Opinión | Dende a fiestra

Poeta e narrador
A palabra, palabra

O escritor Gonzalo Celorio, na lectura do Quixote. / J. J. Guillén
Estou sentado diante da fiestra de costas á rúa. Non vexo o ceo, imaxínoo. Prefiro non ver o abandono en que se atopa López de Neira, cun pavimento que produce vergonza allea. Vai caendo paseniño, cunhas beirarrúas nun estado máis que lamentable sen que ninguén poña remedio ao longo do tempo. Cando vexo o anuncio das peonalizacións e melloras das rúas de Vigo, fágome a inxenua ilusión de que, por fin, apareza o nome da miña rúa. Decepción tras decepción ao comprobar que esta rúa céntrica, coa ponte sobre ela, non figure entre os proxectos do Concello. E vaise afundindo cada certo tempo: un parche para saír do paso e listo. Pero os impostos si que soben. Incrible esta tremenda situación que padecemos no centro da cidade.
De costas, pois, á rúa, estou a escoitar o Quinteto en mi bemol maior, K452, de Mozart.
Sempre digo que cada vez que estou baixo de moral por calquera motivo boto man do compositor salzburgués e de The Beatles para reatoparme coa ledicia. E abofé que, tanto un coma os outros, fanme recuperar o ánimo.
E a lectura. E a poesía, ese remanso de paz que me acariña. Que lonxe dela se está! Que pouca presenza nas aulas e na sociedade. Sempre aconsellei que se lese a poesía en voz alta. Eu fágoo a miúdo. Estes días, cando me meto na cama, abro Follas Novas e leo en voz alta os poemas deste libro. Gústame recitar para as almas dormentes que se agochan nos muros da cegueira poética. Para que lles chegue a palabra dun tolo que se agarra aos versos para sentirse vivo: «Lévame a aquela fonte cristaíña/ onde xuntos bebemos/ as purísimas augas que apagaban/ sede de amor e llama de deseios./ Lévame pola man cal noutros días…/ Mais non, que teño medo/ de ver no cristal líquido/ a sombra daquel negro/ desengano sin cura nin consolo/ que antre os dous puxo o tempo».
E déixome levar da man de Rosalía de Castro, entre a súa voz e o espírito ateigado de humanidade dunha muller senlleira que viviu a súa vida apegada ao ser humano e á súa terra. Que pouco se le a súa poesía! Está a converterse nun logo comercial, desposuíndoa do que de verdade importa: a súa inmensa obra poética. Así é esta sociedade que dá as costas á cultura e banaliza o importante. Eu tamén quero que os seus versos me leven a esa fonte cristaíña e beber a auga palabra a palabra.
E falando de palabras. Ultimamente gocei da palabra dun home que hai uns meses descoñecía por completo. Logo souben que lle concederan o Premio Cervantes. Trátase de Gonzalo Celorio, un escritor mexicano, un intelectual de moitísima altura, do que lin en pouco tempo seis libros que me conmoveron e que me produciron enorme pracer. Escribiu unha triloxía, Una familia ejemplar, formada polos libros Tres lindas cubanas (2006), El metal y la escoria (2014) e Los apóstatas (2020) que devorei con paixón de lector entregado. Nas súas novelas funde realidade e ficción, conta cunha ironía afouta a historia da súa familia e convértea en materia novelística de primeira orde.
Eu, cando pregunto en encontros, cursos, másters e demais cal é a miña palabra favorita voa polo aire unha chea de vocábulos na procura de acertar. Case nunca dan con ela, malia que din palabras ben bonitas. Daquela, poño fin a ese ballón lingüístico e dígolles á rapazada e aos adultos que a miña palabra favorita é a palabra palabra.
Levo así varias décadas con esta pregunta. Pois ben, gozando co libro de memoria persoal, un libro lúcido, ambicioso e orixinal, que é Ese montón de espejos rotos, chego á páxina derradeira, a 495, e leo o texto co que remata o libro e di Celorio: “Cuando me preguntan cuál es la palabra que más me gusta de la lengua española, no digo…(aquí nomea palabras supostamente fermosas). Digo que la palabra que más me gusta de la lengua española es la palabra palabra».
Vaia feliz coincidencia. Coas mesmas palabras. Ai, bendita literatura!
Suscríbete para seguir leyendo
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- Los famosos gallegos de la lucecita
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- Cuando la movida madrileña invadió Vigo: 36 horas de sexo, drogas y rock and roll
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa
- Los Quesada Legido, una saga de artistas
- Cervantes está de moda por ser lo que no fue