Opinión

Xornalista e escritor
Ayodele e Lisa
Lisa entra no locutorio e envía 300 euros á familia, en Onitsha. O aforro dun mes percorre 5.000 quilómetros nun intre. Lisa chámase Ayodele. O verdadeiro é o nome que garda para ela e o seus, que fican en Nixeria. Lisa é unha identidade allea, a palabra doutros.
Comparte domicilio con catro mulleres; cada unha paga 400 euros. Ayodele descansa alí —non sempre o consegue—, cando non está no piso turístico que Luís aluga para impoñer a varias vítimas que se prostitúan e lle paguen. A prostitución coactiva é a escravitude do século XXI. «Viólanse os dereitos humanos, corrómpense a liberdade, a dignidade e integridade das persoas», di a Policía. Os pisos «son centros de distribución de drogas, que en moitas ocasións as mulleres son obrigadas a fornecer aos clientes, e a consumir», afirma a Fiscalía.
A falsa vivenda turística de Booking é o cárcere de Lisa, Sara, Andrea, Daisy e Miranda. Hai cámaras. Se non aparecen, multa. Se queren que o cliente use o preservativo, sanción. Se teñen a regra, castigo. Luís explota, dita as normas e recauda.
Manuel ve pertinente que Zoraida traballe en negro, limpe a casa e coide os sogros, todo por 600 euros. «Coma ti atopo vinte», responde cando a rapaza pide que a asegure. Manuel pensa que os españois van primeiro e parécelle ben mercar por 70 euros o corpo de Ayodele. Non lle importa o nome, nin a cor de pel, nin se ten permiso de estadía. Bate nela, nifra cocaína no seu peito, esíxelle que consuma. «Setenta euros non os gaño no día, eh, non te queixes», e marcha rindo. Ela xa está de costas e aguanta o pranto. «Mil euros máis e liquido a débeda», pensa, con inxenuidade. Nunha semana descubrirá que a cantidade que Luís lle indicara no comezo medrou por conceptos absurdos.
O domingo hai colecta na igrexa. Manuel solta 20 euros, enche o peito e mira arredor, para que o vexan. A súa muller sorrí, orgullosa. A campaña vai para Cáritas. «Non coñecemos unha prostitución libre. Son vítimas da explotación e a desigualdade de xéneros. Trátanas coma cousas». As profesionais do programa Alumar, da ONG da Igrexa, axudan a vítimas da trata sexual.
Sae do locutorio. Abre o bolso para coller o móbil e avisar a nai de que fixo a transferencia. Ve o folleto que hai uns días lle deron en Alumar. En dez minutos ten que estar no piso, ou Luís vaina multar. Marca o 900, preme o 10, tamén o 50. Por último, o 90. Responde a voz máis amable das últimas semanas. «Bos días, esta é a liña da Policía contra a trata. Que necesitas?» Antes de falar, Ayodele despídese de Lisa para sempre.
Suscríbete para seguir leyendo
- El «Vigo Arena», llamado a saldar una deuda histórica: la ciudad olívica es la única gran urbe española sin un recinto cubierto para eventos multitudinarios
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- El miedo regresa a O Terrón tras otro incidente violento con el mismo protagonista
- La flota teme una nueva expulsión en África por la falta de acuerdo con Mauritania: ya hay barcos repatriados y a la venta
- ¿Confundió David Bisbal la bandera de Galicia con la de Argentina al cantar el tema del Mundial?
- Borja Iglesias, el niño que quería ser Fernando Torres
- El grito eterno del minuto 106
- Vuelca un camión hormigonera en el enlace de la A-52 con la A-55 en Mos