caldas fai as súas pesquisas a partir dunhas sospeitas, seguindo falsas pistas para acabar no remate cun final sorprendente. Domingo Villar amosa unha gran habelencia para manter a atención do lector con insinuacións falsas, minuciosos detalles, cancións de jazz ou citas de Hegel, e despois de introducirnos en ambientes gais, penetrar no mundo da alta burguesía e pasearnos por lugares ben coñecidos, resolver o enigma de xeito inesperado. A madurez narrativa do autor vai unida a esa imprevisibilidade dos acontecementos, e a sinxeleza cordial da prosa, a palabra esencial que nos lembra aqueles versos de Machado que din: “El pensamiento barroco / pinta virutas de fuego, / hincha y complica el decoro”. A palabra esencial e accesible é a que Villar emprega con eficacia.
Cando lemos Ollos de auga, quedamos abraiados pola crueza do asasinato, polo humor presente en cada páxina, pola ironía dos diálogos. Son xustamente os diálogos un dos elementos que serven para caracterizar os personaxes. Diálogos, con frecuencia, moi coloquiais e que fan a lectura divertida; o choque entre a mentalide galega e a aragonesa queda hiperbolicamente posto de manifesto nas conversas entre os policías.
É unha novela escrita con firme pulso, por un narrador que entra na narración literaria con asombrosa madurez e fina intelixencia
Non é Ollos de auga unha novela ao estilo das de D.Hammet, R. Chandler ou J.M.Cain, no sentido de que non amosa o mundo gansteril, a criminalidade organizada e as corruptelas da sociedade capitalista. Pero, con todo, Domingo Villar dá unha pincelada crítica á cidade que o viu nacer, unha visión negativa que compaxina co ton amable cando nos leva por lugares como o “Grial” ou o “Elixio”, e cando nos fala de personaxes reais de Vigo como Carlos –do xa mencionado “Elixio”- ou Cristina do bar “Puerto”.
Cada secuencia, ou minicapítulo, vai introducido por unha palabra clave e a súa definición do dicionario, recurso que centra a atención do lector, e que nos semella abondo orixinal. A ambición, a insatisfacción, os comportamentos excesivos expresan o misterio da condición humana. Ollos de agua é, pois, unha novela escrita con firme pulso, por un narrador que entra na narración literaria con asombrosa madurez e fina intelixencia. A sobriedade da prosa, o contraste entre o cálido mundo do jazz e a espeluznante morte dun saxofonista, o nítido perfil dos personaxes conseguido coa máis exigua descripción, a abraiante sorpresa que se agacha tras os amables sorrisos das damas burguesas... todos eses elementos son fíos dun pano ben tecido pola sabedoría deste vigués que nos fai cómplices da historia e cómplices dunha cidade que, sen dúbida, é un magnífico escenario para unha historia como esta.
Estamos seguros de que a facilidade da súa lectura, a sinxeleza da prosa e a chispa e soltura dos diálogos de Ollos de auga van interesar aos lectores.
Ficha:
Domingo Villar: Ollos de auga. Ed. Galaxia, Vigo, 2006. 247 páxinas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un iceberg 11 veces más grande que Vigo atraviesa un caladero gallego y amenaza con impactar contra las Georgias del Sur
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Primeras palabras de 'El Cordobés' sobre la separación de Virginia Troconis: 'Ahora estoy con...
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Conmoción en la Policía Local de Vigo: «Se nos ha ido la sonrisa eterna»
- Detectados seis casos de cáncer de cérvix en el área sanitaria tras testar a más de 22.000 mujeres
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda