Opinión | Haciendo amigos
O noxo

Detalle do cartel dos 10 fuxitivos máis buscados de España difundido pola Policía Nacional onde se atopaba Martiño Ramos / Policía Nacional / FDV
Hai catro semanas, e ao fío da repugnante fuxida protagonizada por Martiño Ramos, publicabamos aquí un Facendo amigos que levaba por título “Saudaba sempre”. Daquela, e por cuestións que non veñen ao caso, quedara fóra da páxina o remate do texto. Hoxe, e vistas as últimas novas relacionadas co caso, vexo oportuno recuperar o parágrafo perdido. Aquel que dicía...
E así, ao final Martiño Ramos Soto marchou. Fuxiu como unha rata covarde e miserable que, logo de facer dano, de contaminar o pan coa trabada dos seus dentes de alimaña, de fender o corpo co bater das súas gadoupas de besta desalmada, desapareceu... Oxalá haxa xustiza, aínda que nada máis sexa para traelo de volta e facelo pagar como merece. Pero eu, que o coñecín, sei que Martiño é moi capaz... E iso é o que máis me aterroriza: imaxínoo alá onde estea comezando xa o seu proceso de camuflaxe. Converténdose nun veciño máis, afable, disposto e servicial. Un que, con toda seguridade, en breve comezará a sorrirlle aos demais. Á fin e ao cabo, é o que facía aquí: saudaba sempre.
Tráioo de volta porque, tal como se descubriu nestes días, isto, exactamente isto, foi o que pasou. Martiño, agora xa convertido en Martín Soto, fuxira polas cloacas do mundo para volver asomar a súa repugnancia polas rúas máis luminosas da Habana vella. Pero non lle bastou con iso...
Esta vez non vou caer en chamalo “monstro”, porque sei que hai a quen tal substantivo non lle parece correcto para referirse a este individuo, pero non penso ceder en sinalar o monstruoso do que si fixo. E non, non me refiro só ao mal que perpetrou en Ourense senón, tamén, ao que xa estaba exercendo desde o outro lado do océano.
Porque á besta non lle bastou con atopar as físgoas do sistema e filtrarse a través delas. Non lle era abondo con poñerse a salvo e agocharse en silencio, senón que tivo que atopar unha nova atalaia desde a que seguir facendo dano.
Non en balde, non fixo ningún esforzo por ocultarse, senón ben ao contrario: sentíndose impune e todopoderoso, tal como adoitan facer os bos psicópatas de manual, que nin senten nin padecen a dor das súas vítimas, o depredador deixouse levar pola súa vaidade para, sen apenas ocultar a súa identidade, comezar a disparar de novo desde unha conta de Instagram, non só aberta a todo o público senón mesmo acompañada dunha foto súa na que se deixaba ver e sen máis cambios no seu aspecto que a cara barbeada e un curte de pelo á moda. Unha conta na que, por se isto non fose bastante, indicaba que o seu oficio era o da fotografía. A fotografía! Por favor, tamaña insolencia... O pederasta, o violador, a serpe agochada á vista de todos, pero non tras un muro alto de pedra, senón tras unha cámara, un ollo de cristal desde o que seguir contemplando arrogante e placidamente a vida ao seu redor. As olladas dos demais, a pose dos rapaces, os corpos das mozas...
E, por se todo isto non resultase indignante abondo, Martiño acompañaba cada unha das súas publicacións cunha sarta de reflexións, a cada cal máis repugnante. De feito, na derradeira que chegou a compartir, a besta que el é permitíase o luxo de reflexionar sobre o significado da palabra ceibe. Como se non puidese resistir a necesidade de deixarnos claro, a nós, á vítima, ao mundo enteiro, que el estaba por riba de calquera privación que nós, a chusma, pretendésemos poñerlle.
Na miña historia persoal, Martiño Ramos quedará para sempre na columna do debe, unha conta pendente coa paz, coa xustiza da vida, gravada en forma de cicatriz na pel do camiño. Unha decepción inmensa, tatuada en forma de frustración. Porque non lle bastou con fuxir polo sumidoiro abaixo como, efectivamente, a rata miserable que é. Non, a súa intención nunca foi marchar para poñerse a salvo, senón atopar a oportunidade para, unha vez máis e todas as que sexa necesario, seguir facendo dano. E velaí a impotencia: a de comprender que para elas, para as bestas como el, non hai cancións de redención posibles. Das malas persoas, das que nada máis levan ese lume negro dentro, tan só cabe esperar dolor. Dano, veleno e miseria. Maldade.
Suscríbete para seguir leyendo
- El caso de los asesinatos de cuatro hermanas gallegas
- «Opero unos mil tumores de pulmón al año»
- Luca, el “terremoto” de los circuitos gallegos
- El legado de Eduardo Barreiros
- Los famosos gallegos de la lucecita
- Tesoros forestales para (no) perderse en otoño
- «Ramsay llega tarde, la carne gallega lleva tiempo siendo la mejor del mundo»
- De un vestido de lentejuelas de su abuela a millones de reproducciones: así se labra el éxito en redes esta influencer viguesa
