Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Wendy no tornado

O chiste do plan para a lingua

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na presentación do Plan Xeral de Normalización Lingüistica.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na presentación do Plan Xeral de Normalización Lingüistica. / Xoan Álvarez

A esperanza estou comezando a perdela. Eslúe coa velocidade kamikaze no camiño das neuronas. Como mantela e como coidar a fe...?

No misterio de obter a resposta, cavilaba o outro día cando na casa boureou o lóstrego do riso de Pachi. Corrín cara o salón e alí o estaba, o can, escachado no sofá ante unha pantalla.

Imaxinei que estaba a ver memes, se cadra o arquivo cun milleiro dos últimos 25 anos da Universidade de Granada.

Cando se repuxo, colleu aire e sinaloume cunha gadoupa: «Plan xeral de normalización da lingua galega. Proposta de actuación. Xunta de Galicia 2026».

Recoñezo que me quentei. Parecíame unha falta de respecto que se rira dun documento chave para o galego. E díxenllo.

Parou e trenzou coa lingua o aire para saber se eu o lera. «Non estou tan ociosa como ti. Quen cociña? Quen limpa? Quen vai ao xornal? Quen che compra as pastillas para os carrachos?», bramei.

Eran escusas. Por dentro, sentía vergoña. Nunha semana non tivera tempo nin ganas de consultalo. Ao examinalo, tíveno claro: «Ten unhas fotos chulísimas. E encántame que empreguen o azul nos títulos dos capítulos a xogo coa diagonal da bandeira galega».

Pasei as follas para diante, para atrás. «Non as atopo, non acho as novas porcentaxes das materias en galego nos centros educativos. No do 2004, si figuraban», sinalei. Pachi tampouco deu con elas. Non quedaba claro o significado no Plan de «procurar a equidade» ou de «presenza equilibrada» das linguas.

Pregunteille ao cadeliño que lle chamara máis a atención. «Que se repiten moito catro verbos: fomentar, favorecer, facilitar, promover», respondeu. Lembráronme os tres F na televisión portuguesa na última ditadura (fado-Fátima-fútbol).

«A ver, por un euro, verbos que comecen por f no Plan para a Lingua. Fomentar. Un, dous, tres, responda outra vez», sinalou Pachi.

Contei mentalmente dous segundos. Abrimos os ollos e comezamos a chorar... ás gargalladas. Non dabamos parado. Aí entendín que o riso nace dunha sensación de incongruencia, que é unha ferramenta para sobrevivir. 

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents