Opinión | Que din as rumorosas?
Sobre días e romarías

Manifestación do Día das Letras Galegas o ano pasado. / Antonio Hernández Ríos
O 21 de marzo comeza a primavera, se non nos pomos demasiado mexeriqueiros e prescindimos da exactitude da física. Que a xornada inaugure equinoccio non lle parece abondo á ONU, que lle asignou á data a conmemoración dos bosques e dos glaciares, da síndrome de down e do Novruz, que vén sendo o Aninovo en Persia e repúblicas caucásicas, á parte da exaltación da poesía e da eliminación da discriminación racial. En xeral, sabemos que os bosques e os glaciares van minguando e que algún día se extinguirán, agás que desaparezamos nós antes ou involucionemos ata volvermos a ser réptiles, mentres que a poesía segue exiliada do menú literario da maioría.
Que unha boa parte dos días simbólicos escollidos polo organismo teñan como sino manter a paz, protexer os dereitos humanos ou defender o dereito internacional e a axuda humanitaria, todos eles conceptos aínda máis utópicos que reais, dá pistas do destino que merecen homólogos homenaxeados nos días nacionais ou autonómicos.
Como acontece hoxe. O 17 de maio conmemórase a publicación de Cantares gallegos e, por extensión, autor a autor, con algunha autora polo medio porque felizmente os tempos mudaron, reivindícase a literatura en galego, da que Rosalía é nai, parteira e comadre.
Dicían os nosos devanceiros que nos lembramos de Santa Bárbara cando trona e das Letras Galegas cando os xornais locen engalanados portadas infestadas de letras que, nos vellos tempos da linotipia, descansaban o sono do esquecemento, coma os xes ou os zetas. A versión de que pasou o día, pasou a romaría non só se presenta coma unha alternativa eficaz para referirse á mesma idea, senón que a enriquece coa recriminación velada: e mañá que? Os que falan galego hoxe, en que falarán ao se afastaren cámaras e micros?
Lembro que unha señora normal, das non moi altas nin moi baixas, nin moi ricas nin moi pobres, das que non eran aínda da cidade, pero xa renegaban da aldea, preguntaba hai ben anos con abraio como é que eu falaba galego tendo estudos. Para parte da poboación, os estudos son criaturas mitolóxicas asociadas a un encantamento que obriga a falar en castelán porque é sabido que os anxos se comunican na lingua de Cervantes, mentres que para falar co gando vai mellor a nosa. Son ademais quen adoitan presumir de teren un idioma riquiño e de moitas outras palabras en «iño». Oxalá esa xente entendese que as linguas non se miden polo seu tamaño nin pola súa utilidade nin polo seu poder, senón que son a manifestación cultural máis senlleira dun pobo, e póñense á proba día a día nos ámbitos máis dispares. E se ao longo de 364 días ao ano se falase galego, renunciaría de bo grado a celebrar o 17. Mágoa que cada día quede menos gando.
Suscríbete para seguir leyendo
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- Los famosos gallegos de la lucecita
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- Cuando la movida madrileña invadió Vigo: 36 horas de sexo, drogas y rock and roll
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa
- Los Quesada Legido, una saga de artistas
- Cervantes está de moda por ser lo que no fue
