Opinión | Vou repetir

Xornalista e escritor
O mellor verán que pasamos

Nenos xogan nunha fonte en Ourense / Alán Pérez
O ano comeza en setembro, tralas vacacións, co regreso ao traballo, e remata ao chegar o verán, o final do ciclo, o principio dun tempo distinto. Cos propósitos de outono, cando xa devece a luz, todos os verbos se conxugan en futuro. «Farei»; «deixarei»; «serei» son formulacións cunha certeza inventada. O tempo en condicional daríalles o sentido apropiado. Cando volve o verán retorna o pasado, condicionado por unha mirada de nostalxia, máis xenerosa co que tiñamos, coas persoas que un día fomos.
O verán cheira a descanso e vacacións, aínda que non poidamos parar ata que remate. É a estación das lembranzas, a paisaxe primordial das historias que permanecen como acordanzas.
Odio a calor do presente, os meses abafantes de Ourense, a estación das noites tropicais e dos corenta graos á sombra, dos montes a as aldeas en estado de emerxencia pola amenaza de lumes que regresan cada ano, e se converten en xigantes inconmensurables. Aborrezo a interpretación actual dun tempo que, durante unha parte da vida, ancorada na memoria, era case interminable, unha estadía feliz. A infancia segue dentro de nós coma un sol brillante.
O mellor de ser un cativo é non coñecer a decepción, non saber que o máis frecuente son os golpes. O futuro é un xeado de fresa cando caia o serán, como colofón a unha tarde de piscina cos amigos. As escasas tarefas por cumprir son marabillosas: ler un cómic de Mortadelo e Filemón, ver un encontro do Pozo Murcia contra o Playas de Castellón, xantando patatas con ovos fritos, aprender a Muiñeira de Chantada coa gaita, mentres a avoa saca as fabas das vaíñas, percorrer en bicicleta a distancia entre Faramontaos e a Martiñá, sentíndome coma o Chava Jiménez cando acadou o cumio do Angliru.
Neses días inmellorables a volta á rutina queda moi lonxe. Antes de ir a escola quedarán uns días máis, longuísimos, trala festa parroquial. Ata o momento do remate dá tempo de medrar.
O tempo foi pasando e a mellor época da vida resiste como unha lembranza e un desexo de volver cada vez que a calor regresa e o sol vén co verán. Aínda que regresar sexa factible só como idea, como un exercicio de nostalxia, trazar o rumbo dos días coa arela de chegar a un destino feliz, como era a estación daquela, compensa o esforzo, alimenta o proceso, desde o comezo ata o final.
Suscríbete para seguir leyendo
- El «Vigo Arena», llamado a saldar una deuda histórica: la ciudad olívica es la única gran urbe española sin un recinto cubierto para eventos multitudinarios
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- El miedo regresa a O Terrón tras otro incidente violento con el mismo protagonista
- La flota teme una nueva expulsión en África por la falta de acuerdo con Mauritania: ya hay barcos repatriados y a la venta
- ¿Confundió David Bisbal la bandera de Galicia con la de Argentina al cantar el tema del Mundial?
- Borja Iglesias, el niño que quería ser Fernando Torres
- El grito eterno del minuto 106
- Vuelca un camión hormigonera en el enlace de la A-52 con la A-55 en Mos