Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Dende a fiestra

Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Poeta e narrador

Vai de música

Leonard Cohen.

Leonard Cohen. / Tiago Petinga/EFE

Vexo as nubes dende a fiestra. Non estou sentado, pero non tardo en facelo para ver como brincan bulideiras agochando o sol, de cando en vez, e sacándolle a lingua rexoubeiras. O sol que xa as coñece sorrí comprensivo e chíscalles un ollo.

Estou seguro que nunha delas estiven eu durante varios días emocionado polo vivido no evento BurgosEnCanto. Que preto de 300 voces infantís cantasen os teus poemas, acompañadas pola UBU (Orquestra da Universidade de Burgos), todas dirixidas polo prestixioso mestre Josu Elberdin, mentres eu lía o texto narrativo Honorato, un ratón enamorado (versión castelá dun meu conto do mesmo título), produciume unha excitación moi fonda. Excitación da beleza, porque a música do músico, compositor e intérprete Javier Centeno Martín é impresionante. Difícil expresalo con palabras. Os sentidos posúen un aquel interno que nace cara a dentro e sacoden a sensibilidade case sen facer ruído, mainamente, chegando a transformar a quen o vive.

Música, voces, palabra contada e poesía formando un todo sublime.

Casi 300 niños y niñas cantan en Burgos la obra «Honorato, un ratón enamorado»

Grado de Imagen y Sonido del IES Diego Marín Aguilera

Acababa de baixar da nube, cando asisto, unha vez máis, ao día seguinte da miña chegada a Vigo, a un concerto de jazz na nova Vitruvia. Este lugar estase a converter no templo do jazz en Galicia da man do incansable Javier Ferreiro, o dono. Recomendo que estean atentos ás programacións mensuais deste local. Non se sentirán defraudados, pois a calidade dos músicos que pasan por el é infinita. Desta volta actuaba un cuarteto: Sebastián Loiacono Quartet. Sebastián Loiacono, arxentino el, é un dos saxofonistas máis sólidos e persoais do panorama jazzístico actual. Xunto del estaban tres músicos imprescindibles do jazz galego e peninsular: o pianista Xan Campos, Paco Charlín ao contrabaixo e David Puime á batería. Os catro formaron un conxunto que nos regalou unha procura constante da diversidade, facendo que convivisen ao tempo a técnica, o son e a emoción. Foi un concerto no que se notou perfectamente ese equilibrio, esa liberdade e eses diálogos entre instrumentos que o jazz posúe cando se interpreta dende a intelixencia, a arte e as emocións.

E foi nese concerto marabilloso cando prendeu unha luz no meu interior. A interpretación dun tema de Joe Henderson, ese saxofonista de Ohio, brillante en formacións e grupos moi sólidos, que percorreu a música tras o ronsel de John Coltrane ou Sonny Rollins, seduciume e levoume a recuperar a súa música que, ultimamente, tiña esquecida. Así, cando cheguei á miña casa, tirei do andel os seus discos e volvín gozar da súa arte. A súa obra Lush Life. The Music of Billy Strayhorn, enmeigoume ao instante e soou mil veces no meu salón, mentres fumaba a miña pipa. Un prodixio que me deixou sen fala.

Daquela, vin no andel da miña biblioteca, como pedíndome que o sacase do castigo de cara á parede (Celorio dixit), un libro dun home que amo profundamente: Leonard Cohen. O seu título: The Flame (A Chama), editado por Salamandra. Don Leonardo, novelista, poeta, músico, estudoso da poesía, grande amante de Lorca, viviu comigo dende que escoitei Suzanne por vez primeira (Bird on the wire é a miña canción favorita) e tiña que escoitar estúpidos dicindo que aburría as cabras. Vaia concepción da arte que tiñan eteñen algúns! Este libro vén sendo o legado de Cohen. Nel atopamos poemas, cancións e notas persoais inéditas, debuxos e manuscritos. Ten un limiar do seu fillo, Adam Cohen, que explica nas primeiras liñas que este libro contén os derradeiros esforzos do seu pai como poeta. Eu afirmo sen lugar a dúbidas que Cohen era, ante todo, un poeta. Aos que escoitamos sentados, con calma, as súas cancións lendo a tradución das súas letras (Grazas, Alberto Manzano polo teu labor) e gozamos con El Libro del Anhelo, nunca nos coubo a menor dúbida. Conmoven os versos dunha das súas composicións do seu derradeiro disco: Quérelo máis escuro/ Apagamos a chama. Tiña, segundo o seu fillo, a emoción dun pensamento acendido. Leonard Cohen faleceu en novembro de 2016. Vai para dez anos. E remata Adam o limiar con estas palabras: «Agora todo semella máis escuro, pero a chama non se apagou. Cada páxina de papel que esborranchou é a perdurable evidencia dunha alma en chamas».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents