Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Que din as rumorosas?

Ofrécese persoa responsábel

Cartel de venta de piso en una farola.

Cartel de venta de piso en una farola. / Noelia Souto

Lembro Compostela cando internet aínda non cambiara o mundo e os farois falaban. Malia que os paxariños procuraban mellores predios nos que criar a súa prole, aquelas árbores metálicas aínda non invadidas polos leds facían horas extras non remuneradas como publicistas e dende elas voaban mensaxes. 

A súa era unha conspiración de Mercurios encantados de faceren de carteiros entre mortais, nun sistema alternativo de intercambios, un dixomedíxome de douche e dásme. Quen soubese ler accedía, mentres camiñaba, a un mundo paralelo de servizos, profesionais e, sobre todo, inmobiliarios. Aínda o turismo non consumara a súa conquista da vivenda e había moito, e bastante ruín, onde escoller.

As redes sociais dos farois podíanse tocar e manipular, eran xa interactivas, e mesmo se podía intervir nelas (precursores da performance, se cadra?) para levarmos enderezos ou teléfonos. Os vehementes carteis de «se busca» manuscritos, moitas veces con indiscretas faltas de ortografía, cumprían a súa función, procurando a atención nas rúas e dende os paneis das facultades, das fotocopiadoras ou dos supermercados. Tantos pisos había que ata protagonizaban anuncios por palabras nos xornais. Media humanidade andaba á caza da outra metade e o papel obraba o milagre.

Daquela propaganda caseira, agora reconvertida en chíos en plataformas sociais e outras que monetizan a comunicación cotiá, quedan reminiscencias. Sempre hai quen non se adapta aos novos medios e quen ten en conta esas persoas para facer negocio. Por iso, en contadas ocasións, os farois ou as esquinas recuperan as follas que levou o outono da modernidade e reverdecen. Nesas ocasións florecen nos seus tallos pequenos anuncios, máis que para buscarlles compaña a pisos, agora case criaturas tan mitolóxicas coma os unicornios, para ofrecer man de obra.

Dende a resistencia analóxica berran persoas que procuran unha oportunidade nun mercado de traballo que carece de asentos en primeira para todas elas. As candidatas mostran nun currículo exposto ao ar a súa titulación, pero por intuición destacan as soft skills, como lles gusta dicirlles aos mesmos que ven máis cool coach ca adestrador. Dende os farois ou as paredes, presumen de cumpridoras, formais, serias, sensatas, xuizosas, conscientes. Nunha voz: responsábeis.

Os irresponsábeis non se ofrecen; tropezamos neles sen querer. Se cadra, non erguen a man porque non saben que poden ser ou non se atreven, non vaian romper algo. É doado romper, a nós mesmos ou o que tocamos, e nunca tanto nos faltou alguén responsábel para evitar que todo se esnaquice; ou para pegalo se, no peor dos escenarios, iso xa aconteceu.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents