Opinión | Facendo amigos
Diferentes formas de remar

O Cilco de Conferencias Monterrei terá lugar no castelo da vila ourensá / F. S.
Pensaba que fora Díaz Pardo, pero ao parecer foi Laxeiro quen dixo aquilo de «Galicia, que gran país... pero que carallo de xente!». En realidade tanto ten quen fose, o único que importa é que se trata dunha verdade como un templo.
Aínda que teña que ser en solitario silencio, eu prefiro contarme nas filas dos que pensan que si, que Galicia é un lugar marabilloso desde o que dedicarnos á nosa cultura e traballar por ela. Pero tamén é verdade que ás veces custa un pouco máis do normal entender moi ben por onde raio caen os paus e, sobre todo, por que. Diga vostede que un vai sendo xa can vello e, se algo che dá o tempo é a capacidade de relativizar, de darlle a todo o seu valor correcto e non perder a cabeza en absoluto nin polo arre nin polo xo, que nada do que nos pase nestas danzas é nin tan marabilloso como para que o mundo empece a xirar en sentido contrario, nin tampouco tan terrible como para rachar as vestiduras. Pero, con sinceridade, ás veces un queda con cara de parvo ante as diferentes actitudes.
Penso nisto porque vexo que esta fin de semana se fala de dúas iniciativas culturais con moi diferente traxectoria e respaldo.
A primeira delas é o anuncio da quinta edición do Festival EnCamiño, esa gran festa-milagre da cultura en Galicia que comezou case como unha loucura local, alá no concello coruñés de Miño, e agora xa é sen lugar a dúbidas un dos grandes referentes da vida cultural non só en Galicia senón, tamén, no panorama literario español. E todo grazas á confluencia de dous tolos marabillosos. Por unha banda, vaian todos os loureiros para Róber Cagiao, ese escritor tan prolixo como xeneroso que está a poñer patas arriba o mundo das letras en Galicia. Pero, sendo francos, a iniciativa de Róber non tería saído adiante de non ser pola confianza, apoio e visión de Cata Morado, a concelleira de Cultura da corporación miñesa que soubo ver desde o primeiro instante o enorme potencial que a proposta de Cagiao supuña para a proxección do concello. De feito, nestes cinco anos o nome de Miño non deixou de crecer nin de resoar alén das nosas fronteiras, convertido xa en parada galega tan obrigada como desexada no inmenso escenario das letras españolas, proba irrefutable do moito que pode lograr un concello que non lle pecha as portas á súa cultura.
E, falando disto...
A segunda das iniciativas das que se vai falar nesta semana que entra é o Ciclo de Conferencias Monterrei, un programa de encontros e charlas onde, coa escusa de conversar sobre literatura e historia, teremos ocasión de escoitar –por exemplo e entre outras voces, como a dun servidor de vostedes– a Juan Miguel Zunzunegui, hoxe por hoxe un dos historiadores iberoamericanos máis interesantes do mundo. O ciclo, como terán adiviñado, celebrarase no concello ourensán de Monterrei, entre o venres 22 e o sábado 23 deste mes, e se ben esta non é mais que a súa primeira edición, vén co compromiso por parte dos seus responsables e patrocinadores de ser a primeira de moitas máis. E, con absoluta sinceridade, non imaxinan vostedes canto me alegro de que así sexa.
Porque este ciclo de conferencias que nace con vontade de continuidade vén recoller a testemuña caída doutras excelentes iniciativas existentes anteriormente na zona, como tales foron as Xornadas de Novela Histórica e tamén as de Novela Negra que desde anos se viñan celebrando na veciña vila de Verín e que, malia o seu éxito máis que rotundo e asentado, acabaron morrendo de morte matada, deixando tras de si unha inexplicada débeda, tanto cultural como moralmente, co val e as súas xentes.
Como dixo Aristóteles (ou sería Platón?), “o todo é máis que a suma das partes”. E nestes casos que comento ocorre xustamente iso: un concello son os seus políticos, o seu alcalde e as súas concelleiras de cultura, o seus recursos e a súas decisións, si. Pero, moi por riba diso, é a súa xente, os seus veciños, as capacidades brindadas de todos e cada un de nós remando a prol do ben común. No fin das contas, iso é o que levanta un nome. O que nos sitúa nos mapas. Nos dos orgullos... ou nos dos esquecementos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- Los famosos gallegos de la lucecita
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- Cuando la movida madrileña invadió Vigo: 36 horas de sexo, drogas y rock and roll
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa
- Los Quesada Legido, una saga de artistas
- Cervantes está de moda por ser lo que no fue
