Opinión | Sputnik

Escritora
El Xokas vai espido

El Xokas, nunha imaxe de arquivo. / J. Rosende
El Xokas é un dos streamers máis polémicos do panorama hispanofalante. O creador galego, que acadou a popularidade grazas ás súas retransmisións de videoxogos, levantou un negocio dixital que, entre Twitch, YouTube e Instagram, suma varios millóns de seguidores, e os seus directos reúnen decenas de miles de espectadores de maneira simultánea, como el mesmo se ocupa de lembrar con frecuencia nas súas intervencións.
Nunha sociedade onde as cifras son a principal medida de éxito, o número de visualizacións e de interaccións no ámbito dixital tradúcense en ingresos publicitarios que van da man da relevancia pública. Neste contexto, El Xokas acaba convertido nun perfil atractivo para as campañas publicitarias, malia os controvertidos episodios que foi acumulando ao longo destes anos, tanto pola agresividade coa que se expresa cando recibe unha crítica, coma polo fondo dos seus argumentos e por prácticas cuestionables (resulta difícil esquecer cando no medio dun directo, explicou que vivía practicamente fechado na casa, retransmitindo durante moitas horas, e que conxelaba o seu propio lixo ata acumular suficiente para tiralo dunha soa vez e aforrar tempo).
El Xokas é un streamer que construíu un personaxe sobrado e fanfarrón que berra, esbardalla e di «A mí no me afecta nada porque soy Jesucristo». Detrás desa pantalla hai tamén un tipo que recoñeceu que ten ou tivo problemas de ansiedade e control de ira que requirían axuda profesional. Oíno reflexionar nos seus directos de forma aberta sobre a saúde mental e dirixirse a algún seguidor con certa tenrura: «non pidas desculpas por sentirte mal», no que interpretei coma un exercicio de empatía coas persoas con depresión.
Mais esa mesma persoa na que percibín eses escintileos de humanidade, é a mesma que logo fai bromas horribles sobre os amigos que saen de festa sen beber alcohol para ligar con mulleres que estaban bébedas ou «colocadas», chegando a cualificar esa estratexia como un «trucazo», normalizando condutas que son violencia sexual.
Non é a primeira vez que El Xokas reduce as mulleres a unha valoración baseada no aspecto físico. A última en sufrilo foi Ester Expósito. El Xocas criticouna pola súa aparición nun concerto de Bad Bunny, despois de alegar que «el tema de las mujeres es tabú y delicado para pieles sensibles». «Esa piba por su pensamiento político, doctrina, etc, no te vale la pena. Es mejor estar con un 6. Te lo aseguro». Alegando a continuación que as súa opinións son «solamente criticables por personas que tienen una discapacidad». Que El Xokas reproduce esterotipos machistas, que obxectualiza as mulleres e coquetea coa misoxinia é unha realidade, aínda que non teña a valentía para admitilo porque verse ao espello de fronte e con honestidade é un exercicio de (auto)cuestionamento que colide de maneira directa co personaxe que construíu e que lle dá de comer.
E falando de comer, hai semanas, empecei a cruzarme coa cara do streamer en marquesinas e espazos publicitarios, a raíz dunha campaña de Burger King. Pareceume unha decisión arriscada da marca contratar a El Xokas. Estes días, o streamer recibiu burla dun espectador sobre o seu aspecto físico e respondeu insultando ao usuario e presumiu de que gañara «máis nunha promoción de Burger King ca os teus pais en vinte anos traballando». Despois dunha vaga de críticas, Burger King España anunciou a cancelación da colaboración co streamer e emitiu un comunicado no que aseguraba que as declaracións de El Xokas non representan a marca.
As crises reputacionais asociadas aos directos duran o que duran e El Xokas está acostumado a surfealas desde o seu ático en Madrid valorado en 2 millóns de euros. O problema é alimentar –literalmente– o machismo, o clasismo, o racismo e os discursos que normalizan a violencia. Ignoro se El Xokas ten problemas de saúde mental na actualidade. O que non ten son problemas económicos, nin tampouco de visibilidade. El é un rei sentado sobre un trono de hamburguesas. Mais vai completamente espido, malia que ninguén llo diga. Oxalá alguén lle poña un abrigo sobre os ombreiros, lle dea palmadiña no lombo e lle apague o micro. Ese a través do que o oímos mastigar cando fala, porque el ten que entreter a xente durante sete ou oito horas seguidas e necesita alimentarse.
Suscríbete para seguir leyendo
- Portugal perfila los 12 trenes con los que unirá con Alta Velocidad Lisboa, Oporto y Galicia: más de 500 plazas en dos clases y sin cafetería
- La secuela más desconocida del fentanilo llega a los hospitales vigueses
- Muere en Ourense Marcos Rodríguez Pantoja, el hombre que vivió más de una década aislado con lobos en Sierra Morena
- Un equipo médico para un corazón de 100 toneladas: en las tripas de un titán del mar
- El Náutico de San Vicente vuelve a instalar una valla opaca para ocultar sus conciertos y reducir los problemas que causan
- Rescatan a un niño de 5 años que se estaba ahogando en una piscina del balneario de Mondariz
- Xonxa Otero y Paula Rivas: «Estamos moi felices por ser as primeiras mulleres en poder bailar a danza de San Roque»
- Ni una alerta roja por calor frena la devoción a San Roque: más de 16.000 personas disfrutan de la fiesta patronal