Opinión | Dende a fiestra

Poeta e narrador
Dóeme América Latina

O presidente electo de Colombia, Abelardo de la Espriella. / Andrés Loz
Sentado diante da fiestra sigo a darlles voltas ás incribles, por racistas, palabras do ínclito Mariano Rajoy sobre os compoñentes da selección francesa. Como se pode ser tan ruín e, ao tempo, tan ignorante para deixar por escrito tamañas barbaridades? Reflexiono e chego á conclusión de que son o reflexo dos momentos que estamos a vivir, en que a extrema dereita non se agocha. Antes, vivían na cova: non se atrevían; agora, están ben orgullosos da súa ideoloxía tan perversa.
A piques de estoupar, prefiro determe (para liberar angustias) na nova de que ao meu admirado e querido Xosé Neira Vilas se lle dedicará o Día das Letras Galegas 2027. Un acerto sen ningunha dúbida. Ninguén pode esquecer a traxectoria auténtica dun autor que fixo da emigración, do campesiñado galego e dos nenos pobres o eixe da súa literatura. Miro máis aló da fiestra e creo distinguir un neno que debuxa un tenro sorriso. Supoño que é Balbino, o protagonista das célebres Memorias dun neno labrego, quen sorrí. O neno semella querer dicirme, unha vez máis, esas palabras tan tenras coas que comeza este clásico da literatura galega: «Eu son…Balbino. Un rapaz da aldea. E ademáis, probe». Balbino, como ben apuntou Alonso Montero, «é unha conciencia crítica natural, un rapaz cunha conciencia de clase non artificial que amosa neste libro unha Galicia moi lonxe do idilio e da égloga».
Aínda que non comungo excesivamente co espírito deste Día das Letras, non podo estar máis feliz coa homenaxe a Neira Vilas, un autor tan auténtico coma necesario.
Érgome da butaca e busco un disco, un músico, un poeta: Silvio Rodríguez. E búscoo porque, ademais de ser un dos grandes referentes da poesía feita música, a min, coma a el, dóeme América Latina. A deriva ultradereitista en que se atopa este continente prodúceme unha anguria e unha desolación tremendas. «O efecto Trump» está a producir unha involución moi perigosa. Soa «Te doy una canción», o tema que me emocionou hai cincuenta anos e que segue a emocionarme cada vez que o escoito., composta en 1950. Unha canción que nace nas profundidades dun home namorado e que acaba fundíndose na paixón máis profunda polo seu lugar de nacemento, pola patria e pola Revolución.
«Cómo gasto papeles recordándote, / cómo me haces hablar en el silencio, / cómo no te me quitas de las ganas/ aunque nadie me vea nunca contigo (…)». Beleza poética e musical. Fondura literaria e emocional. Palabras que te bican e te aloumiñan.
Non sei por que penso en Trump (vaia contraposición!) como símbolo dun mundo deteriorado que avanza deixando as liberdades baixo as tebras do matonismo. E o peor é que hai no mundo unha serie de imitadores que utilizan as mesmas mentiras e ameazas para acadar os obxectivos. Trump volvendo a facer de América Latina o seu patio traseiro. Vemos como van caendo gobernos críticos coa súa política baseada en controlar os recursos naturais destes pobos e creando un mapa que lle beneficie. Faino premiando os gobernos, partidos e movementos que se aliñen cos seus principios e as súas estratexias. Neocolonialismo puro, coaccións, presións económicas e militares, intromisións nas eleccións e criminalizacións dos gobernos que lle sexan contrarios e desprezando conscientemente o dereito internacional. Ao seu redor, silencio absoluto e cero reaccións efectivas.
Trump non ten límites. Está feito de pedra e carece de sentimentos. Só pensa no seu poder e nos seus intereses económicos. Enzoufa a sociedade consciente de que dificilmente o van parar… Quero berrar, pero contéñome e escoito.
«Te doy una canción/ y digo: Patria./ Y sigo hablando para ti./ Te doy una canción/ como un disparo,/ como un libro, / una palabra,/una guerrilla…/ como doy el amor», continúa a voz fráxil, sedutora, que nunca se creba, de Silvio enchendo de luz o salón e de calor o meu ánimo.
Coas palabras de Silvio afástome do horror que quere paralizarme. Porén, non podo esquecer ese país que amo tanto como é Colombia que, nun clima de tremenda polarización, acaba de caer nas poutas do ultradereitista Abelardo de la Espriella, apoiado polo goberno dos EEUU, nunhas tensas e duras votacións. Duro golpe á democracia. Chile, Honduras, Bolivia, Ecuador, Arxentina, Colombia, El Salvador…
Dóeme América Latina.
Suscríbete para seguir leyendo
- Bañeras de mármol y piezas de la balaustrada de hace un siglo entre los restos del derribo del antiguo balneario do Outeiro: la Xunta pide a la Policía Autonómica que acuda al inmueble
- Fallece con cinco días de diferencia el matrimonio centenario de Nigrán tras 78 años de casados
- La Policía Local de Vigo rescata a una joven arrastrada por la corriente unos 50 metros en la desembocadura del Lagares
- Murió tras un error de diagnóstico en las Urgencias del hospital de Ourense después de un accidente en una ambulancia
- Así afecta la presencia de E. coli en las playas de Vigo: esto es lo que pasa si te bañas
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- El PP pide responsabilidades al gobierno local por los vertidos en las playas y el «caos en el balizamiento»
- Qué supermercados, tiendas y centros comerciales abren en Vigo este 15 de agosto: todos los horarios