Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Dende a fiestra

A voz feminina na poesía

Clara Pino.

Clara Pino. / J. L. Cuervo

Sentado diante da fiestra rememoro o fantástico concerto que vivín hai unhas semanas no Teatro García Barbón (si, para min sempre levará ese nome, malia que hoxe figure como Afundación). Que sentimentos tan profundos espertou en todos os que asistimos á actuación do lendario guitarrista e compositor estadounidense Al Di Meola cun formato trío acústico xunto a dous músicos excepcionais e amigos de toda a vida: Peo Alfonsi (guitarra) e Sergio Martínez (percusión). Foi, sen ningunha dúbida, unha viaxe musical profunda e próxima, onde a técnica virtuosa se une á emoción pura, e onde cada nota serve de ponte entre o escenario e o público. En palabras de Al Di Meola, «son veladas que están pensadas para sentirse coma unha conversa entre nós, sobre o escenario, e vós, no público… momentos de beleza, ritmo e emoción». E abofé que estas palabras do artista se viron reflectidas nun serán inesquecible para todas as persoas que alí estivemos.

Co fondo dun disco de Di Meola dedicado aos Beatles –impresionante–, abro un poemario bilingüe que acabo de mercar. A autora: unha poeta que admiro fondamente, Eva Veiga. Este libro bilingüe titúlase O que se volve raíz e está publicado por Olifante. E leo: O que tecemos/ faise con relampos do que se perde/ entre o ir e o nunca regreso/ para que cada quen teña/ a súa estrela arde a silveira/ no escuro do bosque / mais a luz é todo/ o que non vemos. E entre a guitarra de Al Di Meola e a voz exquisita da amada poeta xorde un remanso de paz e luz que me acariña.

Daquela, penso na voz amordazada das mulleres na literatura durante tanto tempo e sinto rabia acompañada dunha luz que se acende co achegamento á poesía de tantas mulleres que racharon con moita dificultade ese silencio ruín no que estiveron sumidas. Penso nas primeiras mulleres que lin tras Rosalía: Xohana Torres, Luz Pozo Garza, Pilar Pallarés, Chus Pato, María do Carme Krukenberg, Mª Xosé Queizán e a propia Eva Veiga, ás que tanto debo e deben poetas mulleres posteriores, que fixeron da poesía actual unha auténtica idade de ouro ateigada de recitais, galardóns e presenza pública. Hoxe dá gusto ler e escoitar a voz liberada de mulleres novas que escriben unha poesía orixinal, valente e liricamente admirable.

Por outra banda, necesario, moi necesario é o libro As poetas da colección Salnés, editado por Galaxia, cunha introdución e escolma de Patricia Arias Chachero, que nos presenta poemas de Kruckenberg, Pura Vázquez (outra clásica), María Manuela Couto e Anne Marie Morris, ademais de Xohana Torres. A colección Salnés naceu no ano 1961 coa aparición do poemario Nenias, de Iglesia Alvariño. Unha colección mítica de poesía que, non sendo elevado o número de voces femininas, presenta catro mulleres que publicaron os seus poemas nela. Tamén aparece Xohana Torres, que non chegou a publicar en Salnés, pero a editora inclúea porque foi a primeira muller que publicou en Galaxia (1957) un poemario: Do Sulco. As poetas da colección Salnés é un libro imprescindible para comprender o arduo camiño que tiveron as poetas para dar a coñecer a súa poesía.

Por se isto fose pouco, chega ás miñas mans un libro orixinal, As trobadoras silenciadas. Fermosamente editado pola Editorial Elvira (Que gran labor o seu!), a súa autora, Clara Pino (Vigo, 1972) traballa de xeito harmónico coa pintura de Ángeles Garrido, creando un universo no que se conxugan admirablemente a beleza estética e as palabras.

Clara Pino percorre aqueles oficios desempeñados tradicionalmente por mulleres que sostiveron co seu traballo sectores variados da economía galega. Dende eses oficios (redeiras, leiteiras, aleitadoras, labregas, muiñeiras e outros) realizaron tarefas moi duras e pouco recoñecidas. Non cabe dúbida de que, malia ser silenciadas, abriron o camiño na loita pola igualdade, tan necesaria actualmente. E convén darlles visibilidade.

Introducidas por versos de cantigas ou refráns tradicionais e de anacos de cancións actuais (A.Vega, Golpes Bajos, Bob Dylan, La Mandrágora, Radiohead…) Clara Pino, cunha sensibilidade exquisita e cunha forza envexable, vai dando vida poeticamente a eses traballos cotiáns, facendo desas suores, deses esforzos, desas penalidades, desas incomprensións, un verdadeiro universo poético que emociona.

Hai afouteza nos versos, hai carraxe en moitos deles, hai rebeldía, pero, tamén, moita beleza e un respecto e un compromiso que conmoven.

Nada mellor para rematar estas líñas ca uns versos do poema dedicado ás costureiras: Ninguén coñece máis ca min/ as túas embelgas, / aquelas que sinalan/ a ardora no puído da túa pel. / Afondo en ti/ Subo as dobras do pantalón/ para logo remendar os petos/ onde agochas, coma tesouros, / as lambetadas (…)

A voz poética das mulleres resoa na nosa literatura. Gocemos dela.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents