Opinión | Que din as rumorosas?
Imos a menos

Unha pequena porta / FDV
Os tempos xa non son os de antes. Non porque cambiaran os costumes e sexamos vítimas de súpeto dun ataque de nostalxia, senón porque as horas foron adelgazando, seguindo os dictados da moda. Xa non sorprende que sesións de ioga, de fisioterapia ou mesmo clases de baile que outrora duraban sesenta minutos perderan quince polo camiño. O negocio sae gañando: por mor da maxia matemática é posible multiplicar os clientes.
Se cadra, tampouco a milagre dos pans e dos peixes foi tal: quizabes en realidade partiron en anacos o pouco que alí había para que parecese máis e despois serviron as racións en pratiños, outra moda que, coa excusa de evitar excesos, lle vén ben ao sistema, que anda xa a matinar en como fabricar cintos máis apretados.
Tamén as horas están a ser vítimas da reduflación, o mesmo ca os produtos dos lineais do supermercado. Os envases van minguando subpreticiamente e escatímansenos unha abelá por aquí, unha galletiña por alá, quince gramos por acolá. Ata os panos de papel son máis finos. Porén, no mellor dos casos, os prezos mantéñense á súa altura, maquillando de xeito imperfecto a tan temida inflación.
Mesmo así, o proceso de miniaturización prexudica á nosa carteira igual que afecta ao tempo, aos alimentos, á vivenda e ata ás familias, porque os fogares unipersoais non deixan de medrar. Para compensar, cada día véndennos coches máis grandes e televisores de máis polgadas, quizabes para seguir alonxándonos da realidade real, esa que vive a pé de rúa mentres os corredores dos hospitais rebordan de doenzas. Porque esas non, esas non van a menos.
«Os seres vivos nacen, crecen, reprodúcense e morren”, dicía o mantra. Dicía. Se ben os dous extremos da cadea seguen inmutábeis, os estadios intermedios foron evolucionando e hai quen non quere ou non pode deixar descendencia, e non por iso está menos vivo, e a regra agora é decrecer.
Os humanos xa teñen fantasíado coa idea, e houbo quen, como Asimov, imaxinou a un equipo de científicos desprazándose polo sangue para intervir nun coágulo cerebral. Pero agora temos nanobots para iso e xa non fai falla arriscarse a ser pisado por un veciño ou acabar de merenda do gato. Xa sabemos que o corazón, a xenerosidade, a empatía, canto máis grandes, mellor. Aínda así, en aras da supervivencia, tocaranos limitar os nosos desexos e adaptalos á medida dun planeta sen recambio. Ben sabía Alicia, a do País das Marabillas, o útil que pode ser encoller cando a porta pola que queremos entrar non é da nosa talle.
Suscríbete para seguir leyendo
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- El legado de Eduardo Barreiros
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa
- Los Quesada Legido, una saga de artistas
