Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Que din as rumorosas?

Oxalá que este verán non arda

Vista nocturna do incendio máis grave da historia de Galicia, orixinado en Larouco.

Vista nocturna do incendio máis grave da historia de Galicia, orixinado en Larouco. / Brais Lorenzo

Oxalá este verán non teñamos que contar hectáreas de incendios. Oxalá non teñamos que poñelas unha enriba doutra e erguer con elas edificios estatísticos enteiros que poidamos comparar con outros anos e dicir que grandes somos. Oxalá non haxa que contar hectáreas nin carballos queimados, porque os quilos de cinza son incontábeis e o mesmo os insectos que arden e os paxaros que deixan de respirar abafados e as flores que non se queixan, pero que tamén morren e nin cadáver deixan.

Oxalá este verán non teñamos que medir o vento nin mastigar os seus quilómetros cando asustan aos bombeiros e dicir 33 e non sorrir para a foto pola brisa, senón pensar que alá vén unha das mans pantasma que contribúen a acender as nosas terras e a borrar dos nosos horizontes pouco a pouco a esperanza.

Oxalá non nos vexamos obrigados a falar de casas calcinadas, de árbores calcinadas, de esperanzas calcinadas, e non teñamos que nos preocupar por levarlles dende o ar o xantar aos coitados veciños cuadrúpedes ou miriápodos, que tanto ten, que aquí non se discrimina polo número de patas, que tiveron a mala fortuna de vivir nunha paisaxe condenada a ser aprendiz de deserto.

Oxalá non haxa que restar litros de auga e compor calendarios coas horas para dicir agora si, agora non, no noso degoiro do líquido da vida. Oxalá poidamos lavar os dentes sen medo e enxaboarnos na ducha e pechar a billa mentres, si, porque somos civilizados, pero non porque teñamos que contar a auga.

Oxalá non teñamos que acumular temperaturas máximas, sobre todo máximas, e algunha mínima despistada que apareza no medio do escenario coas liñas esquecidas. Oxalá poidamos levantarnos e respirar o horizonte e berrar ao mediodía con entusiasmo e non con gana de nos encerrar nunha cova para reivindicar o verbo veranear como o contrario de invernar.

Oxalá non teñamos que camiñar sobre po, a terra baixo os nosos pés tan sedenta que a confundamos coas cinzas dos nosos devanceiros. Oxalá non contribuamos a seguir construíndo futuros feitos de fendas no chan e non castiguemos a terra con bulldozers e rozadoras para pararlle os pés ao lume.

Houbo un tempo en que dicir verán era como dicir vacacións, e mesmo nun lugar tórrido coma Ourense aínda non era sinónimo de destrución. Os que coñecemos ese verán preferimos que chova e mollarnos só para que Galicia non arda.

Oxalá non fixese falla desexar o inverno para que a estación non nos leve.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents