Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | SPUTNIK

Advento

Pazo en Salzburgo, Austria usado como calendario de advento

Pazo en Salzburgo, Austria usado como calendario de advento / Matthias Kabel / Wikipedia

Unha boa amiga tróuxome de Alemaña un calendario de advento en forma de locomotora. Desde o un de decembro, o maquinista Papá Noel convida a ir abrindo día tras día as portas de cada vagón ata chegar á noite do 24 de decembro. A palabra «advento» provén do latín adventus, e significa «chegada». No cristianismo, ese momento litúrxico de espera era o período de preparación previo ao Nadal. A orixe dos calendarios de advento está en Alemaña, a primeiros do século XX. Nun conto infantil publicado en 1851 pola mestra e escritora Elise Averdieck, aparece unha das primeirísimas referencias a un primixenio calendario de advento: «Todas as noites, cando a nena Elisabeth se deita, a súa nai cóntalle un pouco sobre a orixe do Nadal. Despois, cantan xuntas unha chea de panxoliñas e penduran un novo cadro sobre o Nadal no papel pintado. Fan isto ata que os 24 cadros colgan da parede e, daquela, as crianzas saben que chegou o Nadal».

Os primeiros calendarios de advento chamábanse calendarios de Nicolás, porque eran distribuídos o 6 de decembro, día de San Nicolás. Tiñan 19 portas, en lugar de 24. A invención do primeiro calendario de advento impreso atribúese oficialmente a un alemán chamado Gerhard Lang. Cando era un neno, a súa nai deseñou para el un anaco de cartón con 24 galletas cosidas. Gerhard podía comer unha galleta cada día, contando deste xeito os días que faltaban para a Noiteboa. En 1903, Gerhard imprimiu un calendario con 24 números, que foi producido en serie por unha empresa chamada Reichhold & Lang. O calendario de Gerhard incluía 24 versos curtos relacionados co Nadal sobre cada un dos días, ademais de 24 imaxes debuxadas e coloreadas polo artista Richard Ernst Kepler. A idea era que cada xornada, desde o 1 de Nadal ata o 24, as crianzas recortasen unha das imaxes e as pegasen sobre os días marcados no calendario, agochando un a un os versos.

Foi no 1920 cando a Reichhold & Lag decidiu fabricar calendarios de advento con pequenas portas. Este calendario foi deseñado pola artista Dora Baum e chamado Christkindleins Haus (A casa do neno Xesús). Mais tiña 19 portas dobres en lugar de 24, polo que pertence aos calendarios de San Nicolás. Despois dun parón durante a Primeira Guerra Mundial, na década de 1920 popularizouse a venda de calendarios de advento con diferentes deseños e tamaños. Convertéronse no xeito de axudar a que as crianzas fixesen a conta atrás ata o 24 de Nadal. Foi no 1926 cando en Alemaña saíu ao mercado o primeiro calendario de advento que ofrecía chocolate. Reichhold & Lang tivo a idea de mercar 20 pezas diferentes de chocolate á empresa Stollwerck, e introducilas no calendario de Advento que chamou «A rosa do Nadal». Nos anos 30 fabricáronse en Alemaña os primeiros calendarios de advento para crianzas con discapacidade visual.

Durante a II Guerra Mundial prohibiuse a produción de calendarios ilustrados, agás aqueles que comercializaba Franz Eher Verlag, a editorial do Partido Nazi. As tradicionais imaxes cristiás foron substituídas por imaxes simbólicas do partido.

Na posguerra, os calendarios recuperan a súa esencia e empezan a estenderse por todo o mundo.

O advento comeza o cuarto domingo antes do 25 de decembro. Neste ano en que estamos, coincidiu co 30 de novembro. Estamos polo tanto xa nesa preparación ou conta atrás ata o día de Nadal que forma parte do calendario litúrxico. Cos escaparates e tendas cheas de calendarios de advento, algúns verdadeiras xoias, é difícil resistirse á tentación de formar parte dese ritual que empezou a nai de Gerhard Lang cando deseñou de xeito caseiro aquel anaco de cartón con galletas cosidas. Eu, día a día, sigo abrindo as portas da locomotora e descubrindo con curiosidade infantil a peza de chocolate que agochan as 24 portas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents