Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Sputnik

Usades IA e sabémolo

Unha persoa usa o modelo de IA Chat GPT.

Unha persoa usa o modelo de IA Chat GPT. / Frank Rumpenhorst / DPA

Hai un episodio de paranoia tecnolóxica asociado ao cambio de século que está acompañado de certa dose de surrealismo. Refírome á Noitevella do 31 de decembro de 1999, cando Álvarez Cascos –daquela vicepresidente do Goberno– pasou a noite encerrado nun búnker no Palacio da Moncloa, xunto con outras vinte persoas, por pánico a un colapso. As supostas consecuencias dun fallo informático global asociado ao cambio de milenio, provocou que o goberno de José María Aznar nomease un gabinete de crise.

A proximidade do ano dous mil xerou teorías absurdas e esaxeradas sobre as consecuencias informáticas do chamado «Efecto 2000»: estendeuse a idea de que, na medianoite do 31 de decembro de 1999, milleiros de ordenadores ían interpretar o ano «oo» de xeito erróneo, coma se fose o 1900, en lugar do ano 2000. Isto traería consecuencias de suma gravidade: fallos en bancos, centrais eléctricas e nucleares, aeroportos, hospitais... Unha catástrofe inminente que, como saben, xamais tivo lugar. O que si tivo lugar foi un desembolso económico tanto de particulares, que acudían a empresas informáticas para actualizar os seus sistemas e paliar así o Efecto 2000, ata do propio goberno, que puxo en marcha un plan de excepción. Entre as medidas previstas, atopábase o nomeamento dun grupo especial que estaría de garda na Noitevella nas instalacións secretas da Moncloa, nun búnker situado a sete metros baixo terra. O grupo comeu as uvas e brindou polo novo ano mediante videoconferencia, conectado cos comités de emerxencia ministeriais designados ao efecto. Pasada a medianoite, José María Aznar presentouse no búnker, agradeceu o esforzo e, para sorpresa de ninguén, informou de que non sería necesario poñer en marcha ningún dos plans de emerxencia previstos.

Este episodio, analizado desde unha mirada actual, é un skecth hiperbólico de humor absurdo. Interésame a cuestión tecnolóxica porque estamos asistindo a un importante cambio de ciclo marcado polo desenvolvemento da Intelixencia Artificial, tan útil para algúns usos, coma o sanitario. Mais resulta que, case dun día para outro, a xente empezou a mandar correos electrónicos impolutos, a usar imaxes hiperrealistas e mesmo a compoñer música con pericia. Mais todo é tan de mentira, tan prefabricado e carente de alma, que se rabuñas tan só un chisco caes na conta de que todas esas creacións son clons coa profundidade dun charco.

Na era en que os vídeos teñen que durar vinte segundos para manter a atención, o que ofrecemos son sucedáneos de consumo rápido. Talvez o máis grave é que nos ofendemos cando a IA interfire no que é o noso ámbito profesional, mais usámola sen pudor cando se trata de aproveitar ese recurso para inmiscirnos noutros eidos que non dominamos. Mais resulta tan sinxelo detectar que un texto está escrito mediante IA, ou que unha imaxe está xerada mediante IA, que o que me resulta máis sorprendente é o seu uso indiscriminado. Talvez pensan que non temos ollos?

Atopo as redes sociais cheas de entradas redactadas baixo o mesmo esquema, textos institucionais que me fan sentir vergoña, imaxes publicitarias de espectáculos que meto en detectores de IA e confirman o que xa se ve a simple vista: foron creadas mediante IA xenerativa, é dicir, un proceso automatizado baseado en patróns estatísticos e modelos adestrados con datos visuais e textuais que están na nube. O algoritmo aplica as correccións e deseños que considera óptimos e logra resultados rápidos e impresionantes... Ata que te detés un segundo e observas que non existe intención nin contexto humano, que a imaxe final é nítida e tamén artificial ata a grima, igual ca os textos. Sen alma, sen paixón, sen polémica. Case todo o que leo responde ao patrón: «no caso de non ser x, daquela é y», abuso das frases feitas, tres adxectivos aleatorios despois do uso de dous puntos: «evidente, lamentable, baleiro» ou un final cunha frase de corte xeral que empeza por «porque». Como remataría este artigo unha IA? Así: «Porque o problema non reside só en que as máquinas aprendan a escribir coma nós, senón en que nós comecemos a escribir coma as máquinas». Como remataría o artigo unha humana?: «Observo o mundo actual a través da pantalla do meu ordenador e sinto a mesma estrañeza que cando lembro a Álvarez Cascos comendo as uvas nun búnker na Noitevella do ano 2000».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents