Opinión | Que din as rumorosas?
Polas súas sobras coñecerédelos

Voluntario, durante la retirada de escombros de las instalaciones de la mina abandonada ed Valborraz, en Carballeda de Valdeorras, / Brais Lorenzo
Era unha vez un país en crise perdido nun continente roto que resistía apoiado contra un mundo coxo. Quebraron negocios e soprou o lobo sobre as hipotecas de casas construídas sobre palla e derrubouno todo, deixando só as pensións escuálidas dos avós para termar do real. Entón non había idadismo.
Así e todo, no medio do caos, persoas heroicas organizáronse en grupos de resistencia contra a obsolescencia programada e de súpeto volveron florecer zapateiros, costureiras e tendas de segunda man polos barrios ou pola rede, que xa daquela avanzaba insidiosamente cara ao noso cerebro dende a punta dos dedos.
Naquela tregua, moitos dos bens que vivían sometidos ao xugo da moda e das persoas que xogaban á vida rápida para facer un fermoso cadáver sentíronse por fin liberados e houbo mesmo quen tentou facerlle a respiración asistida a frigoríficos, cadeas de música e lavadoras sabotados por electroduendes trastes, pero que non se asañaran. Irreparábel pasou a ser un concepto aplicábel só aos danos das almas.
Esa onda de entusiasmo, no entanto, foi amolecendo á mesma velocidade coa que se fortaleceu a economía e usar e tirar volveu erixirse no principal mandamento dunha sociedade de consumo teimudamente crente en que a liña do progreso pode seguir en ascenso malia a que os recursos no planeta son finitos.
Mentres a metade do mundo malgasta e tira, a outra metade recolle e busca, coma o sabio de Calderón de la Barca. Os arranxos comezarán de novo a ser cousa do pasado porque, aínda que non faltase vontade, faltarán as persoas que saben como reverter a entropía e disimular a costura que deixa a realidade rota, que se extinguen coa precisión do fracaso.
A xente xa non se coñece polas súas obras, senón polas súas sobras. Velaquí a miña lista: sobran as malas persoas, os obxectos voadores ben identificados que matan, os desencantadores de soños, as verdades a medias ou esmagalladas, os sucedáneos e edulcorantes, os xuízos, os prexuízos e os espellos deformadores das redes sociais, os silencios incómodos e as promesas que nunca houbo intención de cumprir, o pensamento único, os eventos meteorolóxicos adversos, as présas, as varas de medir que mudan de tamaño segundo o poder de quen as manexe, a perda inexorable, a soidade e a intemperie non desexadas, a doenza sen cura, a tristura sen consolo, os fabricantes de miseria, as inocencias perdidas, a reincidencia nos erros e a inevitábel intelixencia inhumana.
Suscríbete para seguir leyendo
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- Los famosos gallegos de la lucecita
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- Cuando la movida madrileña invadió Vigo: 36 horas de sexo, drogas y rock and roll
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa
- Los Quesada Legido, una saga de artistas
- Cervantes está de moda por ser lo que no fue
