Opinión | Facendo amigos
Nesta aldea houbo un pobo

Aldea abandonada en Ourense / Brais Lorenzo
Volvo estar recluído, de novo pechado noutra parte do noso rural, documentándome para a seguinte novela. Para o que me gustaría contar, o que importa non é a aldea en cuestión senón o encontro, unha vez máis, con esa sensación que, de tanto dar con ela, comeza a ser xa tan firme como vella. Aquí, a queixa sempre é a mesma: xa non queda ninguén. Como Manoel Antonio, fomos ficando sos, a aldea, os aeroxeradores e mais nós. Só que, a diferencia do poeta, a nós o que nos roubaron non foi o sol, senón a xente. O pobo.
Para enchouparme ben do ambiente que pretendo retratar, saio dar paseos todas as mañás. A paisaxe é impoñente, colosal. Pero non podo deixar de fixarme en algo máis: ao alto da serra no outro lado do río tamén chegaron os aeroxeradores. De feito, a estas alturas Galicia xa debe de producir tanta enerxía que, se a enchufáramos ao ánimo colectivo, igual ata esqueciamos tanta choiva… Pero, entre tanto, seguimos sen atopar un enchufe para fixar poboación. Vese que aquí a corrente é outra. Aquí xeramos megawatts como quen pela pipas, exportamos electricidade coa mesma naturalidade coa que exportamos fillos, e aínda así seguimos sendo ese lugar do que hai que marchar para que as estatísticas cadren. Somos unha potencia enerxética con síndrome de aldea baleira: producimos luz para que desde outros lugares poidan ver con eléctrica claridade o baleiro en que imos quedando.
Agora que comezan a soar os mesmos cantos de serea para avalar unha suposta loita con Canarias por ver quen de nós se fai co control do vento mareiro, regresan tamén ese anuncios tan cargados da mesma alegría coa que antes inaugurabamos rotondas: «Galicia será clave no futuro enerxético de Europa». «Estratéxica». «Sostible». «Verde». Palabras todas que, xuntas, soan a folleto institucional con vacas felices pastando baixo un aeroxerador que vira amodo, coma se non tivese présa por cambiar a paisaxe para sempre. Aquí todo é estratéxico... menos a xente.
Porque esa é a verdadeira innovación galega: conseguir que o territorio produza riqueza sen necesidade de habitantes. O rural como concepto abstracto, como fondo de pantalla. Vas por unha estrada secundaria e ves muíños, liñas de alta tensión, polígonos levantados no medio da nada con nomes que soan a ciencia-ficción... Se te descoidas non ves nin un bar aberto, pero iso si: enerxía limpa. Hixiénica. Euxenésica. Tanto, que acabou levando a xente por diante.
E entre tanto aquí seguimos, papando o relato de que todo isto é unha oportunidade histórica, co discurso recauchutado na épica das cifras, que sempre son do máis obediente: «Galicia produce máis enerxía da que consome». «Galicia bate récords de xeración renovable». «Galicia lidera non sei que clasificación enerxética...». As cifras son como eses familiares que só veñen para as vodas: saen na foto e parece que hai moita xente. Pero logo chega o luns e na aldea non hai máis ruído que o do vento, que agora ademais move un muíño.
Ao final, o da oportunidade «histórica» é certo, pero non do xeito que nos queren colar: levamos toda a nosa historia tendo oportunidades que consisten en marchar. Antes faciámolo cunha maleta de cartón e unha foto da familia; agora son os nosos fillos os que marchan cun máster e un contrato en prácticas. Cambiamos a morriña polo roaming, pero o mecanismo é o mesmo. E entre tanto, aquí todo se conta en futuro: imos ter, imos converternos, imos gañar... Imos ser a repanocha! Nada máis nos falta que, daquela, quede alguén para contalo.
Porque, entre tanto, ese é o problema: somos unha das grandes baterías enerxéticas de Europa, pero nas aldeas vai desaparecendo o elemental para poder permanecer nelas. Servizos básicos, alimentación, comunicación, centros educativos... Médico, carallo! Ou, polo menos, algo tan revolucionario como un traballo que non obrigue a mirar o calendario pensando no día de marchar. Todo tan elemental como o querido Watson.
Galicia produce tanta enerxía que podería iluminar Europa enteira. Mágoa que non sexamos capaces de usar unha parte desa luz para alumar un proxecto de país onde a xente non sexa un estorbo na paisaxe. Somos unha potencia, si. Unha potencia que exporta quilowatts e importa despedidas. E así é difícil facer amigos. Pero, miren, polo menos niso, aquí seguiremos sendo autosuficientes. E recargables...
Suscríbete para seguir leyendo
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- Los famosos gallegos de la lucecita
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- Cuando la movida madrileña invadió Vigo: 36 horas de sexo, drogas y rock and roll
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa
- Los Quesada Legido, una saga de artistas
