Opinión | Sputnik

Escritora
Ollo cos portais

Cacharela na noite de San Xoán / Gustavo Santos
Cando era nena, ademais da profunda fascinación que me provocaba a noite de San Xoán, acompañábame o medo a que nos roubasen o portal da casa. Fantasiaba en como reaccionarían os meus pais ante semellante falcatruada. Preguntábame se sairíamos no coche a patrullar a parroquia, ou se esa procura do portal roubado sería a pé, atravesando campo e monte. Que se fai cun portal roubado? Onde se agocha? E o máis importante: para que quere alguén roubar un portal?
Contáballe esta tradición hai uns días a unha persoa da capital que, ante tal relato, optou por fitarme con cara de sardiña. Xamais oíra semellante cousa. Fixen algunha broma ao respecto de que, sendo a que vai do 23 ao 24 de xuño a noite máis curta do ano, é tamén a máis propicia para abrir a porta a este tipo de trasnadas populares. E, quen sabe, quizais teña algunha relación co portal que separa o Alén do Aquén. Xa saben: calquera data é fantástica para traer a colación o mundo dos espíritos.
Ademais de coincidir co nacemento de Xoán o Bautista se nos detemos no calendario relixioso cristián, esta celebración tamén festexa a chegada do solsticio de verán. Un cambio de ciclo e de estación cun profundo arraigo. Unha tradición para celebrar en familia, co lume purificador coma tótem.
Mais esta noite tamén é coñecida coma «a noite dos carros» ou «a noite de ir roubar cancelas». Seica era habitual nalgunhas parroquias que os mozos roubasen pertenzas que á mañá seguinte expoñían no atrio da igrexa para facer escarnio das persoas roubadas e fachendear das súas habilidades coma ladróns. Quen non oíu algunha vez a historia dun veciño que durmiu no carro para impedir que llo roubasen e que finalmente foi roubado o veciño e máis o carro? A tradición foise adaptando en función das zonas: había quen roubaba carros, quen roubaba cancelas, quen roubaba apeiros de labranza, macetas... Sexa como for, a noite de San Xoán é unha noite meiga presidida polo lume. Fogueiras, cacharelas, lumaradas, laradas, luminarias, cachelas ou cacheiras son algunhas das palabras que definen o acto de prender ese lume que, tradicionalmente, tiña a intención de insuflarlle forza ao sol tendo en conta que, a partir desta noite, os días comezan a minguar; aínda que estea todo o verán aínda por diante.
Como viguesa que medrou no rural, vivín como a noite de San Xoán tiña unha importancia capital asociada aos ritos e crenzas, mais tamén para establecer lazos de veciñanza. O feito de ir recoller leña e xuntala arredor dun mastro central, configurar a fogueira nas semanas previas, alimentala con todo aquilo que fose susceptible de ser queimado era un xeito de crear comunidade.
Cando a fogueira estaba case consumida, as crianzas choutabamos sobre ela escoitando de fondo algunha voz veterana que nos aprendía algún dito popular: «Salto por riba do lume de San Xoán para que non me trabe nin cóbrega nin can, nin becho vivinte que ande polo chan». As veciñas apañaban as herbas máxicas que metían en cubos con auga para deixar ao resío e lavar a cara ao día seguinte para protexerse de males, enfermidades e meigallos: a ruda, a flor de San Xoán, o loureiro, a verbena, o romeu, o fiúncho, o romeu, os estalotes, as xestas e ata o fento eran (e seguen sendo) plantas aptas para este ritual onde a auga adquire o papel de forza curadora.
Estes días andei á procura dalgunha fogueira en construción, mais non dei con ningunha. Quizais non fun ver ao lugar axeitado. Haberá que improvisar!
Suscríbete para seguir leyendo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- «Hemos visitado colegios y sorprende que niños de primaria no sepan identificar un pez tan característico y gallego como el rape»
- El Concello de Vigo prohíbe la pantalla de la Diputación en Praza da Estrela para ver el España-Bélgica y Luisa Sánchez lo achaca al «sectarismo» del alcalde
- La Guardia Civil confirma que la mujer de A Portela, en Bueu, llevaba tres semanas muerta en su casa
- Condenan al Sergas por la extirpación «a ciegas» del útero a una joven de 33 años en Vigo
- Borja Iglesias: «Tras mi debut en el Mundial, Claudio me hizo llorar con su mensaje»
- Detenido un conocido estafador venezolano por un intento de fraude a una empresa de Moaña