Opinión | Wendy no tornado
A sombra forzada do sexo

Os libros «Circe ou o pracer do azul» de Begoña Caamaño e «Eu não sou de ninguém» de Florbela Espanca / Mar Mato
As sombras van de a cabalo das nubes. Riscan co seu punzón de xeo a pel e a alma do noso mundo. Ocultan e revelan un ceo de luz e escuridade reflectido nos cuartos das nosas vidas e das nosas memorias.
Esas sombras son moi alongadas... Somos conscientes delas cando lemos que case o 30% das mulleres no Estado español admite ter sido forzada a facer algo que rexeitaba nunha relación sexual.
Non hai cancelas para as lembranzas de cando unha amiga anos atrás me contara co noxo e o susto aínda nos ollos como un día acordara do sono sendo sometida polo compañeiro de leito sen preguntarlle se ela quería.
Tampouco esquezo o horror ante as confesións dun amigo que recoñecía co sorriso na boca que, no medio do acto sexual, retiraba o preservativo sen o consentimento das súas parellas para maximizar o pracer del.
E aínda sinto a carraxe polo peito cando outra amiga revelou como a forzou ata sangrar un ligue nun baño nunha noite de verán cando era unha nena.
Pasaron 20, 30 anos deses episodios e sigo a escoitar testemuñas de mulleres obrigadas. Detrás da ‘moda’ do sexo anal, non todas queren nin desexan.
Confesouno unha das participantes dun tupper sex. Explicaba que pola súa doenza, cando manter relacións sexuais vaxinais era moi doloroso, tiña que acceder á porta de atrás para que el se saciara aínda que a ela non lle gustaba.
Como sinalou Begoña Caamaño en «Circe ou o pracer do azul», «Todo precisa ser dito para poder ser explicado. O silencio confire un carácter maldito».
Temos a obriga de falar e denunciar esa clase de home que arrasa «non como amante, senón como conquistador» (Begoña dixit).
As mulleres non podemos ficar entre as ramas da oliveira, na cama do silencio que Penélope mandou construír para non esquecer o seu odio contra o Ulises forzador.
Nosoutras debemos levar máis alá o verso de Florbela Espanca: Eu não sou de ninguém.
Suscríbete para seguir leyendo
- El «Vigo Arena», llamado a saldar una deuda histórica: la ciudad olívica es la única gran urbe española sin un recinto cubierto para eventos multitudinarios
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- El miedo regresa a O Terrón tras otro incidente violento con el mismo protagonista
- La flota teme una nueva expulsión en África por la falta de acuerdo con Mauritania: ya hay barcos repatriados y a la venta
- ¿Confundió David Bisbal la bandera de Galicia con la de Argentina al cantar el tema del Mundial?
- Borja Iglesias, el niño que quería ser Fernando Torres
- El grito eterno del minuto 106
- Vuelca un camión hormigonera en el enlace de la A-52 con la A-55 en Mos
