Opinión | Vou repetir

Xornalista e escritor
Contar a soidade

A pintora Natasha Lelenco no seu taller / @natashalelenco
Por motivos de traballo, co propósito de facer as dúas primeiras reportaxes dunha serie sobre artistas no seu espazo creativo, entrei nos estudos de dous deles en Ourense: Xosé Poldras e Natasha Lelenco. Compartiron comigo –e, xa que logo, cos demais– o escenario onde a idea e as inquedanzas se transforman en obras rematadas, ou en pezas que aínda se atopan en proceso, ou en proxectos que prenderon pero, por distintas razóns, quedarán inconclusos, aínda que, polo momento, os autores non o saiban. Con coidado de non ser indiscreto notei que a miña presenza nos seus lugares de creación constituía, inevitablemente, unha intromisión. A arte precisa da observación do mundo para alumar a idea, para atopar a pulsión que conecta o artista coa realidade, pero chega un momento no que a soidade resulta imprescindible para que a pintura, a escultura ou o poema se materialicen. A propia introspección pode ser tamén unha peza de artesanía. Na magnífica novela ‘Nebulosidade variable’, Carmen Martín Gaite reflexiona sobre a cuestión, pensa nos poetas e cita a Machado: «Máis vale ver negro ca non ver».
«Para crear eu teño que estar só», recalca Xosé Poldras no seu taller. «Traballo moi ensimismada, con música, a porta pechada», corrobora Natasha Lelenco. Síntome nos seus lugares un observador de privilexio, mais tamén un estraño que debe rematar logo e marchar, e deixar de estorbar.
Despois de quince anos de oficio, aínda admiro o poder que ten o xornalismo para abrir as portas sen chave, para atravesar as paredes, para descubrir o que está a acontecer no backstage, e baixo a pel das persoas. Hai maxia nesta profesión, malia o desdén que recibimos –abonda ler moitos dos comentarios das nosas noticias nas redes sociais, e amola observar os tempos medios de lectura, irrisorios nesta era dixital e urxente–, a pesar dos esforzados intentos dos gabinetes de comunicación por impedir a nosa presenza nos lugares dos feitos. Agora que Xosé López, Morgan, se xubila despois de décadas de docencia na Facultade de Xornalismo de Santiago, lembro a súa gran lección, a máis obvia en aparencia, pero que se esquece en ocasións entre os que exercemos este labor, por culpa da comodidade e a rutina: «Hai que ir, ver e contar, esa é a función do xornalismo», dicía nas aulas. Ese ha de ser o noso compromiso de cada día, aínda que moitas veces nos sintamos uns intrusos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- Los famosos gallegos de la lucecita
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- Cuando la movida madrileña invadió Vigo: 36 horas de sexo, drogas y rock and roll
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa
- Los Quesada Legido, una saga de artistas
- Cervantes está de moda por ser lo que no fue