Opinión | Dende a fiestra

Poeta e narrador
Os números matan os versos

Poesía e música para nenos na librería Libros para soñar, de Kalandraka, en Vigo / FDV
«A los árboles
no les gusta
el viento
porque
les obliga
a barrer
el cielo».
Lía eu este poema mentres soaba na sala un dos concertos de piano e orquestra que máis me emocionan: o Concerto nº 2, Op. 18, de Rachmaninov, interpretado polo pianista Evgeny Kissin coa London Symphony Orchestra dirixida por Valery Gergiev. Que lirismo. Que beleza. Que emoción. Son momentos que te reconcilian coa esencia do ser humano.
Dicía que lía estes preciosos versos no libro Versos que el viento arrastra (Olé Libros), de Karmelo C. Iribarren, escrito, en principio, para os nenos e nenas, aínda que, son poemas sen idade definida. Daquela, comecei a preocuparme, porque axiña sentín, unha vez máis, que os números matan os versos. E dirán vostedes a que vén isto. Terán razón en amosar certo despiste. Lóxico.
Porén, isto toma sentido se o asociamos á publicación de poemarios para a infancia. Os números que fan os grandes executivos á hora de decidir poñer nas librarías, escolas ou bibliotecas libros de versos matan os poemas. Que difícil é publicar poesía, en xeral, e xa non digo para a rapazada.
Estes individuos, que endexamais sentiron a cultura como algo fundamental, fan números, pensan friamente, danlle ás costas o desfrute da literatura e deciden matar os versos. Prefiren narracións insulsas, repetitivas, que sigan certas modas a un bo libro de poemas. (Debo dicir que a editorial Kalandraka é unha bendita excepción).
Non se vende poesía, din eles. Claro, non se ofrece e descoñécese. Non saen as contas. Solución?: matamos os versos. E abofé que aos nenos e nenas lles encanta a poesía se se lles achega con convencemento e ilusión. Dígoo pola experiencia acadada en centos e centos de encontros a través dos anos polas bibliotecas e polos centros de ensino. Vibran nas aulas as voces e mais os corazóns coa poesía en voz alta. Pero os catálogos editoriais están orfos de propostas líricas. Non se vende, argumentan. Os docentes non queren prescribila, din.
E os executivos repiten con insistencia cruel: non nos sae rendible. Daquela, non teñen ningún remorso e matan os versos enviándoos ao ostracismo.
Alguén dirá: E falas ti que tes un bo número de poemarios publicados? Pois si, falo no nome de moitos e moitas que escriben poesía para a infancia (négome a chamala poesía infantil) e non atopan espazo neste universo ilóxico e materialista. Faltaría máis que estivese calado. Para min, a poesía é un xeito de vida e levo ben anos loitando para que estea presente na nosa vida. Hai persoas que escriben moi ben e non teñen oportunidade de editar un libro de poemas para os cativos e cativas. Por iso falo. E seguirei facéndoo sen dubidalo.
Fíxense: hai uns días quixen mercar unha antoloxía poética miña en castelán: Dijo el ratón a la luna.
Na librería dixéronme que estaba descatalogada.
Os números mataron os versos. Escribinlles e pedíronme desculpas por non terme avisado, pero non porque os números matasen os meus versos. Non, por iso, non.
Mais a semana seguinte xa foi demasiado.
Chego á librería para encargar un par de exemplares de Poemar el mar (tradución castelá do Premio Nacional de LIX, Poemar o mar). A libreira volve mirar o ordenador e a mesma resposta: está esgotado, Antonio. Escribo novamente á editorial e respóndenme, con moita educación, que se esgotara a cuarta edición e que por razóns de non atinxir as vendas necesarias para seguir en catálogo decidiron non reeditalo. Cuarta edición!
Lamentan a tristeza que lles produce que libros de tanta calidade e tan premiados (Premio Nacional e Premio Fundación Cuatrogatos de Miami) queden fóra. Que lles parece? Onde están os límites? Indignación por min e por todos eses bos poemarios que se publican no estado e que deciden matalos porque os números non xustifican a permanencia nos catálogos.
Supoño que agora entenderán o título deste artigo. Si, certos números matan os versos.
E por hixiene mental remato este artigo cuns versos dese Poemar el mar que se perdeu nas augas turbulentas da incompetencia literaria:
«Por qué esa dulzura
que habita en el mar
pierde entre las rocas
la calma sin más?».
Suscríbete para seguir leyendo
- El «Vigo Arena», llamado a saldar una deuda histórica: la ciudad olívica es la única gran urbe española sin un recinto cubierto para eventos multitudinarios
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- El miedo regresa a O Terrón tras otro incidente violento con el mismo protagonista
- La flota teme una nueva expulsión en África por la falta de acuerdo con Mauritania: ya hay barcos repatriados y a la venta
- ¿Confundió David Bisbal la bandera de Galicia con la de Argentina al cantar el tema del Mundial?
- Borja Iglesias, el niño que quería ser Fernando Torres
- El grito eterno del minuto 106
- Vuelca un camión hormigonera en el enlace de la A-52 con la A-55 en Mos