Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Sputnik

Algúns segredos do Premio Cervantes

Gonzalo Celorio recolle o Premio Cervantes.

Gonzalo Celorio recolle o Premio Cervantes. / Ballesteros / EFE

Remata a Semana do Libro na que quero destacar a concesión do Premio Cervantes a Gonzalo Celorio, situando o foco neste 2026 nunha obra que leva décadas dialogando coa memoria. Celorio, narrador e ensaísta mexicano, converteu a súa escrita nun espazo de reflexión sobre a identidade, mais tamén nun exercicio de estilo.

Na xornada previa ao acto de entrega do Premio Cervantes no paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares, a Casa Real ofreceu o tradicional almorzo no Palacio Real, presidido polos reis. Un grupo de persoas do mundo das letras tivemos ocasión de honrar ao autor mexicano. A nómina de autores premiados con este galardón, desde que en 1976 foi entregado o primeiro a Jorge Guillén, chega con Celorio ao medio cento.

Os reis recibiron a Gonzalo Celorio e a varios membros da súa familia na impresionante Saleta de Gasparini, unha estancia que, na súa orixe, tiña a función de Peza de Cámara de Carlos III, sendo o espazo máis importante, ademais do Salón do trono, de todos o que compoñían o cuarto do rei. Decorada por Mattia Gasparini, que se trasladara desde Nápoles en 1759, a estancia é un conxunto rococó con marca italiana, ateigada de flores, aves e figuras orientais. Para levar adiante esta obra e a dos gabinetes adxacentes, todos eles de «madeiras finas», foi preciso crear tres obradoiros: o de Ebanistería, dirixido polo alemán José Canops; o de Bordado, capitaneado por María Luisa Bergonzini, esposa de Gasparini; e o de Bronces, este último baixo a batuta de Antonio Vendetti.

Carlos III, falecido en 1788, nunca viu completada a decoración da sala. Para finalizala foron necesarias décadas de traballo e foise instalando de xeito paulatino ao longo do século XIX: a colgadura de raso bordado con sedas de cores e fío de prata, o conxunto de cadeiras –dos máis orixinais do rococó europeo–, o reloxo coñecido coma «O Pastor», obra do reloxeiro Jacquet Droz, adquirido por Fernando VI, as consolas neoclásicas, candelabros, a araña de bronce, ou o velador fabricado nos obradoiros vaticanos que o Papa Pío XI agasallou a Isabel II. Todo isto é un pequenísimo percorrido por tan só unha das salas que compoñen o Palacio.

Despois do saúdo aos Reis, os asistentes puidemos gozar xunto a eles do almorzo no Comedor de Gala, un espazo creado entre 1879 e 1885 por orde de Alfonso XII, onde se organizan ceas e almorzos en ocasións especiais, coma foi esta. O deseño é do arquitecto José Segundo de Lema, que mandou integrar tres salas organizadas con arcos sostidos por columnas con elementos neobarrocos.

As espectaculares paredes están vestidas por tapices tecidos no século XVI por Guillermo de Pannemaker, conforme ao deseño do pintor Jan Cornelisz Vermeyen, e a estancia loce doce tíbores de porcelana china con tapadeiras coroadas polo León de Fu e a flor de loto –símbolos tradicionais budistas–.

Ao inicio do almorzo, Felipe VI pronunciou un discurso destacando que «Gonzalo Celorio celebra la lengua española, a la que ha dedicado su vida en casi todas las facetas posibles: como narrador, como docente, como académico, como ensayista, como editor. (…) Ese gran espejo de nuestra lengua –un espejo con alma de caleidoscopio, como en los cuentos borgianos– nos abre a oportunidades infinitas, de conocimiento y de creación. Produce un imaginario que no excluye, que no separa, que no inhibe la diferencia, sino al revés: que nos incluye y nos engrandece a todos».

Tiven a fortuna de compartir mesa con Sergio Ramírez, autor admirado e tamén Premio Cervantes, Luis García Montero, a Premio Gran Angular de Literatura Xuvenil Marina Aguirre ou a Premio Nacional de Poesía Miriam Reyes, só por citar algúns nomes dos que estiveron presentes nunha mesa quilométrica, vestida de xeito espectacular (non me chegan os adxectivos para definir un evento destas características).

Unha xornada insólita polo lugar onde se desenvolveu, fermosa pola posibilidade de homenaxear a Gonzalo Celorio e coñecer á súa familia, e importante polo feito de celebrar a literatura. Pero tamén unha xornada onde as colegas de profesión tivemos a oportunidade de pasear por un espazo que é unha viaxe no espazo-tempo e quedar suspendidas nese abraio.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents