Galicia de auga doce
Crónica da pesca fluvial de noso
Judith R. Iglesias
Ramón Otero Pedrayo referiuse a Galicia como “o país dos mil ríos” -Xosé Lois Ripalda titulou así un seu libro (2010)- e razón non lles faltaba a ningún dos dous autores: máis de trinta mil quilómetros de cursos fluviais percorren o noso territorio. Porén, as súas palabras non pareceron suficientes aínda para Álvaro Cunqueiro, quen elevou esta cifra aos dez mil (ríos). Con tal hipérbole, o mindoniense agochaba unha realidade que desemboca no mar: a da tradición pesqueira tecida en auga doce. E o certo é que son moitos, e moi amplos, os conceptos para definila: cultura e subsistencia, economía e deporte, contemporaneidade e memoria.
As indagacións en materia de pesca fluvial supoñen unha lagoa na análise global da disciplina. Así o pon de manifesto a arqueóloga Laura Casal nun estudo que, recentemente publicado na revista de arqueoloxía Minube, documenta a presenza da actividade pesqueira no río Miño e mais os seus afluentes entre a Idade de Ferro e a época romana. “En comparación co entorno mariño-oceánico, as referencias nos textos clásicos á pesca en augas do interior son considerablemente menos frecuentes”, escribe Casal sobre unha circunstancia que se estende ata a actualidade. Con todo, algúns etnógrafos do século XX dedicáronlle boa parte do seu traballo ao entendemento da cultura material galega comprendida nos ríos, como é o caso de Xaquín Lorenzo no III volume da Historia de Galiza, dirixida por Otero Pedrayo, onde considera aparellos de pesca como redes, cestos, fisgas ou mesmo a cana.
A pregunta incipiente é: cando comezou todo isto? Se ben os inicios da pesca datan do Paleolítico Superior, “os vestixios arqueolóxicos atopados en Galicia, tales como restos de anzois e pesas de rede, retrotraen a pesca fluvial uns 2.000 anos no tempo, ao abeiro da denominada Cultura Castrexa”, tal e como podemos ler no catálogo da exposición A pesca fluvial a través da colección do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Malia a certeza de que se debeu orixinar moito tempo antes, non existen obxectos que testemuñen esta afirmación. “Na antigüidade, os aparellos e redes de pesca estaban fabricados con materiais orgánicos (...) que desapareceron do rexistro material, quedando só os elementos protexidos por unha combinación de condicións ambientais específicas que favoreceron a súa conservación”, explica Laura Casal no seu estudo. Son precisamente anzós, arpóns e, sobre todo, pesas de rede en arxila, chumbo e pedra os instrumentos atopados na conca do Miño.
Esta práctica orientada cara á subsistencia iría adquirindo co tempo novas dimensións. Neste sentido, a etnóloga e escritora Elisa Ferreira Priegue acuñou o termo “pesca-colleita” en 1998 para referirse á produtividade como principal característica da pesca fluvial durante a Idade Media, moi presente en ríos como o Miño, o Sil, o Tambre e o Ulla. O auxe da actividade neste período estivo estreitamente vinculado co cristianismo e mais as ordes relixiosas: “resulta altamente significativo que para o asentamento de mosteiros se elixa, dun xeito case automático, a beira dun río; feito que evidencia, entre outras cousas, o claro interese pola explotación da pesca fluvial”, matiza Francisco Carrillo Boutureira no seu traballo La actividad pesquera en la Galicia de los ss. IX – XIII, a través de la diplomática medieval y la toponimia actual (1999). Durante esta época proliferaron as redes, as nasas e, aínda que en menor medida, a pesca de cana.
Con todo, os aparellos pesqueiros permaneceron case inalterables ata a chegada dos materiais sintéticos no século XX, momento clave na “transición dun modelo pesqueiro tradicional, entendido como unha fonte de alimentos e ingresos, cara un novo modelo máis asociado á economía de ocio que de subsistencia”, establece Casal. Foi unha centuria de cambios sociais, medio ambientais e lexislativos que transformaron a pesca continental. Así, levantáronse grandes encoros, afectando ao fluxo dos ríos e ás rutas migratorias de importantes especies, como o salmón; e a contaminación por augas residuais e vertidos industriais, o abandono do rural e mais a introdución de especies exóticas, como a carpa, foron configurando novos paradigmas para o sector da pesca fluvial en Galicia.
Deporte e pasatempo
Existen refraneiros populares que din que “pescador de cana máis perde que gana” e o certo é que a pesca con cana moitas veces foi vista dun xeito despectivo con respecto ás outras prácticas. Porén, “o seu carácter universal faina transcender de calquera atadura económica para situala na esfera do cultural e do biolóxico”, reza o catálogo do Museo de Ribadavia. Deste xeito, e conforme avanzaba o século XX, comezou a formularse a relación “troiteiro-pescador deportivo”. Aínda que non sempre os troiteiros o consideraban deporte.
A Asociación Internacional de Pesca Deportiva, creada no ano 1939, promove cada vez máis a idea de capturar e soltar os peixes, por mor da protección das especies; feito vinculado cunha crecente concienciación de preservación do entorno e da súa fauna piscícola. Neste sentido, Laura Casal lembra escuros momentos da historia pesqueira, como o emprego de veleno nos ríos galegos, prohibido finalmente na primeira década do século XX. Con isto, “subliña o carácter conservador da pesca, unha actividade que tende a perpetuar o que considera útil, cun enfoque pragmático”, engade no seu estudo.
Con todo, a pesca con cana e sedela, hoxe en día restrinxida ás actividades recreativas, conta cada vez máis con espazos destinados á pesca sen morte, como son algúns tramos do Tambre, do Limia e do Eume, entre outros moitos desta Galicia dos dez mil ríos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Rueda, sobre la manifestación de hoy en Vigo en defensa de la Sanidade Pública: «Van por otro lado de lo que siente la mayoría»
- Última llamada de auxilio de la protectora: «Los perros no salen a pasear desde octubre»
- Fallece en plena calle de un infarto en Oviedo después de que la ambulancia que iba a socorrerle se accidentase
- Detenido uno de los enlaces gallegos de la banda albanesa que trató de desembarcar 1.100 kilos de cocaína en Arousa
- Un buen chico y un gran amigo que siempre tenía una sonrisa
- Una prórroga al sistema y a Televisión Española
- El Celta lleva al límite al Madrid, pero contra 12 no puede
- Abren los primeros furanchos de Pontevedra, con un catálogo de 11 tapas a elegir