Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Wendy no tornado

A ilusión intacta

Un can disfrazado de Papá Noel.

Un can disfrazado de Papá Noel. / Andy Rain/EFE

As carreiras polas nubes son un dos pasatempos preferidos de Pachi e mais eu aquí enriba. Co tempo, aprendemos a as identificar.

Desconfiamos das nubes fragmentadas bonitas por portaren xeo; fuximos das antracitas-violetas pola electricidade e renunciamos das esponxosas enormes polas turbulencias.

Despois de pasalo xenial con elas, volvemos felices para o tornado. «Podiamos preparar as cartas para Papá Noel e os Reis Magos», comentoume o can con ollos de vítima.

A min, deume a risa ata que vin que imprimía unhas plantillas en galego e con debuxos. Aí, caín na conta de que a súa ilusión seguía intacta. A diferenza entre ignorar e saber non sempre se pode medir do mesmo xeito.

Como aumentou tanto o custo da vida ao longo do ano, propúxenlle empatizar con Noel e os Magos e pedir só dous agasallos. Pachi rinchou: «Sempre foron tres de cada».

Ao comentarlle que había crise, el insistiu en que os datos do goberno apuntaban que a economía ía xenial, mesmo o emprego.

«Pero ti non ves que con 100 euros case non mercamos comida agora?», berreille. El pediu que me tranquilizara para lembrarme que tiña experiencia cativa polos seus catro anos de vida.

Na internet, atopou o vídeo definitivo: a comparativa dunha cesta da compra de 2025 e a mesma de 2007. A variación entre as dúas demostraba que aumentaran os prezos case un 135%.

Decatouse de que o incremento do meu salario fora moitísimo máis baixo. Noteille nos ollos e no rabo unha inquedanza. A min, deume mágoa.

Non quixen preocupalo. Quen era eu para quitarlle a ilusión na véspera de Nadal? Así que cedín e díxenlle que podía pedir tres cousas. Escribiu feliz.

De noite, mentres durmía, abrín a carta selada e lin: quería unha correa nova en cores azuis, un chuvasqueiro e... o terceiro partiume. «Que me sigan dando alomenos unha aperta ao día», escribiu. Déronme ganas de chorar pero pensei: «Menos mal que vivimos na Galiza. No Xapón, arrendan os abrazos e as amizades por aluguer cobran 50 euros á hora».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents