Opinión | Sputnik

Escritora
O mundo imaxinario

En España, as uvas despiden o ano vello e procuran a sorte do que entra. / FDV
Hai varias teorías que explican a orixe da tradición de comer as uvas na noite do 31 de decembro para despedir o ano. A máis estendida defende que a causa foi un excedente que tivo lugar en España no 1909. O xeito que atoparon os viticultores de dar saída a toda a cantidade de froita foi inventar o concepto de uvas da sorte e comercializalas en paquetes de doce, unha por cada mes do ano. Toda unha operación de éxito que se perpetuou como unha maneira de procurar a sorte do ano que empeza. Unha uva por cada badalada, por cada mes, para cumprir os desexos antes de brindar. En países coma Ecuador ou Colombia queiman bonecos que lembran o noso meco de Entroido. Os bonecos foron personalizándose ata representar personaxes públicos ou eventos que marcaron o ano que remata. A queima simboliza un ritual de purificación e renovación. O peche definitivo do que marcha para darlle a benvida ao novo comezo. En Italia cean lentellas na procura da prosperidade económica; en Dinamarca escachan pratos contra as portas de familiares e persoas queridas coma un símbolo de boa sorte e de perpetuar a amizade -unha tradición que ten as súas raíces na Idade Media, onde se consideraba que os pratos rotos afastaban os malos espíritos-; en Porto Rico tiran cubos de auga pola fiestra simbolizando unha especie de limpeza das malas experiencias do ano que remata; en Xapón fan repenicar cento oito badaladas nos seus templos para purificar os cento oito desexos mundanos, conforme á tradición budista (Joya no Kane). Non é un número escollido de xeito aleatorio. O budismo considera que o ser humano está sometido a cento oito desexos ou paixóns que provocan un grande sufrimento (o afán de poder, a codicia, a ignorancia, a hipocrisía, os ciúmes…); en México varren as casas de dentro cara a fóra para limpar o malo (costume que conecta con Galicia); en Grecia penduran cebolas nas portas principais dos fogares e espertan con eles as crianzas polo día de Aninovo, polo convencemento de que a cebola protexe as casas dos malos espíritos e atraen a boa sorte.
Non deixa de impresionarme que todos estes rituais de boa sorte teñan unha vixencia tan poderosa en todas as partes do mundo e que se relacionen dunha maneira tan estreita: afastar o malo e chamar pola sorte. Cando, a realidade, é que a sorte é poder celebrar o rito, sexa cal sexa, rodeado daquelas persoas coas que queres estar. Os meus ritos favoritos son os inventados polas crianzas, aquelas que prefiren mudar uvas por larpeiradas dun tamaño axeitado para afrontar as badaladas. Eu adoito sumarme a eles ou simplemente a observalos con estupor, coma herdeiros dun legado que non deixa de parecerme estraño.
Nestes últimos días do ano onde as redes foron invadidas por textos onde se resumían os supostos logros do ano e se transmitían imaxes de éxito e prosperidade ata o empacho, moito pensei en que, talvez, este modelo de alardear e esaxeralo todo para que as vidas parezan perfectas está próximo a desaparecer. Esa multiplicación de mundos imaxinarios non pode sosterse de xeito indefinido.
Sexa como for, mañá é unha das noites grandes do Nadal, a noite da despedida, e non quero rematar este texto con pegada de Grinch. Por iso, para aqueles que aínda non completaron a carta para os Reis Magos ou non saben como resolvela, recomendo unha xoia literaria e visual publicada recentemente por Fulgencio Pimentel: Pataslargas y el misterio de las profundidades. Unha epopea tridimensional onde se dilúe a fronteira entre a realidade e a imaxinación. Unha obra asombrosa, unha xoia que rompe a cuarta parede con mestría e que me conmoveu profundamente. Feliz noite de Reis!
Suscríbete para seguir leyendo
- Herida muy grave una mujer tras una colisión frontal contra un camión en la N-550 a su paso por Pontevedra
- Reino Unido ya vende sus pulpos en Galicia: su sector pesquero factura ya casi el doble que el gallego por la persistencia de su «plaga»
- Buscan a un hombre de 43 años tras agredir a su expareja y secuestrar a su bebé en Ponte Caldelas
- Una nutria «enorme» sorprende a los bañistas en las playas de Coruxo
- De Doja a A Estrada para abrir boca
- Cancelado el Reggaeton Beach Festival 2026 de Nigrán: la dirección del evento anuncia que no habrá festivales este año
- Las gasolineras de bajo coste, camino de absorber más de la mitad de la oferta en Vigo: proyectan otra apertura junto a la avenida de Madrid
- Muere un presunto narco en un operativo contra el tráfico de drogas en Arousa