Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Sputnik

Dungeons and dragons

Dados usados no xogo «Dungeons and Dragons».

Dados usados no xogo «Dungeons and Dragons». / FDV

Na madrugada do trinta de abril de 1994, Carlos Moreno foi brutalmente asasinado a puñaladas nunha parada de autobús. O autor do que se bautizou coma «Crime do rol» foi Javier Rosado, un estudante Químicas, coa colaboración de Félix Martínez, que daquela tiña dezasete anos e cursaba COU. Declararon que o asasinato fora parte dun xogo deseñado por Rosado, chamado Razas. O obxectivo era atopar alguén que cumprise unhas características determinadas e matalo. Durante o rexistro da vivenda de Rosado atoparon una biblioteca onde, xunto a outros volumes de ideoloxía nazi, e quince coitelos, estaba o Mein Kampf, de Adolf Hitler. Pero había algo que foi considerado bastante máis perigoso: manuais de rol. A prensa da época, acompañada do impacto dun artigo titulado Una necrosis similar, onde se afirmaba que o rol «producía necroses fulminantes nos tecidos da cabeza e do corazón, desprezo pola realidade e ignorancia, ademais de promover a psicopatía», foron unha chispa dentro dun almacén de pólvora. Obviáronse as declaracións do propio Javier Rosado, que dixo: «El rol me repugna. Sólo he jugado a Razas. Es un juego inventado por mí, en el que no interviene el azar. Por eso se juega sin dados».

Este feito provocou a persecución de miles de mozos afeccionados aos xogos de rol, a súa estigmatización nos medios de comunicación durante anos e a alarma social. Recordo as advertencias de que o rol «incitaba a matar» coa mesma forza e o mesmo pavor de que había homes que vendían caramelos con droga na porta das escolas para engancharnos. Moitos pais tiraron ao lixo manuais de rol para evitar ter criminais dentro das súas propias casas, cando o que estaban conseguindo era alimentar ese desexo tan poderoso por aquilo que é prohibido, especialmente dunha maneira tan inxusta.

Vinte anos antes do Crime do rol, no ano 1974, Gary Gygax e Dave Arneson, convencidos da idea de personalizar as batallas dos seus wargames de fantasía e focalizalas coas fazañas individuais de cada heroe, creaban o impresionante Dungeons an Dragons (D&D), o primeiro xogo de rol moderno, que marcou unha épica e supuxo o nacemento dunha revolución que, máis de corenta anos despois, segue provocando esa emoción tan pura que percibín estes días nun grupo de nenos, que se xuntan cada semana para xogar a D&D e vivir unha aventura dentro dun mundo fantástico que o seu master –ao que observan con admiración– guía e eles completan; porque cando tes unha imaxinación poderosa, un grupo de amigos e posibilidade de xogar e crear ao mesmo tempo, vólveste invencible.

Nos anos oitenta Dungeons and Dragons foi rebautizado coma Satanic Panic entre os sectores máis conservadores de EEUU. Consideraron que era unha porta aberta ao satanismo e que era necesario erradicar. Algo que tamén sufriron dalgún xeito varias bandas de heavy metal. E non podo evitar pensar en Eddie Munson, o líder do Hellfire Club, ese grupo de amigos que quedan para xogar a D&D á saída do instituto, cun compromiso inquebrantable. Porque se un falla nunha desas quedadas, prexudica a partida e ao resto dos compañeiros. O rol require, por riba de todo, un enorme compromiso. Eddie Munson ofrece esa revisión crítica ao Pacto Satánico que encarnou en EEUU o furor de Dungeons and Dragons, e a teoría de que detrás de algúns crimes violentos estaba a sombra da adoración ao diaño. A inspiración principal para o personaxe de Eddie Munson foi o caso dos «Tres de West Memphis», un crime onde tres adolescentes foron condenados inxustamente polo brutal asasinato de tres nenos de oito anos, en Arkansas. A policía e prensa describiron o asasinato coma un sacrificio satánico, evidenciado a través da paixón dos tres adolescentes polo heavy metal.

Eu quería escribir un artigo sobre como os considerados freaks de Hawkins nos arrebataron o corazón porque eran os amigos e amigas que precisabamos cando estabamos na escola ou no instituto e non conseguiamos atopar criaturas da nosa especie. Quería falar da amizade incondicional entre Eddie e Dustin; ou Dustin e Steve; ou Steve e Robin; ou Robin e Will; ou Will e Mike, e de como Stranger Things conseguiu que os botemos tanto de menos agora que xa non están. Eu quería escribir un artigo sobre Stranger Things, pero terá que quedar para a próxima.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents