Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Vou repetir

Xornalista e escritor

Lembro as luces e as cores

Na imaxe, un vello televisor

Na imaxe, un vello televisor / FDV

O noso vello televisor en branco e negro tiña unha asa na parte superior e conducía con aquela avanzada tecnoloxía para o rural, entre finais dos oitenta e comezos dos noventa, a un mundo distinto, a un tempo novo e portable. Cando o acendiamos oíase un ruído semellante ao dunha leve explosión. Era unha bomba de mentira, un adianto dun truco de maxia. Viamos películas ou programas na cociña mentres xantabamos, co aparello colocado na parte alta dun frigorífico pequeno. Antes, nos preparativos, o televisor estaba apagado porque a radio acaparaba o protagonismo, durante a media hora de avisos necrolóxicos, cos sons das campás entre unha nota e a seguinte. Miña avoa esixía silencio mentres os locutores, que se relevaban na lectura, identificaban os últimos defuntos, os nomes e o tamaño da familia, carnal e política, e indicaban os lugares e as horas para o velorio e o funeral.

Despois dese rito, e coa comida recendendo, desencartabamos a antena do televisor. Longa e ancha, estendíase como unha planta rubideira na procura de cobertura ata a cima das paredes. Cando había tempestade, tiñamos que manipular o dispositivo cada pouco, no intento de atopar a sintonía máis clara. Ás veces abondaba cun par de golpes na carcasa. Ao rematar de xantar cargabamos o aparello pola asa ata o salón ou o dormitorio, atravesando o patio e subindo as escaleiras de pedra, aínda que fose mal tempo e o frío e a choiva caesen con ímpeto sobre nós. Aquela breve mudanza que faciamos decotío lémbrame, mentre escribo acordanzas, outra historia, que miña nai mencionaba de cando en vez. Na taberna que meus avós rexentaron nesa mesma aldea, unhas décadas atrás, algúns días do mes aparecían polo lugar artistas ambulantes. Chegaban con maletas con cachifallos, paraban nun curruncho do local, á vista da maioría das mesas, e comezaban a súa función, que transitaba entre a música e o teatro.

Naquela época de escuridade achegaban a expresión artística a unha localidade pequena. Por un intre, Faramontaos sentíase coma Broadway, sen saber nada dese lugar de referencia, afastado e irreal. Miña nai, daquela unha nena que axudaba no negocio familiar, conta que soñaba con marchar canda a aqueles músicos, para ser tamén artista. Só chegou a viaxar a ese mundo alternativo coa imaxinación, coma cando viamos no vello televisor unha película en branco en negro, que alumaba na nosa mente un universo cheo de cor.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents